ASNEVES
REVISTA MAIO

A Tapa do Barril, moito máis que empanadillas

Hai cinco anos que Ana Terzado colleu a remuda de A Tapa do Barril, unha popular taberna no número 63 da rúa López Mora que os seus pais puxeron en marcha en 1972 e que goza de gran popularidade na cidade polas súas empanadillas. Malia a súa especialización nun só produto, aparentemente sinxelo, A Tapa do Barril leva décadas reinventándose e a pandemia supuxo o seu último cambio: a incorporación do menú do día, lixeiro, económico e caseiro que inclúe unha empanadilla, un prato quente e un postre.

En Galicia, terra de bo pan, e con empanadillas artesás case en cada esquina, como unha taberna logra tanta popularidade cun só producto? Terzado ten claro o segredo do éxito: “somos os únicos que as facemos constantemente”. Mañá e tarde os fogóns están prendidos nos dous locais para que as empanadillas que mercamos estean “sempre quentes e recén feitas”, explica a dona do negocio, mentres, efectivamente, na cociña do local tres persoas trafegan sen pausa para preparar as variedades do día. “Pasan como máximo dúas horas na vitrina e donamos as que sobran da mañá para empezar con produto novo pola tarde. Ninguén máis na cidade pon tanto interese na frescura e iso nótase no produto final”.

A variedade é tamén un dos seus puntos fortes. Dentro do mundo da empanadilla, A Tapa do Barril vai máis aló das combinacións clásicas e coloca nas súas vitrinas varias ducias de sabores: chocos, polo con piña, grelos con chourizo, carne con champiñóns e queixo crema, vexetais, espinacas con bechamel…algunhas delas moi especiais, como a de polo ao curri con mazá, motivo de peregrinación para moitos vigueses, ou a de mozzarela, tomate, xamón e ourego, que friten no momento da comanda para que o queixo estea no punto desexado.

A pandemia obrigou a Ana a pechar a sala do bar, pero a empresaria saca algo positivo do parón. “Deume tempo para observar aos meus clientes e adaptarme aos seus gustos, así como poñer en marcha proxectos que tiña parados por falta de tempo”. Un deses proxectos nos que está a traballar, desvélanos, é incluír na carta empanadillas feitas no forno.

De momento, a case imposición de facer envíos a domicilio para continuar co negocio aberto, motivouna para crear un menú do día que cambia semanalmente. Nel inclúe un prato de cociña a elixir entre catro. Por exemplo, crepes con salsa de iogur, luras con salsa thai, crema de cabaza ou quesadillas de carne barbacoa. De segundo, como non, unha empanadilla da súa carta e, como colofón, un anaco de torta artesá. O seu obxectivo é ofrecer un menú lixeiro, caseiro e económico (custa só 8,50 €). “Non facemos alta cociña, para iso hai moitos restaurantes fantásticos en Vigo, pero ofrecemos un produto de diario que está moi rico”.

Alén de empanadillas, en A Tapa do Barril atopamos tapas das de toda a vida: un amplo surtido de croquetas artesás, tortillas, ensaladas ou quesadillas. “A idea é ter opcións para todos os gustos, para que un grupo de amigos ou familia poida facernos un pedido aínda que a un deles non lle apeteza unha empanadilla”.

A Tapa do Barril a domicilio

A súa carta está dispoñible na web https://www.atapadobarril.es/ e nas redes sociais. Cada luns suben as opcións para o menú do día, dispoñible de luns a venres a mediodía. Para reservalo hai que chamar ao teléfono 986 29 89 83.

Os seus dous locais continúan abertos e servindo empanadillas e pratos para levar. Pódese recoller a comida en Rúa López Mora, 63; ou en Praza Porta do Sol, 4.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.