REVISTA ABRIL

Laura LaMontagne & PicoAmperio, os trobadores do novo século

Sentados nunha cafetería preto do futuro centro comercial Vialia agardaban por min Laura LaMontagne e PicoAmperio, os artífices dunha das propostas musicais galegas máis sorprendentes dos últimos anos. Unha mestura única de poesía, hip hop, cantigas de amigo, electrónica, spoken word e R&B que, desde o seu nacemento en 2019, gozou dun ascenso meteórico, chegando a actuar en festivais de toda a península. O pasado mércores fixeron vibrar ao público do Teatro Vidal Bolaño da Universidade de Vigo e este domingo 16 ás 20:00 farán o propio no Mar de Vigo durante o concerto do Día das Letras, organizado polo Consello da Cultura Galega.

Laura e Pedro nunha céntrica rúa de Vigo | P. Vázquez

Ninguén espera escoitar cantigas de amigo galaico-portuguesas dun dúo cuns nomes tan exóticos como Laura LaMontagne e PicoAmperio, aínda que a súa orixe non sexa tan fantasiosa como se poida pensar: “O meu nome artístico robeino de Ray LaMontagne [músico estadounidense de folk] xa cando estaba no instituto. E o de Pedro [PicoAmperio] basicamente era a conta de correo por onde me enviaba as pistas de audio. Pareceume perfecto xa que el anda moi metido no mundo dos aparellos electrónicos e das conexións”, explica Laura.

REVISTA ABRIL

Ambos zumegan amabilidade e agradecemento a todas aquelas persoas que fixeron posible que este proxecto chegase tan arriba en tan pouco tempo, feito de enorme dificultade para as bandas emerxentes nunha época ben complexa como a actual. Este domingo 16 terán a honra, e tamén a responsabilidade, de ser os encargados de levar a cabo o concerto da véspera do Día das Letras Galegas, sendo unha das poucas veces, desde o nacemento desta iniciativa en 2011, que a actuación non recae na Filharmonía de Galicia: “Cando mo dixeron pensei ‘estás de broma?’. Emocióname moitísimo, aínda máis no ano de Xela Arias. A súa familia díxonos que estaban moi contentos de que fósemos nós os encargados de darlle música á súa poesía, foi algo brutal”. Unha escolla arriscada e moi procedente por parte do Consello, quen xa nunha edición anterior programara a Sondeseu e Milladoiro.

O desta fin de semana non será un show típico: ademais do factor emocional e da presión engadida, Laura e Pedro acompañarán a súa música cunhas videocreacións audioreactivas do vigués Borja Bernárdez, que aportarán textura e cores a un concerto que levan preparando desde marzo: “É un reto compositivo e tamén loxístico, xa que estamos levando nós toda a produción”, relata Laura, quen descubriu a poesía de Xela en 2019, pouco despois da formación do grupo. Unha lírica que desde o comezo a cautivou: “Sentinme reflexada en todas esas inestabilidades que plasma nos seus textos. Sorprendeume o seu sistema de puntuación, tanto que tiña que ir eu cun lapis poñendo os puntos e as comas para ser quen de lelo ben”. Un exercicio de concentración que “dá que pensar, dá traballo e mantén ao libro vivo”, na opinión da artista.

Ademais dos versos de Xela, que serán “unha conexión de poemas” sacados de Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos e do capítulo ‘Poesía dispersa’ da súa Poesía reunida (1982-2004), o concerto contará con outras obras como Ondas do mar de Vigo de Martín Códax, o himno galego de Eduardo Pondal e mesmo unha cantiga de Alfonso X. Unha gran oportunidade de asistir a un recital único dun dos dúos máis prometedores desta nova corrente vangardista e tradicional que está a xurdir en Galicia nos últimos anos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.