O que si podemos facer a partir deste sábado
Onte ao mediodía volveron a saltar as alarmas cun novo paquete de restricións que afectan a case todos os ámbitos da nosa vida. Vigo, ademais, é unha das cidades máis castigadas por estas medidas. Con todo, aínda son bastantes as cousas que podemos facer a partir do venres ás 23:59 para manter vivo o comercio, o corpo e a cabeza.
A Xunta de Galicia endurece as medidas para tentar “resetear o sistema”. Estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia. Así mesmo, pechará a hostalaría, agás o servizo a domicilio e para recollida que si se poderá ofrecer; a práctica deportiva quedará restrinxida a deporte individual; e reducirase o aforo en establecementos culturais, que con esas limitacións poderán seguir funcionando –cines, teatros, auditorios, e outros recintos de público sentado poderán ocupar o 50% de cada sala, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior–.
Haberá tamén restricións de mobilidade, é dicir, non se poderá entrar nin saír desta zona ( Vigo, Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela), agás por razóns laborais e actividades esenciais. E como antes, obriga de permanecer na casa entre as 00:00 e as 6:00. Estas medidas estenderanse ata as 15:00 do 4 de decembro. Con todo, deixámosvos algunhas actividades que todavía podemos seguir a facer:
TEATRO
Aínda que algúns espazos vén mermada a súa capacidade máxima, estes poden continuar coa súa actividade. Salvo novidade, tanto o Teatro Ensalle como Vigocultura continúan coa súa programación. Esta fin de semana, por exemplo, temos no Ensalle desde o xoves ata o sábado estará In Anima Vil, ás 20:30; e Vigocultura con O Premio o venres, Armazenados o sábado (ambos ás 20:30) e Rock Cirk o domingo (ás 18:00). A Sala Ártika acaba de anunciar a cancelación do espectáculo de títeres para crianzas Burbuja, programado para este fin de semana porque a nova normativa reduce o seu aforo a 30 persoas o que fai inviable o funcionamento da sala. Non obstante, xa solicitaron a Xunta de Galicia a ampliación de aforo a 50 persoas (tal como ven recollido no DOGA do 4 de novembro) e están agardando unha resposta para poder continuar coa programación de novemebro.
CINEMA
Os cinemas, igual que as salas de teatro, continúan abertos. Por iso cómpre botar unha ollada á carteleira dos diferentes espazos para ver cal é o filme que máis nos apetece visionar. Nos Yelmo, no CC Travesía, podemos ver Lúa Vermella, a última película do director vigués Lois Patiño. Se agardamos ata o luns teremos unha dobre sesión (18:00 e 20:30), con presenza do realizador, no Cineclube Lumière, no Auditorio do Concello. Ademais, segue activa a opción online do Galician Freaky Film Festival ata o domingo 8 de novembro. Podes ler aquí a nosa crónica para non perderte nas máis de 10 horas de cinema freak. Como sempre, podes consultar o catálogo dalgunha das grandes plataformas de visionado baixo demanda a ver se atopas algunha obra made in Galicia.
MUSEOS
As salas de exposicións tampouco caeron con estas novas medidas. Podes pasarte pola nosa axenda de exposicións para consultar a ampla variedade de mostras que hai agora mesmo na nosa cidade: fotografía, pintura, escultura… Para filtrar algo a información, na nosa revista de novembro fixemos un artigo sobre algunhas delas: Cubo, Apo’strophe, F**k this studio ou Afundación. No MARCO, por exemplo, podemos atopar as exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido.
BIBLIOTECAS E LIBRARÍAS
As novas restriccións tampouco poden ser unha excusa para non ler. As bibliotecas públicas, a Juan Compañel e a Xosé Neira Vilas, continúan abertas e co servizo de préstamos a toda máquina. Pola súa banda, as librarías tamén seguen a prestar os seus servizos, como poden ser Librouro, Cartabón ou Versus.
Outra iniciativa que acaba de nacer é todostuslibros.com, un portal web creado por librarías de todo o Estado que busca competir contra Amazon na venda online de libros. Outra forma máis de axudar a estes establecementos nestes tempos que corren.
DEPORTE
Segundo o DOGA, “a práctica deportiva quedará restrinxida a deporte individual“, polo que se descartan deportes como fútbol, balonmán, baloncesto ou pádel. Si se pode realizar deporte individual en ximnasios, cun 50% de aforo e sen contacto físico, e clases grupais dun máximo de 6 persoas máis o monitor.
Do venres ao domingo terá lugar Virtual Playa, o reto solidario da Bootcamp que consta dunha serie de exercicios guiados por unha app que substitúen á carreira de obstáculos sen perder a esencia do evento: a praia, o esforzo e o compromiso co medio ambiente.
RESTAURACIÓN
Como comentamos, a restauración terá que pechar a partir do sábado ás 00h, a pesar de que poden manter o servicio a domicilio e de recollida en local. Por mencionar algúns, Trepia Gastronomía mantén a entrega a domicilio, tanto de comidas como de pan bao. O mesmo con Verde Mostaza a través da plataforma DBarrio ou El Mono Vintage con comida para levar. La Tienda de Paz mantén aberto o seu servizo en tenda e a domicilio. A Cervexería Nós, da que falamos a semana pasada pola súa colaboración con Rei Zentolo, non poderá abrir pero si poderán entregar os seus produtos polas casas.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024