REVISTA ABRIL

Un festín que sabe a mar no Restaurante Bitadorna

Dos bares tradicionais aos mellores restaurantes da cidade, a nosa hostalería implícase en ofrecer o mellor das rías atlánticas, sabendo que o peixe e o marisco son os caprichos máis demandados para as grandes celebracións. Para evitar que a festa acabe nun chasco, cómpre de man unha listaxe deses locais que nunca fallan cando buscamos o sabor do mar.

Bitadorna é unha das marisquerías máis asentadas da cidade e na que a calidade está asegurada. Capitaneada pola chef Chus Castro, está avalada pola Guía Repsol e 13 anos de historia e é das máis asentadas na cidade. O restaurante é unha réplica do que dirixe desde hai 27 anos canda o seu marido, o sommelier Xabier Lomba, na Guarda,  vila natal de ambos os dous.

Esta xefa de cociña resalta a calidade da materia prima como reclamo principal de Bitadorna, algo que aseguran ao contar con viveiros propios na Guarda e Vigo e traballando únicamente con alimentos de proximidade. Aquí a estratexia de mercado non reside no traballo en redes sociais nin tampouco en escumar ou esferar ingredientes: «Está en elixir diariamente exemplares de primeira calidade», sentencia esta profesional con orgullo.

As preparacións son as propias da cociña tradicional galega para este tipo de produtos, nas queprevalece a sinxeleza para non enmascarar a materia prima, excelente por si soa. Con todo, Castro non se priva de aportar toques creativos; desa experimentación nacen algúns dos pratos insignia do restaurante, como as nécoras recheas, un manxar que se come con culler e que goza de moita popularidade entre a clientela habitual. Un festín de sabores clásicos, vangardistas e inesquecibles que son garantía de éxito.

O produto estrela é a lagosta vermella da Guarda, máis saborosa que a branca ao vivir en augas menos profundas e máis soleadas e tamén por alimentarse de crustáceos e moluscos que atopa nas rochas. Estamos nun templo absoluto para os devotos deste apreciado manxar, onde se organizan anualmente xornadas de exaltación e degustación que se estenden durante todo o verán, época de captura dos mellores exemplares. Durante os meses de estío poderemos catar preparacións como o salpicón de lagosta ou o medallón de lagosta con iogur e alfabaca, un prato merecedor da medalla Dagda ao mellor prato do ano pola Asociación Galega de Xornalistas e Escritores de Turismo (AGAXET) e a revista especializada en hostalería galega e turismo HG&T.

O restaurante ten un xeito propio de organizar a carta ao longo do ano. Ademais das opcións permanentes e as propostas do día, organizan diferentes xornadas segundo os produtos de temporada. Ademais das mencionadas arredor da langosta, a partir de setembro enfócanse na caza maior e á menor, acompañando as carnes de castañas e cogomelos. Ao chegar a primavera é o momento das angulas e da lamprea, produto que preparan de ata dez formas diferentes: quente, frías, ao xeito máis tradicional ou da maneira máis creativa. «Este ano tivemos que dar xa por finalizada a temporada, porque entrou pouca lamprea no Miño e só traballamos con peixe galego», explica amolada a cociñeira.

REVISTA ABRIL

Xa na sobremesa, o restaurante defínese como obradoiro artesán do que saen marabillas como a crema de tetilla con tella de noces ou o xeado caseiro de turrón con caramelo de augardente. Algo salientable é que a maioría son sen glute e tamén podemos pedir que o pan e as bebidas non o leven.

Para comer en Bitadorna é necesario reservar con antelación a través do teléfono. No momento da reserva poderemos indicar se desexamos algunha preparación en concreto, especialmente en tempo de lamprea e angulas (primavera), lagosta (verán) e carnes de caza (outono). Tamén é posible encargar un menú degustación á medida do gusto de cadaquén.

Enderezo: rúa do Ecuador, 56
Web: bitadorna.com
Facebook: Restaurante Bitadorna Vigo/A Guarda
Instagram: @restaurantes_bitadorna
Teléfono: 986 13 69 51

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.