CONCERTOS CASTRELOS
DIA DE GALICIA

Ed Sheeran bástase el só para coroar o Monte do Gozo

Este sábado celebrouse no Monte do Gozo a xornada grande do Gozo Festival, evento encabezado por Ed Sheeran. Unhas 30.000 persoas desfrutaron do curioso espectáculo do británico, que exerceu de one man band, e do resto de artistas programados: Fillas de Cassandra, Angelina Mango, Mon Laferte, Milky Chance e Bomba Estéreo.

Ed Sheeran no Monte do Gozo | Mark Surridge

As viguesas Fillas de Cassandra tiveron este sábado o díficil papel de abrir a segunda edición do Gozo Festival ás 17:30. Malia o complicado do horario, unha cantidade importante de xente reuniuse para velas e cantar con elas, o que demostra o gran estado de forma no que están Sara Faro e María SOA na actualidade. A continuación subiu ao escenario a italiana Angelina Mango, representante do país transalpino nesta última edición de Eurovisión. A mexicana Mon Laferte foi a seguinte en saír a escena, quen rematou o seu concerto cunha fermosa versión a guitarra, trompeta e voz de ‘Tu falta de querer’, o seu tema máis coñecido (que conta con máis de 500 millóns de reproduccións tanto en Spotify como en Youtube).

Fillas de Cassandra | O Gozo Festival

Aos alemáns Milky Chance tocoulles tamén a complicada situación de tocar xunto antes da estrela da noite, co risco que iso supón. Con todo, saíron co mellor dos humores, especialmente o seu líder Clemens Rehbein. O cantante e guitarrista, que tiña un aire ao actor Jack Black se este vivise nun barrio xentrificado de Berlín, bromeu co público sobre o partido do pasado venres entre España e Alemaña, e vaticinou a victoria do combinado español na Eurocopa. O que ofreceron en directo non tiña moito que ver co seu disco máis famoso, Sadnecessary (2013): deixaron máis de lado o indie folk para centrarse nun pop electrónico máis festivaleiro que sentou moi ben ao público asistente. De feito, o seu tema máis famoso (‘Stolen Dance’, billón e medio de reproduccións en Spotify) non foi o máis memorable da actuación, polo que os alemáns demostraron, ou polo menos puxeron todo o seu empeño, que non son un one hit wonder.

Milky Chance | O Gozo Festival

Continuando cos anglicismos, chegou a quenda da estrela da noite, do one man band que visitaba por primeira vez terras galegas. Avisáranme de que o músico británico adoitaba tocar el só, sen banda de apoio, pero custábame crer que un artistas con cinco ou seis ceros no seu caché non levase a ninguén con el. Pero así foi. Ás 22:30 Ed Sheeran subiu ao escenario do Monte do Gozo vestido coa camiseta do equipo de fútbol británico Ipswich Town co número 17 á espalda. El só, cun rider que ben podería caber no escenario da sala viguesa Kominsky: unha guitarra, un teclado, dous micros, unha pedaleira e dous monitores.

A partir de aí, a loucura. Sheeran mostrouse amable e comunicativo, polo que non o tivo difícil para gañarse ao público desde o primeiro momento. Tras un dos primeiros temas explicou o funcionamento da súa proposta: todo o que se ía escoitar esa noite era en directo, non había pistas pregravadas. El mesmo encargaríase de facer as percusión, guitarras, teclados e coros a traves dunha pedaleira de loops, que permite ir gravando diferentes pistas unha enriba doutra e alternalas só con pisar uns pedais.

Ed Sheeran no Monte do Gozo | Mark Surridge

Malia a decepción inicial de comprobar que non levaba banda, non quedou otra que recoñecer o bo desempeño do británico coa guitarra e os pedais. En practicamente ningún momento da noite se botaron en falta eses músicos extra, aínda que sigo pensando que o show melloraría se a proposta dos loops só fose unha parte do espectáculo e non o total. En calquera caso, Sheeran repasou en hora e media todos os éxitos da súa traxectoria, que non son poucos, repartidos nos discos que levan por título os símbolos matemáticos da suma, resta, multiplicación, división e igual. O pesadelo dun filólogo, vaia.

O primeiro hit da noite caeu na terceira canción, e quizais sexa o máis especial do músico de Halifax. ‘The A Team’ foi a canción que o catapultou ao estrelato internacional cando tiña uns 18 anos, pero antes diso perfeccionouna ata o infinito en micros abertos de Londres onde adoitaba tocar para un público non superior a dez persoas. Sheeran recoñeceu que ás veces pecha os ollos e aínda pode ver eses pubs baleiros, e que ao abrilos o contraste coa situación actual prodúcelle unha forte emoción.

Ed Sheeran no Monte do Gozo | Mark Surridge

Emocionante temén foi o discurso anterior a ‘Eyes Closed’, tema que compuxo tras a morte dun dos seus mellores amigos hai un par de anos. Continuaría con ‘No Diggity’, ‘Thinking Out Loud’ e o tema que lle cedeu “a un amigo canadiense”, ‘Love Yourself’. Ese amigo canadiense non é outro que Justin Bieber. Con esta canción iniciou a denominada “sing along part“, é dicir, o momento do concerto no que encadeou as cancións máis emotivas para que a xente as cantase a todo pulmón. Soaron clásicos das vodas de todo o mundo como ‘Photograph’ ou ‘Perfect’, da que o propio músico dixo que se non sabiamos a letra é que e nos equivocamos de concerto. Fino humor inglés.

Pechou a actuación con outros dous temas icónicos: ‘Shape of You’ e ‘Bad Habits’. Así poñía fin a unha actuación impecable de 16 cancións. O único punto negativo, máis aló da ausencia de banda de apoio, foi o deseño dos visuais das pantallas. Semella que o británico escolleu os grafismos máis feos que atopou no Canva e os colocou un detrás doutro. Estou convencido de que a xente que se atopaba máis lonxe do escenario tería agradecido ver mellor ao seu ídolo nas pantallas e menos efectos de dubidoso gusto.

Ed Sheeran no Monte do Gozo | Mark Surridge

O cambio de escenario entre Ed Sheeran e Bomba Estéreo fíxose longo, o que se traduciu nunha importante desbandada de xente que deixou o foso preto do escenario medio baleiro. Neste contexto, creo que tería sido intelixente que a organización permitise o paso ao foso do público das gradas para dar unha mellor imaxe. Con este panorama, sumado ao frío da noite santiaguesa, a banda colombiana tiña por diante o intrincado obxectivo de conseguir animar o cotarro. Tardaron, pero conseguiron que o público bailase ao son da súa cumbia/champeta electrónica psicodélica, especialmente cos éxitos ‘To my love’ e ‘Fuego’. A escasa iluminación deste concerto tampouco axudou a que o público conectase, xa que había que esforzarse para distinguir á cantante ​Li Saumet e ás setas xigantes da escenografía.

No apartado do debe, O Gozo Festival seguiu a mesma estratexia que o seu homólogo O Son do Camiño de que os autobuses deixen aos asistentes a media hora a pé do recinto, tanto á ida como a volta, por unha estrada cortada ao tráfico. Tamén destacou para mal o funcionamento das casetas de devolución de vasos de plásticos, que quedaron sen cartos en efectivo cara o final do festival, cando todo o mundo procede á devolución destes obxectos que, supostamente, deberían servir para reducir a pegada de carbono e non para rabuñar euro e medio a persoas que xa gastaron mínimo cen euros por estar alí. Non debemos esquecer nunca que, malia que sobre o escenario haxa superestrelas da música mundial, as verdadeiras protagonistas deberían ser sempre as persoas que acoden como público.

SONRIAS
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.