CASAACUNHA

Universal, popular e descoñecida

Cando Nicolás Pastoriza presentou o disco Luna de Kubrick hai un lustro na hemeroteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), seica houbo moita xente que lle preguntou onde era iso. Unha anécdota que resulta curiosa cando falamos dunha institución con máis de 130 anos, situada no centro da cidade, ao abeiro dun edificio sobranceiro, obra do célebre arquitecto Michel Pacewizc. Talvez se deba a que, a pesar de todo, parece que só se fala nos medios do que albergan eses muros cando xorde no seo deles algunha polémica. Pero, antes de máis, falemos de historia.

O que hoxe é a EMAO inaugurouse en 1886 baixo o nome de La Cooperativa na rúa do Circo (agora rúa de Eduardo Iglesias). En 1900 múdase ao edificio actual, situado no número 5 da rúa co nome do filántropo que cedeu os terreos e asumiu o custo da obra, José García Barbón, cuxa efixie pintada ao óleo preside a sala que a escola habilitou como biblioteca, a primeira de carácter público desta cidade. Catro anos despois, constrúese un segundo edificio anexo, onde hoxe atopamos a Escola Municipal de Música Folk e Tradicional (ETRAD). Ata a guerra civil española, o centro goza de moi boa saúde, coincidindo cos anos de maior auxe industrial da urbe, acollendo obreiros versados en diferentes disciplinas e unha cantidade importante de mulleres, antes apartadas deste tipo de formacións. Aínda hai quen a chama Universidade Popular, designación que recibiu en 1982 baixo a influencia dunha corrente europea procedente de Alemaña. Feito coetáneo á famosa movida, que provocou que o centro se convertese nun fervedoiro cultural e creativo sen precedentes, moi avanzado tecnoloxicamente. Tras un período de obras no edificio, xa iniciado o século XXI, a Escola recupera o nome orixinal e inicia unha serie de cambios programáticos e lexislativos que continúan ata hoxe, xerando unha sensación de inestabilidade permanente. Recordemos que é o único centro desta tipoloxía en Galicia, dos poucos en España, que non se converteu en escola oficial de FP en Artes Plásticas e Deseño, o que a mantén nun limbo educativo e burocrático moi particular.

Rafael Ojea, director en funcións desde 2008, asegura que ese vaivén da institución non é nada novo: «Os xornais dos anos vinte xa falaban de que a Escola ía pechar, e aquí seguimos despois dun século». A polémica actual é diferente: nos últimos cursos houbo varias especialidades que non se puideron levar a cabo por falta de profesorado. Encadernación, Moda, Lutería, Moda, Ourivería ou Serigrafía foron algunhas das materias canceladas, temporal ou indefinidamente, por causa de baixas, renuncias, finalización de contratos ou xubilacións persoal docente. Segundo o mestre de debuxo Federico Fernández: «Non se debe xeneralizar, cada caso é diferente; é unha escola moi particular, pois non dependemos da Xunta como o resto de centros de ensino públicos e non hai listas de substitución para cada especialidade». Esta foi unha das causas da creación de MóvetEMAO, plataforma formada por alumnado do centro para denunciar a ausencia de clases, ademais de poñer en valor a historia e a importancia que ten esta institución para Vigo. David Amoedo, alumno da EMAO durante 13 anos e membro da devandita plataforma, confirma isto: «Houbo especialidades que chegaron a estar dous anos sen clase; un día tes un correo que di que as clases se cancelan indefinidamente». Malia que os estudantes non ven trazas de mellora, Ojea achega unha perspectiva máis optimista: «En 2017 os postos pasaron á oferta pública de emprego; por primeira vez en 130 anos, hai un persoal claro con postos indefinidos, aínda que non fixos, xa que aínda non se convocaron oposicións» e salienta que a suposta guerra entre o Concello e a EMAO non é tal, dado que o centro depende completamente do goberno local e se segue en funcionamento é grazas á vontade deste.

Banner A Movidiña

Polémicas á parte, este mes ábrese o período de matriculación para o curso 2021-2022 cunha oferta ampla: Artesanía en coiro, Cerámica, Debuxo artístico, Deseño e encaixe de palillos, Encadernación, Moda e confección, Ourivería, Pintura, Serigrafía e Talla e escultura en madeira. Segundo Ojea, «existiu o prexuízo, xa superado, que dicía que aquí só veñen a aprender persoas maiores que se aburren». Na opinión de Fernández, «hai un gran descoñecemento por parte da cidadanía do que se fai agora no centro; a opinión mellora moito cando a xente ve como traballamos». Unha visita polas diferentes aulas confirma ambas as dúas teorías, pois atopamos persoas de todas as idades, seguramente atraídas por motivacións diferentes: proxectos vitais, formación práctica con fins profesionais ou o crecente interese por parte da mocidade pola artesanía. A debilidade de estar á marxe da ensinanza oficial transfórmase en virtude cando a Escola se presenta como unha fortaleza que ofrece un amplo abano de posibilidades que doutra forma non sería posible. A pandemia sanitaria impediu a continuidade das xornadas «Os venres na EMAO», que daban a coñecer a cultura que hai detrás de todos estes oficios tradicionais. A pesar de que as persoas que se formaron aquí se contan por miles, aínda hai moita xente que non pisou nunca no edificio. Pasear polos corredores é como visitar un museo: paredes e recunchos cheos de cadros, carteis, cerámica, esculturas, pezas industriais… Unha viaxe a través do tempo na que tradición e modernidade van da man, onde podemos atopar desde Jerusalén conquistada: epopeya trágica, de Lope de Vega, nunha primeira edición de 1609 ata unha moto Yamaha feita con renda de palillos.

Recentemente visitamos a EMAO na compaña do escritor Domingo Villar, que ambientou boa parte da trama da súa última novela, O último barco (2019), entre aquelas paredes. Na aula de cerámica topamos cunha parella que viñera de Asturias para coñecer as localizacións do libro, coa consecuente sorpresa de ver alí ao autor. Resulta irónico, e tamén algo triste, que haxa xente de fóra que valore e queira coñecer este lugar, namentres que gran parte da veciñanza non o pisou nunca.

Pablo Vázquez
Redactor e fotógrafo

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.