REVISTA MARZO

As entradas para o concerto de Muse en Balaídos saen á venda este venres

As entradas para o que posiblemente sexa o concerto máis esperado deste verán xa teñen data de saída. Falamos de Muse, que actuará o próximo 8 de setembro no Estadio Municipal de Balaídos, acompañado polas bandas Years&Years e os locais The Killer Barbies. Os abonados ao RC Celta poderán acceder a unha preventa especial mañá mesmo, xoves.

Banner A Movidiña

Hoxe houbo unha presentación sobre o céspede de Balaídos, pero para desgraza dos seareiros do Celta non foi a de ningún crack do balón. A banda de rock británica Muse será a fichaxe estrela deste verán, xa que por fin é oficial que actuará o próximo xoves 8 de setembro no estadio vigués. O último concerto que albergou este recinto deportivo foi o de Alejandro Sanz en 2001, hai 21 anos. Antes, por aí pasaron artistas da talla de Madonna, Rolling Stones ou Dire Straits.

Os británicos nos estarán sós. Abrirá a velada ás 20:00 a banda local The Killer Barbies, iconos do punk rock noventeiro vigués. Unha hora despois chegará o trío londinense de electrónica Years&Years, decisión peculiar tendo en conta que a estrela da noite é unha banda de rock. Sobre as 22:15 subirán ao escenario situado no fondo actualmente en obras (antiga grada de Marcador) Muse, o trío formado por Matt Bellamy,  Christopher Wolstenholme e Dominic Howard.

Como conseguir as entradas? O público xeral poderá adquirilas a partir deste venres ás 10:00 nas páxinas web de Live Nation e Ticketmaster por un prezo único de 65€, tanto en grada como en pista. O aforo total será de 15.000 persoas, aínda que esperan poder aumentalo en 3000 ou 4000 máis de realizarse unhas pequenas obras no estadio. A organización quixo ter un detalle co Celta e os seus seguidores, polo que mañá, xoves 28, abrirase unha preventa só para abonados do Celta nesta tempada 22-23, a do centenario. O total de entradas dedicado a este sector será de 5000. Todos os abonados xa deberían ter un correo electrónico do clube na bandexa de entrada que explica como facerse cos billetes.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.