REVISTA ABRIL

Vigocultura programa 27 espectáculos de teatro, danza, e circo entre xaneiro e abril

O programa municipal de artes escenas, Vigocultura, programa 27 espectáculos para adultos e público familiar, que se desenvolverán entre os meses de xaneiro e abril no Auditorio Municipal. Yllana, Teatro del Barrio, Tanxarina ou Producións Excéntricas están entre as propostas. As entradas saen á venda este venres.

A programación de Vigocultura é para todos os públicos con propostas de teatro, danza, circo, maxia e espectáculos para bebés. Desde o 27 de xaneiro e ata o 30 de abril, Vigo contará con 27 compañías que realizarán un total de 38 funcións , cunha aposta polas compañías viguesas, galegas e con presenza de espectáculos do resto de España.

Haberá tres estreas mundiais das compañías viguesas Maxia na manga, DeuVe e Juanito e Filomena, ademais de 8 estreas a nivel galego. Tamén hai programadas funcións ad hoc para conmemorar o Día internacional da muller, o Día mundial do circo ou o Día internacional da danza e volve o formato 4×4, tanto para adultos como para público miúdo. Esta orixinal proposta aglutina catro micropezas de diferentes estilos e en diferentes espazos do Auditorio.

Dada a demanda do público, moitos dos espectáculos para público adulto contarán con dobre función nunha mesma fin de semana: os venres e sábados ás 20h. Por outra banda, a programación para público familiar será os domingos ás 18 h e o espectáculo para bebés será o domingo 5 de marzo, con aforo moi reducido e tres sesións: ás 12, 16:30 e ás 18 h.

REVISTA ABRIL

Como xa é tradición, a programación dará comezo cun espectáculo familiar na rúa do Príncipe, o venres 27 de xaneiro e o sábado 28 de xaneiro ás 19 h coa carroza Pachamama, dos vigueses Troula Animación. O espectáculo consiste nunha carroza móbil con música electrotribal e monicreques xigantes.

Todos os demais espectáculos terán lugar no auditorio municipal e será preciso adquirir unha entrada para desfrutalos. As entradas poñeranse á venda este venres, 20 de xaneiro, ás 9 da mañá a través da web www.giglon.com e presencialmente na librería Libros para soñar. Como outros anos poderán adquirirse en packs de 5 ou 10 espectáculos cun 10 e un 25% de desconto respectivamente.

A lista completa de actuacións que forman parte do programa Vigocultura pode consultarse no catálogo online xunto cos detalles e sinopse de cada peza.