REVISTA ABRIL

Máxima esixencia na Carreira 24h a Castrelos deste sábado

Esta fin de semana, os días 25 e 26 de agosto, terá lugar unha das probas deportivas máis esixentes do ano: a V Edición da Carreira 24 horas a Castrelos. Este ano reunirá a 526 valentes, tanto individuais como en equipos, dispostos a correr por unha boa causa, xa que a proba é de carácter solidario. Ademais do aspecto deportivo, haberá actividades para crianzas, obradoiros e concertos. 

Este sábado ás 12 do mediodía daranse cita no Parque de Castrelos un 526 corredores e corredoras, organizados en 42 equipos e 31 individuais, dispostos a correr arredor do parque ata as 12:00 do domingo. Todos os/as participantes recibirán unha camiseta, unha mochila de deporte e un brazalete luminoso, que lle dará máis cor e seguridade a etapa nocturna da proba. Debido á súa esixencia física, a carreira só é apta para maiores de idade e cunha boa preparación previa.

Para Daniel Garrido, como un dos organizadores de evento e como participante que foi quen de rematar a probar, opina que a única forma de poder levala a cabo de forma individual é “a base de moito adestramento durante meses, noite e día, unha boa alimentación e moitas ganas”. Begoña Doniz, gañadora na pasada edición, concorda con Daniel e fai especial fincapé no “adestramento mental, importantísimo. O 80% da proba é de resistencia mental”. Entre eses adestramentos especiais, Daniel destaca o de ir correndo a Santiago en 11 horas, uns 95 km, e Begoña, ademais das tres horas diarias de deporte, o de manterse activa 24 horas sen durmir.

REVISTA ABRIL

Aínda que este ano non vai participar por cuestións de calendario, a corredora ourensá cóntanos que o ano pasado fixo 168 km na carreira, marcando un novo record na categoría feminina. Quen si vai participar é Daniel, que ten a intención de mellorar os 155 km da edición anterior, na que estaba mancado dun dedo do pé e lle obrigou a deterse nalgúns momentos da proba.

Ante unha das preguntas obligadas, que é a de se nalgún momento durante as 24 horas pensaron en abandonar, Daniel admite que si, “debido a unha dor de estómago moi forte que tiven sobre a media noite, na que tiven que parar unhas 3 horas. Pero finalmente tomei a determinación de seguir adiante”. Pola súa parte, Begoña non pensou en ningún momento na retirada, a pesar “de que hai momentos moi duros, sobre todo pola noite, entre as 3 e as 6 da mañá. A luz solar é moi importante neste tipo de probas, ademais de que xa non hai animación, levas moitos kilómetros no corpo… aí é onde se nota o adestramento da cabeza”.

Tanto Begoña como Daniel concordan en que unha proba destas características non ten porque ser perxudicial para a saúde sempre e cando o corredor ou corredora a leve ben preparada, cun gran adestramento de varios meses detrás. “Eu o luns estou para ir traballar perfectamente”, engade Daniel, demostrando que cunha boa preparación previa á carreira non ten porque ser perigosa.

(GMT+01:00) Parque Castrelos