Onde comer en Vigo e arredores: guía dos mellores restaurantes
Descubre os mellores restaurantes de Vigo, desde cociña tradicional ata opcións para comer barato e ben. Guía completa con recomendacións da cidade.
Restaurantes de comida tradicional
As Cunchas
Rúa de Tomás A. Alonso, 117 | 678 96 10 30 | @ascunchas | ascunchas.es
Restaurante familiar con máis de dúas décadas de historia que destaca por ofrecer pratos elaborados da cociña galega tradicional, con especial atención ás preparacións ao forno e á grella de carnes e peixes. O menú cambia segundo a estación, ofrecendo produtos frescos, como os chocos das rías galegas ou as carnes de caza. Ademais dos pratos típicos galegos como croquetas, ensalada rusa e churrasco, tamén se poden atopar influencias portuguesas como o bacallau á brasa e o cordeiro á Moda de Monção, coñecido como “Foda à Monção”. O local, con paredes de pedra e un ambiente cálido, modernizouse sen perder a súa esencia familiar
Bar Primavera
Rúa da Ronda de Don Bosco, 17 | 886 13 51 50 | @barprimavera
Neste coñecido mesón sérvense racións de guisos tradicionais, táboas de embutidos e petiscos para compartir. Contan con menú do día e con opcións de fóra da carta, entre as que brillan o xarrete ou as carrilleiras estufadas. Os venres durante o inverno serven cocido galego. Un dos seus atractivos é a súa ampla terraza exterior, na que podemos parar tanto para tomar un viño como para degustar un menú completo.
Restaurantes de carnes e Asadores
Zebú
Rúa do Areal, 18 | @zebuvigo
Zebú é un dos templos da carne en Vigo, destacando polo seu produto de altísima calidade, especialmente o boi e a vaca vella madurada á grella. O restaurante ofrece unha atención personalizada e unha filosofía slow que permite estender a sobremesa de comidas e ceas, ideal para reunións de traballo ou celebracións. Aínda que a súa especialidade son as carnes, a carta tamén inclúe peixes frescos, arroces e entrantes fríos, todos cunha presentación coidada e sabores contundentes. O chef, Alberto García, combina técnicas tradicionais e innovadoras como o afumado e cocciones a baixa temperatura.
La Urbana
Rúa Rosalía de Castro, 48 | 986 59 56 89 | @laurbanaburger
Nesta hamburguesería nacida en Lugo hai unha década podemos comer algunhas das mellores carnes de vaca de Galicia, incluída a raza Roxad’Ouro, recoñecida en varias ocasións como a mellor carne do mundo. La Urbana ofrece unha variedade de hamburguesas de autor, creadas por chefs nacionais, con elaboracións artesanais e combinacións orixinais como a Esgueva, e unha inspirada na gastronomía coreana. O local é amplo, apto para reunións, cun espazo de xogos para nenos e ofrece servizo a domicilio.
Onde comer barato e ben en Vigo
A tapa do barril
Rúa López Mora, 63; porta do Sol, 4 e rúa Policarpo Sanz, 27 | https://www.atapadobarril.es/ | @atapadobarril
Esta taberna familiar en Vigo conta con gran popularidade polas súas empanadillas, de bo tamaño e con recheos de calidade tanto tradicionais como máis innovadores. O segredo da Tapa do barril reside na elaboración continua de empanadillas, sempre frescas e quentes, cunha gran variedade de sabores. Ademais de empanadillas, ofrecen tapas tradicionais como croquetas e tortillas e un menú do día económico que cambia semanalmente. Contan con tres locais no centro da cidade.
Se Cadra
Rúa Martín Códax, 10 | 622477578 | @secadra_bar
Se Cadra é un novo bar na zona de Churruca que destaca pola súa proposta de tapas caseiras e ambiente acolledor. As propietarias, Naiara e Sara, ofrecen pratos para compartir como croquetas, cachopos, ensaladas e opcións vexetarianas. O local combina un deseño tradicional con toques modernos e conta cunha planta superior na que comer tranquilamente, incluso espazo para eventos privados. Ademais de boa comida, o bar atópase na zona de festa da cidade e ofrece cervexas e copas.
Restaurantes con opcións vexetarianas
Verde Mostaza
Rúa da Ballesta, 10 | 986 19 94 44 | @verdemostazavigo
Verde Mostaza destaca polas súas hamburguesas vexetarianas con combinacións creativas como cenoria e abelás, ou algas e mazá. A mediodía podemos acompañalas de gornicións orixinais, como boloñesa de chícharo ou seitán á laranxa. Este restaurante é unha opción saudable para comer fóra de casa, cun ambiente agradable e opcións para todos os gustos, incluíndo alternativas sen glute. Ademais das súas hamburguesas, tamén ofrecen patés vexetais e sobremesas caseiras como o brownie de chocolate.
Alium 100% sen glute
Rúa do Ecuador, 80 | 697 88 33 67 | @aliumvigo | aliumtaperia.com
Alium, en Vigo, destaca por ser un restaurante 100% sen glute que ofrece unha experiencia gastronómica inclusiva. Paola e Raúl abriron esta tapería coa premisa de que persoas celíacas, veganas, vexetarianas e carnívoras puidesen compartir unha comida en igualdade de condicións. Os seus pratos, elaborados desde cero, son orixinais, nutritivos e ben elaborados, como os buñuelos, as cenouras sobre crema de anacardio ou os porros con calabizo.
