VIALIA
bannerPicnicSesions

Que facer en Vigo esta fin de semana

Decálogo de plans para desfrutar da vida cultural de Vigo nesta última fin de semana de xaneiro. Pódese ampliar a información de cada actividade premendo no título. Encontra moitos máis eventos para esta fin de semana en Vigo na axenda de eventos de A Movida.

Sés durante un concerto no Morrasound en 2018 | P. Vázquez

Concerto de Poncho K – Venres 27 ás 18:30 e 20:30 no Café Uf – 20€

Alfonso Caballero Romero, coñecido artisticamente como Poncho K, nado en Sevilla, é un cantautor de rock. A súa música caracterízase pola contundencia e o surrealismo das súas letras. As súas influencias inclúen Triana, Pata Negra, Extremoduro ou Albert Pla.

Presentación Vigo, abella da ribeira de Manolo Bragado – Venres 27 ás 20:00 no Marco – De balde

En Vigo, abella da ribeira, Manuel Bragado (editor, mestre e activista cultural) realizará unha reflexión sobre como Vigo forxou a súa identidade como cidade portuaria atlántica e bimilenaria, onde todo chega e sae por mar. É a urbe que resume a Galicia contemporánea, na que caben todas as Galicias posibles. A presentación enmárcase dentro do Club Faro.

Backup: a resurrección de Nuno – Venres 27, sábado 28 e domingo 29 ás 20:00 na Sala Ártika – Desde 10€

En pleno funeral do avó Nuno, a familia apercíbese de que o seguro contratado polo falecido, ofrece a posibilidade de resucitar dixitalmente ao finado, a través dun innovador dispositivo de Intelixencia Artificial. Mentres tanto gozarán dunha semana de fábula nun resort vacacional de alta tecnoloxía. Inicialmente a matriarca: Sabela, decidirá o como e o cando do uso de tal dispositivo, que permite aos familiares conectarse neuronalmente a Nuno e reencarnalo. Obra de De Ste Xeito Producións.

Concerto de Macaco – Venres 27 ás 21:00 no Mar de Vigo – 27,50€

O artista publica Vuélame el Corazón, o seu novo álbum, en novembro de 2022. Un disco que chega con grandes colaboracións de artistas de ambos lados do charco, como Leiva, Estopa, Fuel Fandango, Tanxugueiras ou Ana Mena e Bejo, entre outros. Con este traballo, Macaco inicia unha nova viaxe onde o orgánico e analóxico conviven creando un novo universo sonoro. Ademais, fará que o concepto de banda adquira unhas dimensións xamais vistas na súa carreira.

San Brais – Venres 27, sábado 28, domingo 29 de xaneiro e xoves 2 e venres 3 de febreiro en Bembrive – De balde

A festa xa arrancou en Bembrive. San Brais celébrase oficialmente o 3 de febreiro pero estas semanas xa podemos achegarnos a parroquia viguesa e comezar a nosa ruta polos 23 furanchos que participan nesta edición. O cocido, o viño e a música tradicional son os ingredientes principais desta romería. Os máis anticipados penduraron o letreiro de aberto a pasada fin de semana, pero será a partir do venres 27 de xaneiro cando todos abran as portas.

Concerto de The Black Wizards e Ollo, Lostrego! – Venres 27 ás 22:00 na Sala Rebullón – Desde 10€

Moito ollo (nunca mellor dito) con este dobre concerto da sala mosense! O trío de rock psicodélico e stoner do norte de Portugal The Black Wizards é un dos grandes grupos deste xénero do páis veciño. Presentan Reflections, o seu último traballo. Pola outra banda, Ollo, Lostrego! é un trío vigués de postrock e rock alternativo formado por Simón, Noel e Marcos a comezos do ano 2019. As súas pasaxes instrumentais ben pagan a pena.

Concerto de Paco Nogueiras – Sábado 28 ás 17:30 no CC Vialia – De balde

Paco Nogueiras é un dos grandes músicos para público infantil que temos en Galicia. Nestes momentos desempeña a súa actividade cos espectáculos “Brinca Vai!” (Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Infantil no ano 2016) , “Radio Bulebule” (Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Infantil no ano 2021) e o último traballo titulado “Extra!” baseados nos libros editados coa Editorial Kalandraka

Film Symphony Orchestra – Sábado 28 ás 19:00 no Mar de Vigo – Desde 39€

Film Symphony Orchestra regresa ca forza interestelar de KRYPTON para cativarche cun impresionante espectáculo musical baseado nas bandas sonoras das mellores películas de heroes e superheroes da historia do cinema. KRYPTON é, en definitiva, unha espectacular epopea musical inspirada nos temas musicais máis emblemáticos de películas como Superman, El Caballero Oscuro, Braveheart, El Hombre de Acero, Los Vengadores, El Último Mohicano ou Conan el Bárbaro, entre moitas outras.

Cerimonia de gaivotas – Sábado 28 ás 22:00 en La Galeriajazz – De balde

REVISTA ABRIL

Micro aberto de poesía crítico e diverso liderado por Branca Trigo Cabaleiro.

Concerto de Sés – Sábado 28 ás 20:30 no Teatro Afundación – Desde 21€

Diante un eco é o oitavo traballo discográfico da cantautora galega Sés. Un título que fai referencia á concepción cíclica da historia, tristemente avalada pola deriva sociopolítica dos nosos días. Este disco é tamén para Sés unha volta aos inicios pero desde o oficio e a madurez, e sobre todo desde unha visión alternativa da sofisticación, horizontal e intercultural.