VEGANA

Tanxugueiras: “A música tradicional galega é aclamada e respectada en calquera lugar fóra de Galicia”

Sopran ventos de cambio na nosa música tradicional. Nos últimos anos estamos a asistir a unha renovación do xénero folclórico, levado a cabo por artistas como Tanxugueiras, que este venres 29 presentan o seu novo disco Contrapunto na Sala Rebullón (Mos). Elas son Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, e de seguro darán moito que falar de aquí en diante.

Imaxe promocional de Tanxugueiras | Trece Amarillo

Que diferenzas atopamos entre o voso primeiro traballo homónimo e este Contrapunto?

Este novo traballo é máis íntimo e maduro que o anterior, arranxado vocalmente por nós e coa gran colaboración de Isaac Palacín que fixo os arranxos das percusións e que cooproduciu o disco con nós, polo que se trata dun traballo que soa totalmente a Tanxugueiras a día de hoxe. Contrapunto soa moito a terra e contén unha base máis rítmica.

Como xurdiu a idea de levar a cabo este proxecto renovador do folk galego?

Queríamos facer algo novo e que estivera arranxado por nós. Tíñamos moitas ganas de poñernos a crear cousas e darlle forma ás ideas que tíñamos nas nosas cabezas. Todo o disco está moi coidado e pensado minuciosamente para que sexa un círculo pechado e que todo teña sentido.

Estes poucos anos de vida bastáronvos para gañar os Premios MIN e Martín Códax. Esperabades unha recepción coma esta?

Para nada, e para nós é moi importante, sobre todo porque se deu visibilidade á música tradicional galega en lugares onde é moi complicado que chegue como nos premios MIN, por exemplo.

Comentaba Carlos Núñez que os músicos americanos tiñan un gran respecto pola música tradicional, algo que el no vira aquí. Estades de acordo?

Por suposto, a música tradicional galega é aclamada e respectada en calquera lugar fóra de Galicia. Os galegos (nós non) temos como “vergoña” do noso, a maioría non se senten identificados coa súa identidade e a súa cultura.

Moitas veces asóciase a música tradicional coa xente máis maior, mais nos últimos anos están a xurdir proxectos renovadores como Baiuca, Vudú ou o voso que rompen esta crenza. Vedes á xente nova interesada nesta música?

Si, ademais que este tipo de proxectos serven para introducirse máis nos gustos da xente que nunca tivo relación co mundo tradicional. Cada día hai máis persoas que se achegan aos nosos concertos e que se interesan por este estilo de música.

Destacades tamén polo voso coidado nos videoclips, como vimos en Desposorio ou Perfidia. Credes que a música tamén entra polos ollos?

Somos un grupo actual, estamos nun mundo multimedia,  polo tanto cremos que é moi necesario para chegar todo o posible ao maior número de espectadores.

(GMT+01:00) Sala Rebullón

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.