Qué Churros!, dez anos adozando Vigo
A churrería Qué Churros! é un referente vigués dos almorzos tradicionais, especialmente nos meses de frío, grazas a súa mestría elaborando un produto tan sinxelo como apreciado: o churro.

Desde o seu modesto comezo nun pequeno local da rúa do Carmen, no barrio das Travesas, en Qué Churros! levan unha década apostando pola calidade como piar do negocio. O mellor exemplo disto é que os seus churros se friten exclusivamente en aceite de oliva virxe extra, co fin de ofrecer un produto cun sabor e calidade superiores aos da competencia. Este negocio familiar foi impulsado polos pais de Paula Mosquera, quen xestiona na actualidade un dos seus locais e considera o feito de ser un negocio familiar como un dos factores do seu éxito. «Achega un valor engadido que a clientela valora moito nunha cafetería».


Grazas a estes dous factores, o negocio creceu tanto na venda directa como na repartición á hostalería, polo que, desde hai uns anos, contan con tres establecementos. O establecemento principal está nas Travesas e centraliza a produción e a distribución a bares de Vigo e Pontevedra. O local orixinal da rúa do Carmen mantense como espazo auxiliar para eventos e está aberto durante a tempada alta, no inverno. Ademais, os pais de Paula xestionan outro punto de venda ao público no barrio do Calvario. Nos tres serven os seus famosos churros acompañados de chocolate ou a bebida quente de elección. Tamén traballan con panaderías para ofrecer outros produtos de bolería e ampliar a oferta de almorzos e merendas. Se preferimos comelos na casa, podemos pedilos a domicilio a través do teléfono ou da plataforma Just Eat.



Na época dos brunch sobreestimulantes, facerse un nome propio cun produto tan humilde como o churro non é doado, pero en maio deste ano Qué Churros! celebra o seu décimo aniversario, un fito que reflicte a solidez e o agarimo cultivados entre a poboación viguesa durante todos estes anos.
Rúa de Cesáreo González, 13 | @quechurrosvigo | 986 11 66 03
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Porto Café, café de especialidade e almorzos artesanais - 10 Abril, 2025
- Froitas Xeitosiña, tradición e frescura - 10 Abril, 2025
- Sete espazos á medida para celebracións memorables - 9 Abril, 2025
- 4 Elementos, lume elemental en Tui - 9 Abril, 2025
- The Wild Cinema convida a participar con filmes sobre natureza e sustentabilidade - 7 Abril, 2025