REVISTA ABRIL

Boa gastronomía e música na volta do Vigo SeaFest

Tras dous anos de parón, o Vigo SeaFest volve á carga do 7 ao 10 de xullo nun recén renovado Paseo das Avenidas. Xa sabemos cal vai ser o menú para esas catro xornadas de boa música e boa gastronomía.

Xente tomando algo na primeira edición do festival, en 2018 | P. Vázquez

A cociña de autor, baseada en produtos do mar, e representada por un elenco de 12 chefs galegos, é o epicentro dun evento que satisfai o lecer de toda a familia, cunha ampla programación de showcookings, concertos diúrnos e nocturnos, talleres familiares, actividades deportivas, espectáculos escénicos e de animación rueira, ademais dunha gran área de exposición onde se dá cita o complexo mar-pesca.

Soul, swing, hip hop… A música negra será a protagonista do cartel do Vigo SeaFest para este 2022. Big Menu, Desiree Diouf e Koko Jean & The Tonics encabezan a ristra de artistas que actuarán nos dous escenarios repartidos polos Xardíns de Elduayen. Tamén aberá bandas locais de versións como BlackStereo e Bafana Bafana e outras de son tradicional, como Caamaño & Ameixeiras.

No relativo ás actividades infantís, haberá obradoiros científicos, artísticos, de ensamblaxe, de estampación, de xeolocalización de caladeiros e artes de pesca, gastronómicos, de residuos mariños e unha exposición de especies mariñas realizadas con plásticos reciclados atopados no mar. Máis información aquí. En canto aos deportes, na dársena do Náutico haberá waterpolo (con torneo incluído) e vela.

REVISTA ABRIL
Rapaces xogando ao waterpolo na primeira edición do Vigo SeaFest en 2018 | P. Vázquez

A escena gastronómica de Galicia ferve coa irrupción dunha xeración de novos cociñeiros con formación e ganas de viaxar, que souberon trasladar aos produtos locais as técnicas culinarias máis internacionais. Vigo SeaFest seleccionou a 14 destes valores para que presenten e ofrezan no Festival unha receita elaborada a partir dunha das especies principais das frotas que comercializan o seu peixe desde o Porto de Vigo.

LISTAXE DE RESTAURANTES, FROTAS E ESPECIES

  • El Juliana – Armadora Hermanos Gardón – Arcea
  • Lume de Carozo – Armadora Pereira – Pescada
  • La Carpintería – Armadora FICP – Caella
  • La Pintxoteca Mar – Armadora Lanzal – Langostino
  • Mijo – Armadora Pesquera Áncora – Bacallau
  • Nikkó – Asociación de Cerco – Sardiña
  • La Tula – Armadoras Atlantic Gate / Skelling Fish – Rapante
  • La Contenta – Armadora Talasa Barbanza – Peixe espada
  • Trepia Gastronomía – Armadora Moradiña – Raia
  • Malasangre – Armadoras Grupo Santomé – Peixe sapo
  • Niño Corvo – Armadora Moradiña – Fletán negro
  • María Manuela – Armadora Atunlo – Atún
  • El temporal – Asociación de Cerco – Xurelo
  • La pica de Flandes – Calamari Trading – Calamar

Podes atopar máis información sobre cada prato premendo aquí.