CAMELIAS MASCOTAS

Dez plans para despedir febreiro

Dez propostas de actividades culturais para a fin de semana do 23 ao 25 de febreiro en Vigo. Música, baile, teatro, presentacións de discos e libros e as últimas boquedas do Entroido para despedir o mes máis curto do ano. Isto é só unha pequena selección do que se move na cidade nos próximos días, pero podes atopar todos os eventos na axenda da A Movida.

Abe Rábade acompañando a Salvador Sobral no Terraceo 2022 | Paula Cermeño

Amplía a información picando no título de cada evento

Concerto de Ari Magritte – Venres ás 19h

A artista local Ari Magritte cumpre 10 anos sobre os escenarios e celébrao dando un concerto con banda en Vialia. A cantautora estará acompañada por Flocos de Millo na batería, Alberto Cabadas na guitarra e Javier Gómez no baixo e interpretarán os temas do seu primeiro álbum Oráculo. O concerto é gratuíto na zona gastro de Vialia.

Monólogo de Quique Mantilla – Venres ás 21h

Club de la Comedia, Lo de Ferias, Beer Station, Lo Más Ridículo, Roast a España, Los del Sótano…e agora Vigo! o cómico de Valladolid fai rir ironizando sobre as situacións do día a día. O espectáculo será en Cañaveral e ten un custe de 12, 00 €. Se queres garantir a túa entrada podes adquirila con antelación aquí.

Concerto de Abe Rábade e Rale Micic – Venres ás 21h

Volven a Vitruvia o pianista Abe Rábade e o guitarrista Rale Micic. Os dous músicos de jazz xa tocaron xuntos no Carnegie Hall de Nova York, e fano agora en Vitruvia grazas á vinculación que Abe Rábade ten co local desde que empezaron. As entradas custan 15,00 € e recoméndase reservar no teléfono 645 99 66 90 xa que o espazo é reducido.

Swing On WIC.end – De venres 24 a domingo 26

A xente de Swing On non para e esta fin de semana supéranse organizando todo un festival arredor da música e o baile jazz e desa comunidade tan unida que están a crear. WIC.end inclúe clases de nivel aberto, varias festas con DJ e bandas en locais como Kominsky, La fábrica de chocolate e A Morada. O mellor é botarlle un ollo ao programa completo aquí.

Presentación de Miguelanxo Prado – Sábado ás 11:30h

Trazo de tiza, o cómic que fixo famoso ao historietista volve ás librarías en forma de edición especial de 30 aniversario. Miguelanxo Prado estará en Banda Deseñada para falar un pouco sobre esta nova edición e a continuación dedicar a obra a todos aqueles que aínda non a teñan entre as súas posesións. A actividade é gratuíta, pero podes asegurar a túa praza contactando co local no 986 12 95 71.

Teatro Gorrilla: O noso – Sábado ás 18h

Xornada especial do Teatro Gorrilla, a iniciativa que democratiza o acceso ao teatro e a danza. Desta volta comezará cun obradoiro creativo con Amparo Martínez en A Artística, e seguirá pola tarde coa peza O noso da mesma artista. A partir das 20:30 horas a acción trasládase á Casa de Arriba coa peza Na(i)cemento, de Ainhoa Linaza en. O obradoiro ten un prezo de 15,00 € e as actuacións funcionan con taquilla inversa.

Entroido en Bembrive e Bouzas – Sábado

Aínda podemos desfrutar dos últimos días do Entroido 2023. En Bouzas celebran o seu tradicional Enterro da Rincha este sábado. A cerimonia inclúe charanga para levar á rncha ata o porto e facela partir no “barco fúnebre” da Asociación de Mariñeiros Tradicionais.

Bembrive vivirá o sábado un dos seus días gandes co Desfile de Comparsas, gran verbena, baile e concurso de disfraces, ademais de actuacións musicais.

El sentido del humor – Sábado 18h

Levántase o pano, José Mota, Santiago Segura e Flo, tamén coñecidos entre certos sectores do público como La vieja del visillo, Torrente e Krispin Klander saen ao escenario cun único obxectivo: facernos rir por todos os medios. A cita máis divertida da finde é no Mar de Vigo e hai entradas a partir de 27,50€.

Showcase de Andrés Suárez – Sábado ás 19h

REVISTA NOVEMBRO

O cantautor galego Andrés Suarez actúa en directo en Fnac presentando o seu novo disco Viaje de vida y vuelta, que se publica un día antes, o 24 de febreiro. Tamén haberá sinatura de discos. De balde.

Teatro familiar Divertimentos -Domingo ás 16:30h

O cuarteto Alicerce propón este espectáculo sen palabras no que a música de Mozart condúcenos en clave de clown polas relacións humanas. Un divertido proxecto que trata de achegarse ao público familiar desde a música clásica, o humor e a creatividade. Forma parte do programa Vigocultura e as entradas custan 5,00€, tanto para nenos como para adultos.