VIALIA
bannerPicnicSesions

Verde Mostaza, coma no horto

Verde Mostaza é o paraíso das hamburguesas vexetarianas en Vigo. Por si fora pouco, o seu menú do día é un dos máis completos e nutritivos da cidade e as súas salsas careiras, pan artesán e golosas combinacións de ingredientes, fan que veganos e omnívoros repitan.

As hamburguesas de legumes e froitos secos eran o prato estrela na casa familiar de Julio, o dono da hamburguesería vexetal viguesa Verde Mostaza, que quixo facer pública esta deliciosa tradición doméstica. “Teño antecedentes familiares de vexetarianos na familia e, cando non era doado atopalas en nigures, na miña casa facíanse hamburguesas a base de fariñas de legumes”, explica o hostaleiro.

En Verde Mostaza o prato por excelencia da cociña rápida adquire novos matices con combinacións tan golosas como cenoura e avelás, algas e mazá ou espinacas e arandos, entre pans artesáns (tamén sen glute) e con salsas caseiras. Os ingredientes destas hamburguesas sen rastro de carne animal son as legumes, os froitos secos, a soia, a especias e, por suposto, as combinacións de vexetais, que aquí se atopan en abundancia de variedade e cantidade.

Esta hamburguesería verde do barrio Casablanca é un local que paga a pena visitar a calquera hora, pero especialmente nos días de semana a mediodía, pois unha parte importante da experiencia está na lousa que colga da parede do restaurante. Aquí se descubre a gornición do día, da que se debe esperar moito máis que salada ou patacas: boloñesa de guisante texturizado, guiso de tofu con arepas, ou seitán á laranxa con lomabrada e arroz. Alimentos sáns e sen aditivos e que están elaborados poñendo atención en crear pratos equilibrados, completos e nutritivos. Unha aposta pola saúde dos que comen fóra da casa a diario.

Partindo dun prato sinxelo e versátil, Julio e o seu equipo conseguen crear una experiencia distinta cada vez que se visita e ofrece alternativas tanto para comensais clásicos como para aqueles dispostos a experimentar coas algas, ou novos cereais como o millo miúdo e o trigo sarraceno. Isto fai que a clientela sexa do máis ecléctica:”aquí vén xente de todas as idades e dietas”, comenta Julio que cre que o éxito do local está en ofrecer un produto cun sabor diferenciado, fácil de comer (todos estamos familiarizados coas hamburguesas) e a un prezo asequible. O seu brownie de chocolate seguro que tamén está entre os motivos polos que a xente repite.

REVISTA ABRIL

A experiencia vólvese redonda no seu agradable local, no que o verde das paredes e as prantas é o protagonista e onde é frecuente atopar exposicións de artistas locais. Ademais os animais son benvidos. Se non tes tempo ou ganas de achegarte, realizan servizo a domicilio a través de DBarrio e é posible encargar a comida por teléfono e pasar a recollela.

Non marches sen probar: A selección de patés vexetais para abrir boca. A gornición do día, dispoñible cada mediodía, e a hamburguesa de grelos con tetilla, unha das máis populares do local, especialmente nos meses fríos. Para rematar, non esquezas botar un ollo á barra, onde se expoñen os doces caseiros do día.

Rúa do Paraguai, 6
986 19 94 44
@verdemostazavigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.