Recomendacións para despedir o Nadal coma Reis en Vigo
Xa estamos no derradeiro asalto antes de que rematen as festas de Nadal e o seu é despedirse por todo o alto. Por iso, a continuación vos deixamos unhas recomendacións para que non vos falte de nada no Día de Reis.
Agasallos
Para os que ides un pouco atrasados na procura de agasallos, os que vos quedastes sen ideas ou para os que estades a buscar os últimos detalles, acudir ao comercio local sempre é unha boa idea. Nos locais e nas marcas de Vigo podedes atopar propostas orixinais en contraposición as compras superfluas nos grandes comercios.
Para os amantes da papelería, Panda Bohème é un paraíso. Unha tenda gourmet que escapa aos produtos de papelería tradicional e aposta por unha selección de alta calidade e moi exclusiva. As súas marcas proceden de lugares tan dispares como Xapón, Corea, Taiwan ou EE. UU. Ardentia é unha boa opción se buscas unha xoia diferente. As súas pezas fabrícanse de maneira artesanal e teñen unha orixe cento por cento galega, tanto en deseño como en realización. Por outro lado, Mundaya é outra marca galega que fabrica bolsos cunha premisa clara: cero uso de plástico. Por iso, os tecidos da marca son sempre sostibles e o algodón e o coiro son os protagonistas. Pereira é unha opción completamente diferente, xa que se trata dunha tenda de peixe e marisco. O cal non deixa de ser a mellor idea se o destinatario do agasallo é un amante da boa comida. Desde hai máis de 65 anos, Pereira é un referente polo seu gran produto e a súa atención ao público.
Aquí tedes un artigo con 9 ideas máis para agasallar comercio local no Día de Reis.
Cabalgata e visita dos Reis Magos
Un dos momentos máis esperados do ano polos nenos e nenas é a chegada das súas Maxestades desde Oriente. En Vigo, os Reis Magos estarán visitando varios lugares da cidade nas datas previas ao 6 de xaneiro, para coñecer aos cativos, ver se se portaron ben e recoller as súas cartas cheas de peticións e desexos.
Entre o mércores 4 e o xoves 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán os centros comerciais de A Laxe, Vialia, Travesía e El Corte Inglés. Na súa representación, tamén estará o carteiro real no CC Camelias. Doutra banda, o paxe real e os Reis Magos tamén visitarán Beade o día 4 pola tarde, onde percorrerán as rúas da parroquia saúdando a todos os nenos que se acheguen. O mesmo día, a Sala Rebullón acolle a recepción dos Reis Magos que recollerán as listas de agasallos. Por último, o día 5 Cañaveral acolle unha visita moi especial dos Reis da man de Trémola Teatro.
Todos estes eventos prepárannos para o gran acontecemento: a Cabalgata de Reis, que este ano volve ter dúas modalidades. Pola mañá, de 11h a 14.30h, os vigueses e viguesas poderán achegarse á Avenida de Castelao para gozar da cabalgata estática. Pola tarde, a partir das 17.30/18h sairá de Praza América a cabalgata dinámica, que neste ano leva os contos infantiles como tema central. Esta edición promete ser un grande espectáculo, con gran produción nas carrozas e diferentes servizos de animación.
Podedes ampliar información e consultar máis eventos e actividades na nosa Axenda de Nadal.
Cea e festa
Non se poden considerar festas de Nadal sen grandes xuntanzas familiares e abundantes comidas, por iso a noite de Reis non ía ser menos. Ademais, se non sodes de ir pronto para a cama e preferides agardar a chegada dos Reis Magos espertos, algúns locais de Vigo ofrecen festa ata a madrugada.
Cando non apetece un bo churrasco? Pois no asador O Lar das Artes o tedes! Ademais, despois da cea un DJ porá música para continuar a festa ata que o corpo aguante. O restaurante Albatros, ao pé da Ría, tamén ofrece unha carta moi completa para cear a noite do 5 de xaneiro. Pero se sodes máis de picoteo, podedes ir a La Tita Rivera e probar algunhas das súas numerosas cervexas, acompañadas dalgunha tapa.
Co bandullo cheo, toca ir bailar. A Sala Kominsky ten preparada unha noite de música e moitos bailoteos, con acceso de balde, polo que non hai que preocuparse de reservar entrada. Tamén de balde podedes ir á Sala Doppler, que pechan as festas de Nadal e a semana cunha gran festa pre-reis. Molotov promete unha gran festa, co primero evento especial Neo2000Klub deste 2023. Por último, Máispalá pecha o 5 pola tarde para dalo todo á noite, así que a partir da 1:00 pasade por alí para tomar algo, charlar e escoitar boa música.
Roscón
Non hai doce máis típico do Día de Reis que o roscón, xa sexa o tradicional ou recheo, ademais de todas as versións modernas. O roscón tamén é considerado un símbolo de sorte, tanto boa como mala. Seguindo a tradición, nos roscóns veñen escondidos dous obxectos: unha figura e unha faba. Quen atopa a primeira, asegurase ter moi boa fortuna durante todo o ano, mentres que o que atopa o legume ten que pagar o roscón ao ano seguinte se non quere ter un ano enteiro de mala sorte.
Sexa como sexa, o roscón de reis non pode faltar na mesa. En El Trigal xa están preparando centos de estes doces, polo que podedes encargar o voso alí. Teñen de varios tipos, desde o tradicional ata versións máis novas como recheo de trufa, nata ou xema, todos feitos de maneira artesanal no seu obradoiro.
Inés García
Últimos posts de Inés García (ver todos)
- Recomendacións para despedir o Nadal coma Reis en Vigo - 4 Xaneiro, 2023
- Que facer en Vigo a última semana de 2022 - 28 Decembro, 2022
- As nosas recomendacións para despedir o ano en Vigo - 27 Decembro, 2022
- Un Nadal cheo de actividades para toda a familia - 23 Decembro, 2022
- Bad Gyal, Jorge Drexler e La M.O.D.A entre as primeiras confirmacións do Festival Portamérica - 20 Decembro, 2022