CAMELIAS MASCOTAS

Que facer en Vigo esta fin de semana

Dez plans destacados para recibir febreiro cos brazos abertos. Podes atopar todos os plans da cidade na sección AXENDA da nosa web.

Peza de teatro Como hemos llegado hasta aquí – Venres e sábado ás 20h

Primeira función do programa de Vigocultura, logo da inauguración na rúa do Príncipe. A xornalista Nerea Pérez de las Heras súbese ao escenario do Auditorio Municipal para interpretar a unha corentona precarizada que divagará sobre a situación política, social e emocional do seu arredor. As entradas custan 12 € e poden adquirirse bonos de 5 ou 10 con desconto.

Espectáculo con Dani Rovira – Venres ás 20:30 e domingo ás 18:30h

Mi año favorito é un espectáculo mutante, interpretado por Dani Rovira e Arturo González Campos. É diferente en cada cidade que visitan, pois escollen un ano importante para a localidade e exprimen o relato oficial e os recordos do público sobre el. Será no Teatro Afundación e as entradas empezan en 20€.

Concerto de Maryland – Venres ás 21:30h

O cuarteto vigués, cos irmáns Castelo á cabeza, publicou en novembro o seu cuarto disco, Cataratas del Paraíso que agora están a presentar en directo. Este venres teremos oportunidade de escoitar os seus novos temas de power pop en La Fábrica de Chocolate.

Concerto de Carmen Xía – Venres ás 22h

Unha enérxica mestura entre tradición flamenca e hip hop podería ser a deficnición do sorprendente estilo da gaditana Carmen Xía, descendente do boombap de Lauryn Hill, o rap de Gata Cattana e as coplas de Lola Flores. Podemos soltar uns quejíos con ela na Kominsky.

A emigración en escena con Amalia y el Río – Sábado e domingo ás 20h

Teatro Guirigai trae a Ártika a historia de Ama.lia, filla da postguerra española, quen viuva e con oito fillos debe emigrar a Barcelona. A entrada custa 10€.

Concerto de Kevin Johansen – Sábado ás 21h

Recital do músico e cantautor arxentino que seguro sorprende coa súa habilidade para mesturar estilos, linguaxes e instrumentos. O Mar de Vigo ten unha axitada programación para este trimestre, na que os musicais e as grande xiras internacionais son os protagonistas. Podes consultala neste artigo.

Concerto de Bourbon Kings – Sábado ás 22h

Unha finde máis, a Sala Rebullón será a pista de baile preferida dos máis guitarreiros. Bourbon Kings son unha banda navarra de nu metal, un estilo que combina metal e rap, e están a presentar o seu terceiro disco XXX, cheo de sons noventeiros. As entradas teñen un prezo de 8 €, tanto na billeteira online como o día do concerto.

Concerto de Uf Dog – Sábado ás 22h

Outro plan de rap para esta fin de semana está na Sala Doppler con concerto de Uf Dog e Jay Saez acompañados do colectivo Juli Bellas. Ritmos pesados, frescura nos micros e unha coidada presentación visual son as súas señas de identidade. A entrada custa 8€ e pode adquirise anticipada.

Duelo de grupos: The Riggos vs Mürt – Sábado ás 22h

REVISTA NOVEMBRO

La Fábrica de Chocolate segue a ser escenario do concurso Super Bock Music Unlock. Este sábado é o turno de dúas bandas locais: The Riggos e Mürt. A banda que máis votos reciba (1 cervexa = 1 voto) optará a tocar no festival portugués Super Bock Super Rock. Entrada de balde.

Andaina polos humidais do Lagares e a Bouza – Domingo ás 9:30

Actividade organizada pola Concellería de Medio Ambiente co gallo da celebración do Día Mundial dos Humidais que inclúe percorrido polos humidais do Río Lagares e A Bouza, así como unha programación de actividades para as familias. É de balde, pero require de inscrición previa (todos os detalles picando na ligazón)

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.