REVISTA MARZO

Dez plans para a fin de semana

Non queda nada para comezar a fin de semana, e neste artigo propoñemos dez plans para facer en Vigo do 2 ao 4 de xuño. Música, festas populares, mercados e feiras entre outras cousas. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida!

Overdose Club – Venres 2 ás 00:00 en Molotov Club (5€)

A popular festa Overdose, organizada por Kaixo ao longo dos últimos anos en diferentes locais de Vigo, recala de novo en Molotov Club cunha noite de música protagonizada por artistas locais. Trece cantantes máis tres DJ farán bailar a todo o que se deixe caer polo local máis underground de Vigo.

El coro ¿Para que sirve la tragedia? – Venres 2, sábado 3 e domingo 4 ás 20:00 no Teatro Ensalle (10€)

Un Coro popular formado por persoas de diferentes profesións, xéneros e xeracións decide reescribir os catro movementos que compoñen a 9ª Sinfonía de Beethoven. Unha sorte de Corifeo que coñece as regras do escenario, axúdalles coa partitura e os movementos escénicos. Non queren usar instrumentación, só as súas voces faranse cargo da nova partitura experimental. Durante os ensaios o grupo fala sobre as traxedias, os temores e as problemáticas da sociedade actual. Non chegan a ningunha conclusión.

TerraCeo: Pancho Varona + Arde Bogotá – Venres 2 e sábado 3 no Mar de Vigo (desde 15€)

O festival TerraCeo continúa traendo a diferentes artistas á terraza do auditorio Mar de Vigo, sempre e cando a climatoloxía o permita. Esta fin de semana están Pancho Varona, o fiel escudeiro de Joaquín Sabina ata o seu recente desencontro, e os murcianos Arde Bogotá, concerto para o que xa non quedan entradas.

Festival Internacional de Danza Inclusiva – Sábado 3 ás 12:00 no Auditorio Mar de Vigo (7€)

Neste festival estarán a bailar sobre o escenario grandes bailaríns de EEUU, Alemaña, Italia, India, Portugal, Venezuela e España, combinando con vídeo danza de bailaríns de diversos lugares do mundo. Queren enxalzar a inclusión desde a danza no seu sentido máis amplo: unindo culturas, integrando países e diversas formas de danza. Este festival está coordinado polo Consello Internacional da Danza.

Concerto de Sanny con banda – Sábado 3 ás 21:30 en La Fábrica de Chocolate (desde 6€)

Sanny, o nome artístico da viguesa Sandra Gómez, debuta este sábado a partir das 21:30 na Fábrica de Chocolate coa súa nova banda. Anxo Paz á batería, Bruno Costas ao baixo e Denis Carballás á guitarra conforman esta agrupación coa que a compositora leva as súas cancións ao directo dunha maneira moito máis coidada e ambiciosa. Unha velada de folk, country e indie que fará as delicias dos amantes da música norteamericana.

Y se armó la gorda – Sábado 3 e domingo 4 en diferentes ubicacións (de balde)

Outro Conto organiza a primeira edición deste festival de aceptación corporal e autoamor radical contra a gordofobia no que participan activistas tan destacadas como Lucía CoutadoMara Jiménez ou Magdalena Piñeyro. Debates, obradoiros e concertos compoñen un programa para a infancia, a adolescencia e a madureza.

Festa da cereixa – Sábado 3 e domingo 4 en Beade (de balde)

En 1985 os veciños de Beade decidiron exaltar o froito das cerdeiras dado que o seu cultivo dábase ben nesta parroquia de Vigo. Este sábado 3 e domingo 4 de xuño celebran a XXXVI da Feira-Festa da Cereixa con actuacións musicais, degustación da froita e recuperan por aclamación popular o concurso de lanzamento de carabuña. O domingo o pregón corre a cargo da directora deste medio, Tamara Novoa, e compañeiro Uxío Couto exerce de mestre de cerimonias.

Lerele – Sábado 3 e domingo 4 no Auditorio Municipal (desde 10€)

Lerele é a historia dunha nena cuxa vida se transforma cando ve a Lola Flores nun programa de televisión durante a Fin de Ano de 1982. Os seus desexos e anhelos envoltos pola maxia e poderío de “la faraona” deciden o seu futuro como artista. Despois, as casualidades e a familia farán que os camiños de ambas se crucen e confundan, para chegar a atoparse neste espectáculo. Coa participación do músico vigués Pablo Novoa.

Máis que Blues: The Main Squeeze – Domingo 4 ás 20:00 na Sala Rouge (desde 15€)

The Main Squeeze é unha formación multicultural de Los Ángeles. Forxados na estrada con máis de 1000 concertos en nove anos, son habituais en grandes festivais en Estados Unidos como Bonnaroo, Electric Forest… Trátase dunha banda excepcional que non se deixa ver moito por salas europeas e que está destinada a escribir unha das principais páxinas na historia da música negra recente. Ciclo de concertos patrocinado por Cervezas Alhambra.

Banner A Movidiña

Underfest Bites: Miranda & the Beat – Domingo 4 ás 21:00 en Radar Estudios (desde 10€)

A nova sensación do rock ‘n roll facturado en Nova York chega por primeira vez a Galicia para outra noite de Underfest Bites. Co seu primeiro disco lanzado por Third Man Records (o selo de Jack White) e os seus explosivos directos, conquistaron a prensa e público.

CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO