CAMELIAS MASCOTAS

Living, un festín cheo de vida

Yolanda Díez e mais o seu home, ambos os dous cociñeiros, inauguraron en 2008 este negocio cun concepto de restauración que era novo na cidade daquela,  no que abundaban as fusións con cociñas asiáticas e os toques de vangarda. 12 anos despois, a dona recoñece que o establecemento está inmerso no proceso contrario, facendo por volver ás orixes, aos sabores de toda a vida, sen perder o toque divertido enche o local en cada servizo. Na carta vese o lema «Cociña viva», e o proceso de crecemento inherente á vida desta cociña acaba de sumar un novo horario: o do brunch.

Cada sábado, entre as 11.00 e as 13.00 h, a cociñeira entra na cociña, xeralmente capitaneada polo seu marido, e prepara un menú de media mañá composto por tres pratos e dúas bebidas. Todo un festín ao que paga a pena chegar con fame para desfrutalo ata o final. Para abrir boca, unha cunca de iogur grego con froitas vermellas e granola, de primeiro; de segundo, un prato salgado, a escoller entre diferentes tipos de pan con ovos beneditinos, salmón, cecina ou xamón ibérico; e para rematar, un doce: galletas, tortitas, torta de queixo, torrija… as opcións da mesa doce cambian cada fin de semana. Todo regado cunha bebida quente e un zume acabado de espremer, a escoller entre as dúas combinacións do día. A este festín hai que sumarlle o ambiente acolledor e tranquilo que o rodea, onde o comensal se encontra rodeado de plantas e decoración vintage chea de cor.

Zamora, 81 | 986 24 78 59 | livingcocinaviva.com | @livingvigo

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.