REVISTA ABRIL

Centro Comercial Camelias: o comercio familiar resiste

No alborotado epicentro da praza de América álzase o Centro Comercial Camelias, un enclave que desde a súa apertura en 1994 soubo forxar unha identidade propia nun panorama comercial cada vez máis competitivo. Lonxe da frialdade impersoal das grandes superficies, Camelias defínese como un centro familiar antes que comercial.

Camelias optou por consolidarse como un punto de comercio local e de proximidade, pois ofrece moitas alternativas ás multinacionais que dominan outras superficies. Aínda que a presenza de marcas recoñecidas como Toys “R” Us ou Gadis achega atractivo e visibilidade, é o trato próximo e familiar o que fideliza unha clientela que valora a interacción persoal e a tranquilidade. Esta esencia próxima e personalizada é, segundo Sandra Rodríguez, a súa actual directora, un dos seus principais puntos fortes fronte a outros complexos de maior tamaño e oferta.

A súa singular oferta alberga tendas moi especializadas, difíciles de atopar noutras zonas da cidade: desde un establecemento especializado en aromas árabes ata outro dedicado á personalización de artigos feitos á man ou a popular tenda Sapoconcho, coa súa ecléctica mestura de produtos de Disney ou Harry Potter e artigos para gamers. Para Sandra, «Camelias ten a capacidade de ofrecer agasallos orixinais e diferentes que escapan á homoxeneidade das franquías convencionais». Tamén atopamos salóns de peiteado e estética, varias cafeterías e un despacho de empanadillas caseiras.

Conscientes da necesidade de dinamizar o centro, especialmente nun momento no que non todos os locais están ocupados, a dirección apostou por unha intensa axenda de eventos que buscan promover o centro e atraer público. Entre os eventos máis exitosos e recorrentes atópanse celebracións como o Samaín, o Entroido e a festa familiar de fin de ano, que congregan gran cantidade de público, sobre todo familias do barrio. Ademais, organízanse talleres infantís de maneira habitual, a miúdo en colaboración cos propios comerciantes, nos que se ofrece entretemento para a cativada mentres os seus proxenitores percorren as tendas. Un exemplo próximo é o taller para facer agasallos polo Día da Nai. Para os máis pequerrechos tamén contan cun parque de bólas, un carrusel e variedade de animaliños e coches nos que montar.

Mirando cara ao futuro, o Centro Comercial Camelias atópase inmerso en ambiciosos proxectos de renovación. Prevense un cambio de fachada e unha reforma da praza superior que buscan actualizar a imaxe do centro. Como explica a xerente, «a pesar do agarimo que parte da veciñanza sente por elementos icónicos como as flores da súa fachada», o custoso mantemento e a imaxe algo anticuada que transmite fan imperiosa esta transformación. O que si se manterá é a estrutura en forma de cúpula cos seus característicos arcos acristalados presididos polo Gran inquisidor, a escultura dun home espido de grandes dimensións obra do ourensán Ramón Conde, autor dos emigrantes da estación marítima ou os redeiros da Gran Vía.

Praza de América, 1| @camelias_centro_comercial | 986 20 83 11

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado atopala en moitos dos saraos vigueses.