REVISTA ABRIL

Rodrigo Cuevas: “A música tradicional non chegaría a niveis tan altos de lirismo e beleza se non tivese a función de cortexar”

Se Rodrigo Cuevas tivese tarxetas de visita poderíamos ler baixo o seu nome “axitador folclórico”. Esta profesión a medida define un xeito moi particular de facer música. Un proceso no que o asturiano embébese das tradicións, as historias e a historia do rural e converte o patrimonio inmaterial en cancións nas que mestura os instrumentos tradicionais con sintetizadores e ritmos urbanos. Faino ademais cunha estética atrevida, unha despampanante personalidade queer e a pretensión de axitar a mente dos oíntes a través da lírica.

O creador estará este sábado 29 no escenario da terraza do Auditorio Mar de Vigo, presentando o seu último espectáculo “Trópico de Covadonga”, a posta en escena do seu máis recente disco, “Manual de Cortejo”.

Ves a Vigo co espectáculo Trópico de Covadonga. Onde está esta latitude?

Pois é un lugar claramente inventado, pero só o nome, pois ten moito de real. É o lugar no que entras cando estás bailando un baile tredicional, tocando unha canción ou escoitando s a un vello contarlle un conto a un rapaz ou rapaza. Entras nun estado diferente, case catártico, no que o corpo aguanta horas bailando polo estado mental ao que te transportas. Ese é o Trópico de Covadonga.

A túa forma de facer música ten moita conexión coa espiritualidade.

Eu non lle chamaría espiritualidade. Para min é conciencia de que formamos parte da historia e un interese por coñecela. O novo show ten moito de etnográfico e antropolóxico, pois está baseado nos relatos reais de mulleres que coñezo.  O espectáculo vai pasando polos distintos habitantes do Trópico de Covadonga e contando a historia de cada un destes personaxes.

O disco do que sae o espectáculo é “Manual de Cortejo”. Alude a unha certa morriña das formas de relacionarnos?

A música tradicional non chegaría a niveis tan altos de lirismo e beleza se non tivese a función de cortexar. As cancións están feitas para engatusar e querer gustar.  Hai unha canción do espectáculo na que expoño a decadencia humana a través das formas de ligar de antes e agora. Antes cantabas unha poesía que che levaba días preparar. Agora abres a app e dis “Ola, quedamos?”. Esta pseudoevolución fixo que perdamos moita poesía no camiño.

Este traballo conta con moitos temas en bable, pero o teu primeiro disco tiña máis cancións en galego. Cal é a túa relación con Galicia?

Vivín oito anos en A Lama, e foi aquí onde descubrín a músca tradicional. Eu non faría o que fago se non fose polo que me encandilaron as pandeiretas, as muñeiras e os cantos de serán dasta terra. Curiosamente, foi a partir da miña estancia en Galicia que me interesei pola música tradicional asturiana.

Agora segues vivindo no rural. Ten isto algo que ver coa túa música?

Si, claro. Dame unha aproximación máis directa coa tradición, que é o material do que eu parto na miña música.

Non hai folclore nas cidades?

Por suposto. Hai tradición urbana, que vemos nos cantos de taberna e que trata temas máis ácedos e as veces de xeito máis aberto. Pero non é o seu hábitat natural, son as persoas que escaparon e escapan do campo quen a levan e a transforman nos núcleos urbanos. Todo ten o seu interese, pero o meu está nas aldeas.

No teu traballo hai unha mestura de dous mundos: as castañuelas e pandeiros con sintetizadores e pads. Que te levou a este estilo?

Pois a época na que vivo, que me permite ter alcance a medios distintos. Para min non é unha decisión rompedora, mais unha concepción continuadora e realista. En calquera época os músicos experimentaron cos instrumentos que tiñan ao alcance, sen prexuízos nin etiquetas,  e iso é exactamente o que eu fago. Estou convencido de que se pode facer música urbana desde o rural, e un exemplo disto é Presumido.

Cres que Presumido, Baiuca e ti mesmo formades parte dunha xeración de rexeneración das tradicións?

Si, quizáis hai unha moda, moi necesaria, de mirar atrás á hora de compoñer e  interesarnos por recoller material do pasado. Para min é algo moi bonito e tamén moi agradecido. É unha sorte poder traballar con referentes que son de todos, que forman parte da colectividade e permiten a moitas persoas recoñecerse neles.

Utilizar a electrónica achega a música popular as xeracións máis novas?

Estou convencido de que si. É o “instrumento” que predomina na música que moitos deles escoitan e polo tanto éntralles de xeito natural.  Para eles o exótico son as gaitas.

A estética temén parece un ingrediente importante dos teus espectáculos. É Rodrigo Cuevas realmente un folclórico queer ou iso é só sobre os escenarios?

Todas as folclóricas somos un pouco queer, non creo que eu inventase iso. E a todas nos gusta vestirnos de xeito especial nos momentos especiais, polo que creo que é unha mestura de ambas cousas. Eu son así, pero o demostro máis encima do escenario porque é como me sinto mellor. Gústame reivindicar as monteras ou as madreñas neste tempo e non só como pezas para interpretar o século XIX.

Tamén o cabaret entra nesta ecuación. É difícil esquecerte en medias, ligueiros e zocas, o atuendo do teu espectáculo anterior.

Agora xa non o fago, pois este é un espectáculo máis serio. Naquela época saíame só e como vía que á xente lle facía rir, engancheime un pouco a aquel personaxe.  Aínda hoxe, dependendo do ambiente, saeme a vea cabareteira , pois o humor é un xeito moi eficaz para establecer confianza co público.

Como axitador folclórico, buscas divertir, pero tamén concienciar.  En “Manual de cortejo” falas de temas como a homosexualidade e a transexualidade.

REVISTA ABRIL

Si, por exemplo Rambalera é un dos habitantes do Trópico de Covadonga, baseado nunha persoa real do barrio mariñeiro de Cimavilla, en Xixón, que foi asesinado por travestirse. Eu non quero que nos esquezamos de cousas como esas e por iso as reivindico en forma de cancións.

Hai entón un compoñente político nas túas cancións?

E en que non? Non creo que se poida facer nada nesta vida sen compoñente político. Algúns dirán que non, e seguirán facéndoo de xeito inconsciente. Eu fago activismo de xeito deliberado. Levo aos escenarios aquilo que me parece necesario contar e conservar e procuro que a xente saia do meu espectáculo con pensamentos que antes non tiñan.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.