REVISTA ABRIL

Recomendacións para despedir o Nadal coma Reis en Vigo

Xa estamos no derradeiro asalto antes de que rematen as festas de Nadal e o seu é despedirse por todo o alto. Por iso, a continuación vos deixamos unhas recomendacións para que non vos falte de nada no Día de Reis.

Cabalgata 2019 | P. Vázquez

Agasallos
Para os que ides un pouco atrasados na procura de agasallos, os que vos quedastes sen ideas ou para os que estades a buscar os últimos detalles, acudir ao comercio local sempre é unha boa idea. Nos locais e nas marcas de Vigo podedes atopar propostas orixinais en contraposición as compras superfluas nos grandes comercios.

Para os amantes da papelería, Panda Bohème é un paraíso. Unha tenda gourmet que escapa aos produtos de papelería tradicional e aposta por unha selección de alta calidade e moi exclusiva. As súas marcas proceden de lugares tan dispares como Xapón, Corea, Taiwan ou EE. UU. Ardentia é unha boa opción se buscas unha xoia diferente. As súas pezas fabrícanse de maneira artesanal e teñen unha orixe cento por cento galega, tanto en deseño como en realización. Por outro lado, Mundaya é outra marca galega que fabrica bolsos cunha premisa clara:  cero uso de plástico. Por iso, os tecidos da marca son sempre sostibles e o algodón e o coiro son os protagonistas. Pereira é unha opción completamente diferente, xa que se trata dunha tenda de peixe e marisco. O cal non deixa de ser a mellor idea se o destinatario do agasallo é un amante da boa comida. Desde hai máis de 65 anos, Pereira é un referente polo seu gran produto e a súa atención ao público.

Aquí tedes un artigo con 9 ideas máis para agasallar comercio local no Día de Reis.

Cabalgata e visita dos Reis Magos
Un dos momentos máis esperados do ano polos nenos e nenas é a chegada das súas Maxestades desde Oriente. En Vigo, os Reis Magos estarán visitando varios lugares da cidade nas datas previas ao 6 de xaneiro, para coñecer aos cativos, ver se se portaron ben e recoller as súas cartas cheas de peticións e desexos.

Entre o mércores 4 e o xoves 5 de xaneiro, os Reis Magos visitarán os centros comerciais de A Laxe, Vialia, Travesía e El Corte Inglés. Na súa representación, tamén estará o carteiro real no CC Camelias. Doutra banda, o paxe real e os Reis Magos tamén visitarán Beade o día 4 pola tarde, onde percorrerán as rúas da parroquia saúdando a todos os nenos que se acheguen. O mesmo día, a Sala Rebullón acolle a recepción dos Reis Magos que recollerán as listas de agasallos. Por último, o día 5 Cañaveral acolle unha visita moi especial dos Reis da man de Trémola Teatro.

Todos estes eventos prepárannos para o gran acontecemento: a Cabalgata de Reis, que este ano volve ter dúas modalidades. Pola mañá, de 11h a 14.30h, os vigueses e viguesas poderán achegarse á Avenida de Castelao para gozar da cabalgata estática. Pola tarde, a partir das 17.30/18h sairá de Praza América a cabalgata dinámica, que neste ano leva os contos infantiles como tema central. Esta edición promete ser un grande espectáculo, con gran produción nas carrozas e diferentes servizos de animación.

Podedes ampliar información e consultar máis eventos e actividades na nosa Axenda de Nadal.

Cea e festa
Non se poden considerar festas de Nadal sen grandes xuntanzas familiares e abundantes comidas, por iso a noite de Reis non ía ser menos. Ademais, se non sodes de ir pronto para a cama e preferides agardar a chegada dos Reis Magos espertos, algúns locais de Vigo ofrecen festa ata a madrugada.

Cando non apetece un bo churrasco? Pois no asador O Lar das Artes o tedes! Ademais, despois da cea un DJ porá música para continuar a festa ata que o corpo aguante. O restaurante Albatros, ao pé da Ría, tamén ofrece unha carta moi completa para cear a noite do 5 de xaneiro. Pero se sodes máis de picoteo, podedes ir a La Tita Rivera e probar algunhas das súas numerosas cervexas, acompañadas dalgunha tapa.

REVISTA ABRIL

Co bandullo cheo, toca ir bailar. A Sala Kominsky ten preparada unha noite de música e moitos bailoteos, con acceso de balde, polo que non hai que preocuparse de reservar entrada. Tamén de balde podedes ir á Sala Doppler, que pechan as festas de Nadal e a semana cunha gran festa pre-reis. Molotov promete unha gran festa, co primero evento especial Neo2000Klub deste 2023. Por último, Máispalá pecha o 5 pola tarde para dalo todo á noite, así que a partir da 1:00 pasade por alí para tomar algo, charlar e escoitar boa música.

Roscón
Non hai doce máis típico do Día de Reis que o roscón, xa sexa o tradicional ou recheo, ademais de todas as versións modernas. O roscón tamén é considerado un símbolo de sorte, tanto boa como mala. Seguindo a tradición, nos roscóns veñen escondidos dous obxectos: unha figura e unha faba. Quen atopa a primeira, asegurase ter moi boa fortuna durante todo o ano, mentres que o que atopa o legume ten que pagar o roscón ao ano seguinte se non quere ter un ano enteiro de mala sorte.

Sexa como sexa, o roscón de reis non pode faltar na mesa. En El Trigal xa están preparando centos de estes doces, polo que podedes encargar o voso alí. Teñen de varios tipos, desde o tradicional ata versións máis novas como recheo de trufa, nata ou xema, todos feitos de maneira artesanal no seu obradoiro.