VIALIA
bannerPicnicSesions

Todo o que tes que saber para ir á Reconquista

A Reconquista xa está aquí, e despois de dous anos sen celebrala, é posible que esqueceramos unhas cantas cousas. Ademais, este ano hai varias novidades, como o cambio de localización da representación ou a creación de torreiros por todo o Casco Vello. Premendo aquí tedes todos os horarios da programación para estes catro días de festa.

José Manuel Veiga encarnando a Carolo, na representación de 2019 | P. Vázquez

CANDO É?

A semana pasado xa tiveron lugar algúns actos, como a representación da destitución do alcalde e da corporación profrancesa de Vigo ou o desfile das tropas napoleónicas. Pero a festa grande comeza este venres 25 coa apertura do mercado ás 19:00. A celebración durará ata a noite do luns 28 (festivo local).

QUEN O ORGANIZA?

Como contamos no artigo central da nosa revista de marzo, a Reconquista é un evento creado hai 25 anos pola veciñanza do Casco Vello, que ano tras no foi medrando ata convertirse en Festa de Interese Turístico Nacional. A metade do orzamento vén das arcas do Concello, cantidade que complementan con patrocinios privados e cos beneficios do mercadiño. Os actores tamén son xente do barrio, e a maioría repiten ano tras ano, o que lle dá a toda esta celebración un ambiente do máis familiar. Nesta edición, desgrazadamente, xa non estará Pepe Xeito, falecido hai dous anos. En 2019, na súa última representación, falamos con el e co resto do elenco daquela Reconquista.

CAL É O HORARIO DO MERCADO?

O famoso mercado da Reconquista, que ten desde pezas de artesanía ata deliciosos manxares culinarios (bendito chouripán), abre as súas portas o venres 25 ás 19:00 ata as 23:30. O sábado e o domingo fará o propio de 11:30 a 23:30 e o luns, último día, de 11:30 a 21:30.

CANDO E ONDE VAI SER A REPRESENTACIÓN PRINCIPAL?

O acto central da Reconquista é a súa representación, onde se escenifica o momento da expulsión das tropas francesas a mans da milicia local. Este ano, debido ás obras na Porta do Sol, esta función vai ter lugar o domingo 27 ás 18:00 no Torreiro central situado na explanada do Náutico.

COMO IR VESTIDOS?

Aínda que ninguén che vai prohibir entrar no Casco Vello se non cumpres o código de vestimenta, non está de máis ir caracterizados (que non disfrazados) na medida do posible. Neste artigo vos deixamos uns cantos consellos.

HABERÁ MÚSICA?

Pois claro que haberá! Numerosas agrupacións tradicionais actuarán nos torreiros repartidos por toda a zona vella ao longo dos catros días. Se prefires algo máis roqueiro, a banda Sniff & Crash (formada por membros de The Riggos e o escritor Pedro Feijoo) actuará o sábado ás 19:00 na explanada do Náutico. Preme aquí para escoitar o seu hit ‘Choripán’.

E OUTROS ESPECTÁCULOS?

Tamén. Haberá maxia, xogos tradicionais e populares, demostracións de oficios antigos, obradoiros de baile tradicional, monicreques, animación de rúa… Tamén outras representacións ademais da princiopal: desfile de tropas, marcha da milicia, saída das peixeiras e verduleiras, asalto ao carro dos suministros franceses, detención dos franciscanos… A programación completa a podedes consultar aquí.

ONDE ESTARÁN OS TORREIROS?

En todas partes. O central estará na explanada do Náutico, e haberá outros no Berbés, na praza dos Ratos, en Eduardo Chao, na Laxe, na praza da Princesa e na Pedra.

PERO ANTES, UN POUCO DE HISTORIA

REVISTA ABRIL

O 31 de xaneiro de 1809 os franceses asediaban e facíanse co poder da vila de Vigo. Aínda que a convivencia entre franceses e vigueses era tensa transcorreu sen demasiados incidentes. Entre os locais mantívose unha rede de contactos coas autoridades de fóra para organizar a sublevación, o rexedor vigués Vázquez Varela xogou aquí un papel fundamental. De maneira moi astuta soubo ir minando ao inimigo, racionándolle a comida para que chegado o momento da revolta estiveran baixo mínimos de enerxía. Queres saber máis? Preme aquí.

AÍNDA QUE NON TODO FOI COMO SE NOS CONTA

Xa que mentamos a Pedro Feijoo, un dos nosos escritores máis ilustres, hai catro anos deixounos un par de artigos sobre a Reconquista que paga a pena volver a ler. No primerio fala da súa relación de amor-odio con esta festa (aínda que parece que gaña o amor), e no segundo explica unhas cantas inexactitudes do que popularmente coñecemos como Reconquista, do relato construído co paso dos anos.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.