O máis lido en A Movida neste 2022
Co remate do ano é o momento de mirar cara atrás e recoller os artigos que máis vos interesaron ao longo deste 2022. Un ano marcado pola volta á normalidade tras a pandemia e, con ela, o aluvión de concertos, festivais e todo tipo de plans culturais, gastronómicos e de lecer.
A RECONQUISTA
Unha das celebracións que voltou despois dun hiato de dous anos foi a Reconquista, a nosa gran festa popular. No noso artigo Todo o que tes que saber para ir á Reconquista repasabamos todos os detalles desta nova edición, que traía consigo algunhas novidades como cambios de localización, a colocación de diversos torreiros ou a ausencia de Pepe Xeito, finado en 2019. Ademais, o artigo contiña datos de interese a nivel histórico, organizativo ou de vestimenta.
CICLOS DE CONCERTOS: SOFAR SOUNDS E FUNDACIÓN SALES
A música en directo foi a gran beneficiada da volta á nova normalidade. Os concertos volveron ao seu estado natural, mesmo aumentaron a súa cantidade respecto aos tempos prepandemia. En Vigo xurdiron ou continuaron propostas musicais do máis diversas que chamaron a atención dos nosos lectores, en especial dúas: Sofar Sounds, concertos secretos en localizacións pouco habituais (a primeira actuación tivo lugar na Galería Maraca coas actuacións de Carla Lourdes, Pompa e Boato e Helen & Shanna); e o ciclo de concertos na Fundación Sales, no que participaron artistas como Najla Shami, Fillas de Cassandra, Velpister, Pólvora, Maldito Murphy, Paula Pascual, Loiros Band, Allova ou Stoned at Pompei.
SEMANA AZUL
Que Vigo ten un fortísimo vínculo co mar non colle a ninguén por sorpresa. Por iso non é de estrañar a boa acollida do artigo A Semana Azul inunda Vigo de actividades marítimas, onde recolliamos toda a programación organizada pola Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas: paseos en barco, showcookings, deportes acuáticos…
FESTIVAIS DE MÚSICA: SOLPOR MONTEFERRO, VIGO JAZZ-CLASS E VIGO SEAFEST
Como diciamos, os festivais de música volveron ao seu máximo apoxeo tras dous anos ausentes ou a medio gas. Curiosamente, os que máis interese espertaron entre os nosos seguidores foron tres de pequeno e medio formato: o Solpor Monteferro (Nicolás Pastoriza, Wondercovers, Le Voyeur, Isius…), o Vigo Jazz-Class (Atlantic Bridge Jazz Project, Orquestra Vigo 430, Sant Andreu Jazz Band…) e o Vigo SeaFest (Big Menu, Desiree Diouf, Koko Jean & The Tonics…).
GASTRONOMÍA: LAGARETA BY AURORA, O FANECO E TAPAS DE POLBO GRATIS
Se algo une á xente é a comida. Almorzo, brunch, xantar, merenda, cea, picoteo, restaurantes, mesóns, feiras, festas populares… tanto ten, o importante é darlle unha alegría ao estómago e pasar un bo anaco en compañía. Ao xa mencionado Vigo SeaFest podemos engadir outras propostas como Lagareta by Aurora, un espazo gastronómico versátil e diferente situado ás aforas de Vigo con vistas ás Cíes; O Faneco, proposta de Ubaldo Méndez para o restaurante do Parque Forestal de Beade, baseada en carnes e peixes a grella e cociña tradicional; por último, en outubro oito locais da cidade ofreceron gratis tapas de polbo e pota, unha iniciativa da Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto de Vigo.
VISITAS GUIADAS Á CIDADE DA XUSTIZA
En Vigo moito nos gusta ver as obras, e unha das máis destacadas dos últimos anos foi a rehabilitación do edificio que antes fóra o Hospital Xeral, agora Cidade da Xustiza. A reforma integral, obra do arquitecto vigués Alfonso Penela, recuperou moitos dos elementos que fixeran famoso ao Pirulí na súa inauguración en 1955, cando ostentaba o posto do segundo edificio máis alto do Estado cos seus 75 metros de altura. O prato forte destas visitas guiadas, que se celebraban os mércores en varias quendas, era a chegada a azotea, probablemente o lugar do centro da cidade con mellores vistas de Vigo e a súa contorna.
FESTAS DE MATAMÁ
A volta das festas populares como Deus manda foi outro dos greatest hits deste 2022. As da Nosa Señora das Neves, en Matamá, resultaron as vencedoras entre o noso lectorado, pois a súa ecléctica programación musical fixo as delicias de todo tipo de públicos: Orquestra Panorama, Heredeiros da Crus, Susana Seivane e a Orquestra América de Vigo encabezaron o cartel.
CONCERTO DE MUSE EN BALAÍDOS
A volta dos grandes concertos ao estadio de Balaídos non podía pasar desapercibida. O anuncio da saída das entradas para a actuación de Muse, non exenta de polémica, xerou unha grande expectación entre a cidadanía. O triple concerto (pois tamén actuaron Killer Barbies e Years&Years) foi un éxito, como podes comprobar na nosa crónica e galería de imaxes.
VISITAS TEATRALIZADAS AO CEMITERIO DE PEREIRÓ
Outras das actividades que gozan sempre de moi boa acollida entr eos vigueses e viguesas son as visitas teatralizadas polo Cemiterio de Pereiró. En 2018 acudimos a un destes roteiros fúnebres, onde Concepción Arenal, Irene de Ceballos (muller de Policarpo Sanz), Bernardo González del Valle (Cachamuíña) e María de los Milagros Elduayen (Marquesa de Valladares) exercen de guías. O ano pasado dedicamos o número de novembro da nosa revista a repasar a historia deste fantástico camposanto, un lugar que agocha tantas vivencias como corpos hai enterrados nel.
BONO CULTURA
Como se dun filme western se tratase, só os máis rápidos puideron facerse cos ansiados Bonos Cultura da Xunta de Galicia, que financiaban con 50€ a compra de moitos produtos culturais tales como discos, películas, libros, videoxogos… Neste artigo explicamos que locais vigueses estaban adheridos á campaña e os pasos a seguir para facerse cuns bonos que duraron menos dunha hora.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Revista de Nadal: A cultura a exame - 5 Decembro, 2024
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024