REVISTA ABRIL

Zebú, a lume de biqueira

Zebú é un restaurante especializado en carnes de vacún á grella. Un establecemento amplo e de estética moi coidada, axeitado para reunións de traballo pero tamén xuntanzas familiares e celebracións con amigos. Os seus menús especiais de Nadal poden ser a oportunidade perfecta para probar este exquisito templo da carne.

Alberto García e Estela Ibáñez, chef e xefa de sala de Zebú | Fotos: Paula Cermeño

Produto de altísima calidade, atención personalizada e sobremesas lentas constitúen a cerna de Zebú, un restaurante inaugurado nos últimos meses e que xa se está consolidando como un favorito para as reunións de negocios. Estela Ibáñez, responsable da área de restauración, cóntanos que isto se debe a unha atención exquisita, e á filosofía de sobremesa slow, que ofrece a posibilidade de estirar o xantar ata as seis da tarde ou a cea ata as dúas da mañá, regando o momento cun café ou unha copa. O espazo diáfano, a posibilidade de alongar a estancia e a proximidade coa zona de copas do Areal, fan que tamén sexa unha opción moi atractiva para celebracións ou xuntanzas especiais entre amigos, sobre todo á hora da cea.

Alberto García, chef deste templo da carne, describe o seu traballo como «unha mestura de cociña tradicional e innovadora, na que se utilizan a diario técnicas de afumado, coccións a baixa temperatura e ao carbón». Os protagonistas son os pratos de carne, como o boi e a vaca vella madurada, da que se poden consumir impoñentes pezas de máis de un quilo e medio de peso feitas ao carbón, en preparacións que van desde a sobriedade máis absoluta, para non enmascarar o sabor da materia prima, ata o aderezo con boletos ou mazá. Tamén atopamos pratos de año á grella.

REVISTA ABRIL

A especialidade é a carne, pero Arberto García lémbranos que a carta vai máis alá e inclúe luxosas ensaladas de burrata, peixes galegos frescos, arroces ou entrantes fríos, como as delicias de salmón, o carpaccio de reno ou o medallón de foie. En xeral, a carta está baseada en ensalzar a calidade das materias primas que utilizan, pero sen renunciar a aportarlles un toque diferente. O refinamento do lugar e a cociña non impide que os pratos sexan abundandes , cunha presentación coidada e cheos de sabores golosos e contundentes. A definición dunha boa comida de celebración.

Para este Nadal, atopamos en Zebú dous menús especiais para grupos, que inclúen os pratos primeiro e segundo e a sobremesa, dándolle gran relevancia aos viños cos que se acompaña a comida, incluído o champaña. Os grupos son de 20 persoas como moito, para garantir a tranquilidade e o espazo adecuado.

@zebuvigo | rúa do Areal, 18 | de luns a mércores, das 13:30 ás 15:30 h; de xoves a sábado, das 13:30 ás 15:30 e das 21:00 ás 23:30 (horario de cociña)

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.