VIALIA
bannerPicnicSesions

Baiuca: “Estes van ser os anos do norte”

Nunha soleada mañá de maio desprazámonos a Santiago de Compostela, concretamente ao apacible barrio de San Clemente, para falar cun dos músicos galegos máis salientables dos últimos anos. Afastado dos focos, Alejandro Guillén, máis coñecido como Baiuca, continúa a crear unha linguaxe diferentre, única. Xa o demostrou en 2018 con Solpor e volve facelo agora con Embruxo, un álbum que afonda na imaxinería máxica e misteriosa do noso país. O primeiro concerto de presentación deste novo traballo será o día 21 de maio no Festival Terraceo, no Mar de Vigo.

Baiuca nos Apartamentos Blanco, no centro de Santiago de Compostela | P. Vázquez

Hai quen di que non se pode vestir calcetíns brancos con pantalón negro, e quen pensa que a electrónica e o folclore galego non casan ben. Baiuca rompe con estes e máis prexuízos. Un músico novo, vangardista e tradicional, reservado e cunha gran capacidade comunicativa. “Baiuca son eu, pero tamén é un concepto. Moitos non saben que é exactamente, se unha banda, un DJ… e iso gústame, pois libérame da presión e vén a significar que á xente o que lle gusta é a música, non quen hai detrás”, comenta o artista.

En máis dunha ocasión ao longo da entrevista fará fincapé no protagonismo da música, máis aló de calquera tendencia ou corrente: “Se chega a ser una moda, sería unha moi enriquecedora, pois están a xurdir moitas propostas polo norte de España que parten da innovación dunha cultura propia”. Adrián Canoura, o seu fiel escudeiro tras o apartado visual de Baiuca, foi quen inspirou a temática mística deste Embruxo, unha corrente que está a ser revisionada nos últimos anos con filmes como Lúa Vermella de Lois Patiño ou Caerán lóstregos do ceo do propio Canoura: “Gústame dar a miña propia visión de temas que, aínda que aquí sexan coñecidos, igual no resto no mundo non”. Preguntado se lle gustaría dar o salto ás bandas sonoras, Baiuca non pecha ninguna porta: “Aí andamos. Aínda non hai nada concreto, pero quero chegar a lugares nos que non me sinta tan cómodo, como no audiovisual ou producindo a outros artistas”.

As diferentes colaboracións axudan a non facer tan solitario o labor creativo deste alquimista da folctrónica galega: “Cada vez valoro máis a amizade á hora de traballar. Solpor foi un disco máis individual, pero en Embruxo aparecen máis conexións que me aportan unha riqueza que eu só non teño”. Un proceso que non segue ninguna fórmula, para conseguir que cada canción sexa unha experiencia diferente e non “unha máquina de facer churros”. A única máxima, semella, é manter un entorno emocional estable, algo moito máis importante que colaborar con xente que non coñece “só co fin de pegar un pelotazo”.

REVISTA ABRIL

O mundo da noite, o hábitat natural da electrónica, leva máis dun ano en barbeito. Con todo, Baiuca foi un proxecto concebido para adaptarse a diferentes entornos e horarios: “Gústame a idea de estar un día nun festival de electrónica e ao seguinte nun de música tradicional. Tamén ter formatos diferentes, xa sexa indo só con Adrián ou coa banda, dáme certa flexibilidade”. A Vigo virá deste último xeito, acompañado por Xosé Luís Romero ás percursións e Alejandra e Andrea Montero ás voces, mais sen proxeccións, posto que de fondo terá a impoñente ría coroada polas Illas Cíes.

O artista busca quitar o mal sabor de boca dun dos últimos shows que ofreceu na provincia, o pasado verán nas Festas de Pontevedra. Á metade da última canción, a policía decidiu poñer fin ao concerto ao interpretar que non se estaban a respectar as medidas sanitarias: “A aparición dos furgóns de policía xerou pánico na xente e fixo que se amontoasen aínda máis. Foi un erro de planificación por parte do Concello, pero cando salta a noticia o nome que aparece nos titulares non é o deles, senón o meu”.

Para non pechar a entrevista falando destes altercados pasados, preguntámoslle se ve algún paralelismo entre a modernización do flamenco por parte de C Tangana e Rosalía co que está a acontecer en Galicia con artistas como Laura Lamontagne, Boyanka Kostova ou el mesmo: “O flamenco é Marca España desde hai tempo, xa é a música de Madrid. Está presente no imaxinario colectivo desde hai décadas, o que fixo que se desenvolvera moito máis que as músicas do norte. Na actualidade hai unha eclosión destas músicas esquecidas que aínda están por descubrir. Eu creo que van a ser os anos do norte”. Que así sexa.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.