VIALIA
PLAYDOC

Carlos Núñez: «A dependencia da política non é sa, nin para a música nin para o público»

[Entrevista publicada no número de verán de 2019, previa ao concerto solidario que realizou na Colexiata de Vigo]

Carlos Núñez Muñoz (Vigo, 1971) leva desde ben pequeno aprendendo e investigando sobre a música tradicional galega. É un dos nosos músicos máis internacionais, un dos que máis colaborou con artistas de todo o globo. A súa faceta vén «dos nosos antepasados Celtas». Nótaselle certa ansia por compartir todo o que leva estudado. Cunha dicción clara e coa musicalidade transmiten os movementos das súas mans, tivemos con el unha boa conversa no alto do monte do Castro.

Comezaches a tocar a gaita aos 8 anos. Que che chamou a atención do instrumento?

Eu comecei a tocar a frauta no colexio, déuseme moi ben. O paso natural en Galicia era a gaita e fascinoume. Logo foi todo moi rápido, como ir por unha autoestrada.

Con 12 anos fuches seleccionado para tocar coa Orquestra Sinfónica de Lorient…

Si, e con 13 subín ao escenario de Castrelos co meu mestre Antón Corral e o grupo didáctico. Un Castrelos cheo de xente ata arriba. Eu con 13 anos xa era o que son hoxe en día. Tiña as cousas clarísimas, sabía que quería dedicarme á música, o meu problema era ser pequeno de máis. Na música hai uns biorritmos, se che pasa o momento, logo é tarde.

Pero topaches con The Chieftains.

Si, coñecinos aquel ano en Castrelos. Fixémonos moi amigos, estabamos sempre en contacto. Cando eu tiña 18 anos, chamáronme para participar na banda sonora orixinal d’A illa do tesouro (Fraser C. Heston, 1990). Entón eu empecei a contarlle cousas a Paddy e, para a miña sorpresa, aquel home escoitábame.

Que significou para ti esa xira internacional na que te levaron con eles?

Foi unha aprendizaxe enorme. De súpeto, poñerte a tocar no escenario cunha banda tan importante como The Who e notar a gran sensibilidade que teñen cara á música tradicional. Os músicos americanos tiñan un respecto grandísimo pola música tradicional, iso era algo que eu non vivira aquí, en Vigo.

Cando te formaches, a música tradicional en Vigo non pasaba o mellor momento…

Era o Vigo da movida e nós eramos uns marcianos. Grazas a esa situación, botamos aqueles anos estudando. A miña vida transcorría entre dous puntos: arriba, no conservatorio do Castro, estudaba a ciencia da música; e abaixo, na universidade popular, a música tradicional, a oralidade. Realmente fomos uns afortunados porque crecemos nunha cidade moderna como é Vigo, pero que está en Galicia, que estaba naquel momento conectada con Galicia. Creo que cando Vigo conecta con Galicia, resulta algo imparable.

Este verán, Carlos Núñez e The Chieftains celebrades 30 anos de colaboracións con con dous concertos.

Si, o primeiro celebrouse o pasado 24 de xuño no Jardín Botánico de Madrid e o día 4 de xullo actuamos no Festival de Jardíns de Pedralbes de Barcelona. Trátase dun concerto moi especial. Gustaríame poder facelo en Galicia, pero non existe un formato de festival para facer esta actuación.

Fuches crítico coa programación municipal no auditorio de Castrelos.

Nos dous últimos anos, entre o monte do Gozo e Castrelos gastáronse 10 millóns de euros de diñeiro público que foi parar a grupos guiris, cero para a música tradicional galega. Unha táctica que acostuman a ter institucións como o Xacobeo, e despois soltan as migallas para os grupos autóctonos. Por esa razón eu non participei no Xacobeo 99, porque sabiamos que nos estaban a dar migallas. Imaxina se as institución públicas estivesen regalando viño francés para todos, que pasaría co albariño ou co godello? Tendo que sobrevivir a base de billeteira.

Que che gustaría ver en Castrelos?

Nesta cidade houbo un festival celta máis antigo aínda que o de Lorraine. Fundouno Álvaro Cunqueiro e irmandouno co festival francés. O festival céltico de Vigo morreu, namentres que o de Lorreaine continúa e 750.000 persoas pagan cadanseu billete para ir. Ese festival non conta con subvencións. O problema de cando os festivais e as festas son a base de diñeiro público é que, en canto hai un cambio de goberno, desaparecen. A dependencia dos políticos non é sa, nin para a música nin para o público.

Como cres que se debería investir o diñeiro público na música?

Financiando bolsas para que os músicos que empezan poidan ir de xira con grupos xa consagrados. A miña experiencia con The Chieftains cambioume a vida.

No teu libro La hermandad de los celtas falas dunha diagonal en España que vai de Estremadura a Cataluña e que divide a Península Ibérica en dúas partes debido á tradición musical.

É que viven situacións ben diferentes. Rosalía di que quere facer pop coas súas raíces flamencas, Alejandro Sanz manifestou en varias ocasións que é flamenco ata a medula… En cambio no norte da Península non hai esa sensibilidade, por iso eu creo que sería moi importante que Galicia liderase iso. Vigo é o punto de encontro entre algo moi ancestral, que é Galicia, e o mundo moderno e sería unha pena desconectármonos desa parte tan profunda para nos converter nun centro comercial. Queremos que a nosa cidade sexa un centro comercial con moitas bombillas e cores? Sinceramente, eu non.

Hai certo misticismo, mesmo descoñecemento, arredor do mundo celta…

O celtismo en Galicia está desaparecido. Pódese facer un parador nun castelo medieval, pero nos 5.000 castros que temos repartidos por toda a xeografía non se pode facer nada, ando sería un grande éxito a nivel turístico. O noso é o castro máis grande de Galicia, o que pasa é que está ao descuberto unha ínfima parte. Este castro lideraba todo un conxunto de castros que se ven desde aquí.

Por que escollestes a Colexiata para o concerto solidario (22 de xullo)?

Pareceunos un proxecto interesante o da asociación Alborada, que merecía este apoio polo labor que desenvolve ao loitar contra as drogas. Un día subín ao campanario da Colexiata e vin unha imaxe fermosísima das illas Cíes. Alí debaixo, na Laxe, que é a pedra que está xusto no adro da antiga igrexa románica, é onde se facían as danzas de Martín Códax, sentín que aquel era como o quilómetro cero de Vigo. Entrei a probar e a acústica resultou ser xenial para un concerto moi sinxelo con frautas, gaita e órgano. As entradas vendéronse en menos de 24 horas, sinal de que aquí hai ganas de algo que non está en Castrelos.

REVISTA MAIO

A xira de lugares máxicos levaravos por outros escenarios ben curiosos.

Si, repetimos no parador de Baiona (13 de xullo). Curiosamente, o ano pasado había cantidade moitos vigueses e moitos estranxeiros. Este tipo de concertos atrae a xente de fóra, porque é algo máis que un concerto, é unha experiencia. Tamén nos programaron en Campo Lameiro (14 de xullo), nun concerto moi experimental para conectarmos co  rock art. Tamén temos concertos en templos, como o do claustro dos bispos do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín (25 de xullo) ou o do mosteiro de Oseira (27 de xullo). Ademais, como cada lugar pide un tipo de música diferente, imos rotando de músicos, de xeito que cada concerto resulta ser único.

Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.