Entón, que podemos facer a partir de hoxe?
Despois de tantos vaivéns, un non ten moi claro que é o que se pode facer a partir deste venres 26 de febreiro. Podo tomar algo cos amigos? Ata que hora? Só na terraza ou tamén en interior? E ao cine, podo ir? E xa nos deixan saír de Vigo? A calquera lugar? Son moitas as preguntas, e afortunadamente temos as respostas.
HOSTALERÍA
Por fin a hostalería volve abrir. Iso si, con bastantes restriccións. Bares e restaurantes poderán abrir as súas portas ata as 18:00, cun 30% de aforo en interiores e un 50% nas terrazas. Estarán obrigados tamén a mostrar un cartel coa capacidade máxima permitida e recoméndase a utilización de códigos QR para facilitar o rastreo de positivos. E respondendo a unha das cuestións de arriba, si, poderedes quedar ata catro persoas non convivintes, sempre maximizando as precaucións. Podes botar un ollo ao noso especial Salvemos a hostalería ou aos nosos locais recomendados.
PECHE PERIMETRAL
Tamén se nos permitirá saír do noso concello, sempre cando o lugar de destino estea ao mismo nivel que o noso. Dos concellos dos arredores temos a opción de ir á maioría, agás Oia, Redondela e Pontevedra e toda a súa área. O que si que está permitido é cruzalos en coche para ir a outro destino, só puidendo parar a repostar. Podedes consultar aquí o mapa completo.
OCIO E CULTURA
Se algo estabamos a desexar era a apertura de teatros (Ártika, Ensalle, Vigocultura…), museos, cines, bibliotecas… aínda que a cousa tampouco está para botar foguetes. As salas de concertos continúan pechadas e os teatros e cines só permiten un 30% do aforo. Sobre estes últimos, polo momento só abriran o Cine Salesianos e o Auditorio Municipal para acoller o Cineclube Lumière e demais actividades paralelas. As salas de Plaza Elíptica, Gran Vía, Travesía e Multicines Nortes continuarán pechadas. Recorda que na nosa axenda tes toda a programación cultural para a fin de semana.
DEPORTE
Volven abrir as instalacións deportivas ao aire libre para a práctica individual, ademais da posibilidade de xuntarse catro non convivintes (cinco se hai monitor) para xogar ao baloncesto, fútbol, tenis ou padel. Iso si, con máscara. Tamén é posible saír do noso concello para practicar actividade física. Ximnasios e piscinas tamén abren as súas portas. Recomendámosche visitar o noso especial sobre vida saudable, válido tanto para facer actividade física na casa como en centros especializados.