Restaurantes de marisco e peixe en Vigo
Bitadorna
Rúa do Ecuador, 56 | bitadorna.com | @restaurantes_bitadorna | 86 13 69 51
O restaurante Bitadorna, liderado pola chef Chus Castro, destaca polo seu enfoque na calidade da materia prima, utilizando produtos de proximidade e viveiros propios. A súa cociña tradicional galega baséase na sinxeleza para realzar o sabor do marisco, con toques creativos como nas súas famosas nécoras recheas. A lagosta vermella da Guarda é o seu produto estrela, especialmente durante o verán. Ademais, o restaurante ofrece xornadas temáticas segundo os produtos de tempada, como caza no outono e angulas e lamprea na primavera
Albatros
Estación Marítima (peirao de Transatlánticos, s/n) | @albatrosvigo | albatrosvigo.com | 986 43 71 62
O restaurante Albatros, situado na estación marítima de Vigo, ofrece un menú moi apetecible con vistas panorámicas á ría e ás Illas Cíes. A súa carta combina cociña de mercado e tradición galega con toques de vangarda. O local é versátil, ideal tanto para comidas informais, con menú executivo durante os días de semana, como para eventos e celebracións. Ademais do seu restaurante, Albatros tamén funciona como bar con tapas e cócteles pola tarde.
Restaurantes de cociña internacional
Omichi Ramen
Rúa de Rogelio Abalde, 9; avenida do Fragoso, 36 | @omichiramenbar | 669 75 94 94
Omichi, o restaurante pioneiro do ramen en Vigo, conta con dous locais na cidade. Fundado por Laura e Mauro, ofrece unha experiencia culinaria auténtica baseada en receitas tradicionais xaponesas e ingredientes de alta calidade. A carta divídese en izakaya, con pequenos pratos para compartir, e ramen, con catro variedades, incluíndo unha opción vegana. O seu enfoque en elaboracións caseiras e o uso dunha máquina xaponesa para facer os fideos no propio establecemento son claves do seu éxito.
Piacere
Avenida da Atlántida, 106 | 986 82 08 20 | pazolosescudos.com/nuestras-cartas | @piacerebylosescudos
Piacere é un restaurante italiano situado no Pazo Os Escudos, con maxestuosos salóns de pedra, vistas ao mar e terraza. O restaurante ofrece unha experiencia gastronómica que fusiona a tradición italiana con toques creativos e da gastronomía local. Algúns dos seus pratos máis destacados son a lasaña con queixo de San Simón, os arancini de cogomelos, os tagliatelle alla routa preparados no momento, e pizzas de masa fermentada lentamente, con combinacións orixinais.
Al Wahab
Rúa Oporto, 7 | https://alwahabvigo.eatbu.com | @alwahabvigo
Un restaurante fiel ás receitas tradicionais de Siria e do Líbano que conta cun bufete diario moi económico. A súa xerente e chef é orixinaria de Damasco, na cociña materna aprendeu a preparar os pratos que serve. Al Wahab ofrece pratos como o kibbe, hummus, babaganuche, e tabbule, e tamén pratos principais como shawarma e kebab karaz, un prato de albóndegas en salsa de cereixas. As sobremesas inclúen baklawa e knafe, e todo se pode acompañar con té especiado.
Restaurantes de alta cociña
Beldade
Remesal, 9 | 986 14 98 08 | restaurantebeldade.com | @beldade_tui
Beldade, en Tui, destaca pola súa cociña de autora que realza produtos de tempada, especialmente do mar, con técnicas de alta cociña. A chef Inma López, valenciana, e a xefa de sala, Paola Giraldo, colombiana, ofrecen unha proposta atrevida con menús degustación que cambian cada poucos meses. Os pratos marídanse cunha extensa selección de viños. Situado nunha casa de pedra reformada con vistas a viñedos, o restaurante ofrece unha atmosfera moderna e cálida.
La mesa de Conus
Rúa de San Roque, 3 | 698 17 48 73 | @la_mesa_de_conus | https://lamesadeconus.com/
La Mesa de Conus en Vigo presenta un concepto culinario orixinal, onde o chef Víctor Conus prepara un menú sorpresa en vivo para un grupo pequeno de comensais. Este “gastroespectáculo” caracterízase pola proximidade entre o chef e os comensais, quen senta nunha barra ao redor dos fogóns. O menú, que varía semanalmente, baséase en produtos locais e de tempada, acotío incluíndo vexetais da horta do chef en Nigrán. Este formato íntimo require reserva anticipada e gózase nun ambiente compartido. Os entrantes inclúen croquetas de produtos ibéricos creados polo pai do chef.
Como é a gastronomía de Vigo?
Influencias culinarias en Vigo
A escena gastronómica de Vigo hoxe é un dinámico cruzamento de camiños. A tradición galega, arraigada en produtos do mar e da horta, convive coa innovación constante. A cidade portuaria, que historicamente é un crisol de culturas, hoxe abraza as tendencias culinarias do resto do mundo, e ofrece unha variedade gastronómica propia dunha urbe cosmopolita. Restaurantes locais reinterpretan os clásicos con técnicas vangardistas, á vez que cociñas internacionais como a peruana, xaponesa, marroquí ou italiana gañan protagonismo. Obsérvase un interese pola sostibilidade, así como un regreso aos formatos máis informais, como os bocadillos, que son unha institución na cidade.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Onde comer en Vigo e arredores: guía dos mellores restaurantes - 25 Xaneiro, 2025
- Felicetta Gualtieri ensínanos a facer a nosa propia roupa sostible - 21 Xaneiro, 2025
- Los Punsetes, Iván Ferreiro e festa swing para comezar o 2025 - 31 Decembro, 2024
- Galicia Magic Fest, ‘Esfínter’ e ‘O Crebanoces’ na última fin de semana do ano en Vigo - 26 Decembro, 2024
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024