REVISTA ABRIL

Cervexas Nós e Rei Zentolo unen forzas para homenaxear á Revista Nós

Este venres presentouse a colaboración entre Cervexas Nós e Rei Zentolo con motivo do centenario da publicación da Revista Nós. Unha cervexa especial creada para a ocasión, que conta cunha etiqueta e unha camiseta deseñadas pola famosa marca viguesa que recrea a portada do primeiro exemplar da publicación.

Este venres 31 pola mañá presentouse no seu local da rúa Fisterra a última creación de Cervexas Nós. Non se trata dun produto calquera, xa que o deseño está realizado pola marca Rei Zentolo, e ambos buscan con esta colaboración homenaxear á mitica Revista Nós, que cumpre 100 anos. Un acto ao que acudiron Uxía Blanco por parte do Concello, Francisco Castro da Editorial Galaxia e Pablo Rodríguez de Rei Zentolo.

Segundo Rodríguez, foi un deses proxectos nos que “todo saíu rodado desde o comezo, xa que pensamos que aos nosos seguidores lles gustaría tomar unha Cervexa Nós e aos seus vestir algo de Rei Zentolo”. O deseño, como vemos nas imaxes de arriba, é unha clara homenaxe á capa realizada por Castelao no nº 12 da Revista Nós, cuxa primeira publicación tivo lugar un 30 de outubro de 1920. Para darlle un toque de humor ao asunto, engadiu que “o berro daquelas era ‘Saúde e Terra’; nós conformámonos co primeiro nestes tempos”.

REVISTA ABRIL

Pola súa banda, Francisco Castro, director da Editorial Galaxia e Vigués do Mes na nosa revista de novembro, “esta colaboración é bastante coherente co que soñou a Xeración Nós hai 100 anos, unha Galicia vigorosa e capaz de expresarse nos diferentes eidos da realidade, como son a hostalería ou o téxtil”.

Por último, Uxía Blanco apuntou que “desde o Concello de Vigo non podemos deixar de sumarnos a iniciativas como esta, que demostran que un século despois a Xeración Nós está moi viva“. Ademais, celebra que “a arte e o deseño estean tan presentes na industría e na gastronomía”.

A cervexa é unha Galician Pale Ale, e poderá mercarse en calquera dos seus dous establecementos, situados na rúa Fisterra (pegada á rúa Venezuela) ou na rúa Plama, no Casco Vello.