REVISTA MARZO

Eels, José Mota e o musical de Mecano chegan ao Mar de Vigo este semestre

Despois dun outono cheo de exitosos espectáculos e exposicións o Mar de Vigo prepara novas propostas de primeiro nivel para o primeiro semestre do ano. Dentro destes novos eventos están a liña de musicais, pero tamén haberá cabida para o humor, maxia, bandas tributo e, sobre todo, xiras de grandes artistas internacionais.

Mr. E nun concerto dos Eels | Getty Images / Ringer illustration

As grandes actuacións arrincan este mesmo venres, 27 de xaneiro, coa única parada en Galicia da xira internacional de Macaco, presentando o seu disco Vuélame el corazón. Neste traballo no que colaboran artistas como Tanxugueiras, Leiva ou Fuel Fandango, está a ter unha gran acollida tanto pola crítica coma polo público. O cine tamén estará presente na programación ao día seguinte co concerto da Film Symphony Orchestra o 28 de xaneiro. Coas entradas a piques de esgotarse, KRYPTON homenaxea as bandas sonoras das películas de heroes e superheroes: Superman, Los Vengadores, Braveheart ou El Último Mohicano, a Film Symphony Orchestra interpretará pezas míticas de John Williams e James Horner, entre outros.

As xiras internacionais de artistas de primeiro nivel serán un dos pratos fortes do Auditorio neste primeiro semestre, coas actuacións de Eels (29/04; aprazou o ano pasado pola pandemia), Steve Vai (04/04; xa actuou neste recinto en xullo de 2022), Salvador Sobral (25/03; tamén pasou pola terraza do auditorio o pasado verán), Kevin Johansen (04/02) Ana Moura (24/02). Un dos concertos máis esperados é o da agrupación norteamericana Eels, a gran banda de rock independente liderada por Mr. E. Visitan Vigo por primeira vez para presentar o seu último traballo, Extreme Witchcraft, na que será a súa única data en Galicia o29 de abril. Para coñecer máis sobre esta banda e o seu líder recomendamos a lectura das súas memorias Cosas que los nietos deberían saber, publicadas en castelán por Blackie Books.

Os musicais continuarán a ser outra das apostas máis fortes da programación, onde destaca o musical Cruz de Navajas, El Último Mecano, un dos eventos máis importantes que acollerá o recinto do 19 ao 21 de maio, con 4 funcións programadas. Unha homenaxe ao mítico grupo español Mecano que xa viron máis de 150.000 espectadores en Madrid, con 25 artistas sobre o escenario e cunha espectacular compoñente audiovisual.  Dentro dos musicais, o Mar de Vigo continuará apostando polas citas familiares. O explorador máis intrépido e divertido visita o auditorio o 11 de marzo con Tadeo Jones, el Musical. O personaxe de animación cobra vida con voces en directo cunha innovadora posta en escena a través de videomapping. Por outra banda, Colombia Mi Encanto chega o 2 de abril, un musical cun elenco de dez artistas que rinde homenaxe á película de Disney Encanto con cancións da súa banda sonora e temas do folclore colombiano que farán cantar e bailar a grandes e pequenos.

Banner A Movidiña

O humor será outra das opción de programación, na que estarán algúns dos cómicos nacionais máis destacados. Os días 10 e 11 de febreiro chega Paz Padilla con El Humor de Mi Vida, unha historia autobiográfica na que a cómica conta as súas vivencias coa súa parella dende que se coñecesen ata o seu pasamento, en clave de humor. Pouco despois, o 25 de febreiro, visítannos tres amigos e grandes humoristas: Flo, José Mota e Santiago Segura. En El Sentido del Humor, estes tres cómicos reflexionan sobre o que nos fai rir hoxe en día. Ademais do humor, a maxia do gran espectáculo de El Mago Yunke, tamén pasará polo Mar de Vigo durante dous días, o 10 e 11 de xuño.

Finalmente, a programación tamén contará con dos atractivos espectáculos de bandas tributo. Os seguidores de Coldplay e de Queen están de sorte: o 23 de febreiro actuará Queen Tribute, unha homnaxe á banda británica con Dean Richardson á voz; e os días 2 e 3 de marzo será a quenda de Coldplace, A Coldplay Experience, a banda británica que recrea os espectáculos orixinais do grupo de Chris Martin ata o máis mínimo detalle. A única agrupación avalada polos propios Coldplay.

As entradas para todos os espectáculos están á venda a través de www.teuticket.com.