VIALIA
bannerPicnicSesions

#EuRegaloLocal: nove regalos vigueses para poñer debaixo da árbore

Na procura dese regalo orixinal? Velaquí dez ideas de comercios e marcas locais coas que acertar este Nadal:

Estudio Brétemas, moda galega con mensaxe

Brétemas é unha marca de camisetas, suadoiros, cuncas e bolsas con mensaxe, que combina texidos de calidade, deseño minimalista pero coidado e retranca galega. A lingua e a cultura galega están en cada unha das pezas que Rosiña, a creadora e deseñadora detrás de Brétemas, saca ao mercado. Expresións do día a día, palabras capaces de poñer morriñento a calquera lonxe da terra e mensaxes feministas constitúen o seu catálogo. Seguro que xa te cruzaches pola rúa cunha camiseta que pon “Estou ata a cona”, ou sorriches ao ver a bolsa con mensaxe “Tetas e panderetas”, que arrasou logo do éxito do pasado festival de Benidorm.

Tamén estampa os seus deseños en ropa para bebés, calcetíns, cuncas de cerámica, botellas reutilizables, mochilas e divertidas postais.

A creativa de Ribadavia vende todos os seus produtos a través da súa tenda online e tamén podemos atopala en tendas multimarca (como La Contenedora, en Vigo). Se queremos comprar un regalo, debemos facelo antes do día 2 para asegurarnos de que chega para o día de reis.

Tenda online: estudiobretemas.gal
Instagram: @bretemas_

Woodtown, para skaters e urbanitas

A moda urbana ten en Vigo un templo de madeira chamado Woodtown. Contan con todo tipo de prendas e zapatillas de marcas internacionais sobredamente recoñecidas, como Carhart, Vans, Huf, Element, Revolution ou Numeric by New Balance. Woodtown e a súa sorrinte tendeira Joana son referencia dun estilo de vida urbano, desenfadado e alternativo, pero que presta especial atención á calidade e o deseño das prendas que viste.

Unha paixón que comparten moitos dos clientes de Woodtown é o skate. Os patinadores encontran aquí prendas de streetwear e zapatillas axeitadas para a práctica deste deporte, así como taboas e material de skate de diversas marcas.

Av. das Camelias, 20
Instagram: @woodtownstore

Nikis Galicia, retranca desde o interior

Uns calcetíns son o típico regalo de Nadal, pero, e se lle damos unha volta? En Nikis Galicia propóñennos continuar este tópico do Nadal , pero cuns calcetíns e un envoltorio diferentes. Os seus saquiños de rafia e boliñas de papel serven como adorno pendurado da árbore mentres o agasallado non recolle o paquete e cando o abra descubrirá uns calcetíns (ou gragas, ou calzóns) con deseño 100% galego e retranqueiro, ao Nikis Galicia Style.

A marca é coñecida polas súas camisetas con mensaxes, nas que parafrasea filmes e iconas da cultura pop universal converténdoas en escenas galegas cheas de humor.

Porta do Sol, 8
Tenda online: www.nikisgalicia.com
Instagram: @nikisgaliciastyle

Flamingos Vintage Kilo, moda que volve

A moda dos 80 e 90 volve con forza esta tempada, e que mellor que vestila con prendas auténticas daquelas décadas. Flamingos Vintage é unha tenda de roupa de segunda man na que Marta vende prendas importadas dos Estados Unidos. Vaqueiros de primeiras marcas que duran para sempre, camisolas de basket, chamativos traxes para vestir nas festas, ugly sweaters de Nadal, camisas hawaianas chagadas das illas do Pacífico, coridas chaquetas de chándal satinadas dos anos 90…

En definitiva, pezas irrepetibles e a bo prezo (págase por quilo) entre as que será doado atopar ese modelito sorprendente para fin de ano ou o agasallo perfecto para quen desfruta vestindo roupa orixinal.

Rúa do Doutor Cadaval, 21
Instagram: @flamingosvintagekilovigo

Vaidhé, epicentro das cousas bonitas

Difícil non quedar aparvada diante do escaparate da tenda con máis cousas riquiñas por centímetro cadrado da cidade. En Vaidhé, Iris e Eli seleccionan láminas, libros, xoias, cerámica, roupa e obxectos decorativos de pequenos artesáns e marcas maioritariamente galegas.

Tamén venden produtos deseñados por elas mesmas, como a colección de tote bags con mensaxe ou os cadernos para que amantes do cine, os libros, as viaxes ou a cociña rexistren a súa paixón con mimo e estilo.

Unha tenda de agasallos diferente e pioneira en Vigo, na que atopar artículos dos nosos deseñadores favoritos e descubrir pezas con historia de artesáns locais.

Rúa Carral, 7
Tenda online: www.vaidhe.com
Instagram: @vaidhe

Le Marché de Rachel, orixinalidade e cor

Se es das que pensas que a vida é demasiado curta para vestir prendas aburridas, Le Marché de Rachel é o teu paraíso. Mariló está á fronte deste comercio no que a cor, os estampados e os deseños orixinais ocupan paredes, estantes, vitrinas e burras.

Unha tenda multimarca onde cada prenda elíxese polo seu deseño, pero tamén con criterios de calidade e sostenibilidade. O prato forte son as prendas de roupa, pero Le Marché de Rachel tamén vende calzado, mochilas e estoxos e complementos artesanais e chamativos.

Se a túa agasallada é das que procuran non pasar desapercibida, aquí acertarás!

Rúa Carral, 15
Tenda online: lemarchederachel.com
Instagram: @lemarchederachel

Mapis, tenda e comunidade de nais e pais

Tenda de puericultura con todos os artigos que os pais precisan para coidar dos seus pequenos: accesorios, carriños, xoguetes… das mellores marcas e conxugando funcionalidade, estética e diversión.

Un dos regalos máis procurados nesta época son os xoguetes educativos, principalmente de madeira. Ademais de contar con moitas opcións, Paula ofrece asesoramento a cada familia para atopar o xoguete que mellor conveña según a idade e proceso evolutivo do neno, con opcións desde bebés ata os 5 anos.

Rúa de Pizarro, 47
Instagram: @mapis.vigo

Fuikaomar, basket & streetwear

Tenda especializada en roupa de baloncesto dos Estados Unidos e prendas de estilo deportivo e urbano. O seu punto forme son as camisolas de equipos norteamericanos de baloncesto, das que dispoñen dun amplísimo catálogo, así como zapatillas para a prática deste deporte e toda a equipación precisa, como mochilas, balóns e canastras.

Nesta tenda especializada en amantes da cancha tampouco faltan bonecos, figuras NBA de coleccionista, Funkos, posters, libros, mini-canastras…

Ademais, contan con roupa cómoda e ampla, para o día a día, de máis de 500 marcas como Under Armour, Champion, Adidas, Nike, Marca Jordan, K1X, McDavid, Mitchell&Ness, New Era, Wilson, Spalding, New Balance…

Todos os seus produtos poden adquirirse online e teñen envío en 24h.

Rúa Fotografo Luis Ksado, 5
Tenda online: fuikaomar.es
Instagram: @fuikaomar

Sr. Nilsson, calidade con selo nacional

REVISTA ABRIL

Situada en pleno Casco Vello, ao carón da Praza da Constitución, Sr.Nilsson é unha tenda multimarca de moda e accesorios con selo nacional.

A súa decoración coidada e a atención ao detalle por parte de Cristina e o seu equipo redondean a experiencia de comprar moda de alta calidade, fabricada de xeito responsable coas persoas e o medio ambiente.

 Rúa Triunfo, 2
Instagram: @sr.nilsson_vigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.