REVISTA ABRIL

Pan Para Todos, o forno saudable e sen glute

As persoas con celiaquía, veganas ou que buscan opcións saudables teñen un templo común no barrio das Travesas: Pan Para Todos, un obradoiro pioneiro e referente na elaboración de produtos 100 % sen glute.

A historia de Pan Para Todos está intimamente ligada á da súa fundadora, Sara Cantón. Celíaca e descontenta coa calidade e os ingredientes dos alimentos sen glute que atopaba no supermercado, sempre cheos de aditivos, Sara decidiu tomar as rendas e elaborar as súas propias receitas. O que comezou como unha iniciativa persoal, coa elaboración de pan, empanadas e doces para o seu propio consumo, pronto se transformou nun proxecto empresarial ao decatarse do potencial das súas creacións. Desde a súa apertura en outubro de 2014, esta panadería soubo gañar a fidelidade dun público diverso, que vai desde persoas con intolerancias ou alerxias alimentarias ata aquelas preocupadas por unha alimentación máis sa.

A oferta é extensa e variada, pero entre os seus produtos estrela atópanse diversas variedades de pan que a propia aplicación Celicidad cualificou como «unha institución». As fins de semana poden chegar a vender ao redor de cen unidades entre barras e bolos, o que dá unha idea da súa popularidade. Ademais do pan, o seu catálogo inclúe unha apetitosa selección de produtos doces e salgados, como galletas, madalenas, croissants, napolitanas, empanadas, empanadillas e pizzas. Para as nosas celebracións tamén podemos encargar tortas artesanais. A de chocolate e a torta San Marcos son as que máis se venden, pero tamén gustan a de nata con amorodos, a Sacher, a torta da avoa, a torta de Santiago con fariña de arroz e diferentes tipos de torta de queixo.

Un aspecto destacable de Pan Para Todos é o seu enfoque na saúde. Conscientes de que as persoas celíacas a miúdo teñen máis dificultades na dixestión, case todos os seus produtos son sen lactosa e non conteñen graxas animais. Ademais, os seus doces acostuman levar menos azucre do habitual. Estas características fan que os seus produtos sexan atractivos non só para persoas con celiaquía, senón tamén para un público xeral que busca coidar a súa alimentación con produtos máis saudables. Tamén ofrecen opcións sen froitos secos, sen ovo e veganas, adaptándose a diversas necesidades dietéticas. O seu compromiso coa seguridade alimentaria é absoluto, polo que manteñen unha estrita política de restrición de produtos con glute nas súas instalacións co fin de evitar calquera risco de contaminación cruzada e garantir así a tranquilidade da súa clientela. Este compromiso foi recoñecido en 2015 coa acreditación da Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), un selo que avala o seu labor en favor da comunidade celíaca.

En datas sinaladas como a Pascua, elaboran ovos e monas tradicionais. Este ano incorporaron como novidade os ovos de chocolate branco e negro sen azucre, todos eles sen lácteos e, polo tanto, veganos, que poden ir acompañados das imaxes de personaxes infantís como Stitch, Bluey ou Superman. Nesta época tamén son populares os roscóns sen glute, elaborados de maneira artesanal co sabor tradicional e diferentes recheos, entre os que destaca o de xema.

Rúa Manolo Martínez, 15 | @panparatodosvigo | 986 16 61 56

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.