VIALIA
PLAYDOC

O festival Picnic Sesións cambia de formato cun cartel cheo de música viguesa

As Picnic Sesións cambian de formato neste 2024 e pasa a celebrar tres eventos entre marzo e maio nos que a música local, a gastronomía e as actividades para os pequenos volverán ser protagonistas.

REVISTA MAIO

A cuarta edición das Picnic Sesións vén con cambios. Este ano, a Asociación Lideiras, organizadora do evento, celebra un evento dividido en tres datas: 17 de marzo, 20 e 21 de abril e 12 de maio; pero sen perder a esencia e sendo fieis ao seu lema: “Natureza, cultura e comunidade”.

Desde o inicio, este festival apostou pola música local, algo que non vai cambiar nesta nova edición. O festival arranca o domingo 17 de marzo coa actuación infantil de Brais das Hortas e os concertos de Nadie González e The Manueles. En abril teñen organizada unha dobre xornada, que arranca o sábado 20 cun roteiro polo monte forestal de Saiáns e continúa o domingo 21 coas actuacións musicais de Blues do País, The Impossiblues e Black Stereo. Ademais durante esa xornada celebrarase o certame de pintura na natureza, un esencial do festival. As Picnic Sesións de maio arrancan coa actuación para o público familiar de Peter Punk e continúan cos concertos de Su Garrido Pombo e Family Folks. Nesta xornada tamén se celebrará unha clase de lindy hop, aberta a todos os asistentes.

Pero non todo é música o que propón o festival de Saiáns. Nestes eventos de entrada gratuíta tamén haberá gastronomía a cargo de diferentes foodtrucks, un mercado contemporáneo e obradoiros medioambientais pensados principalmente para o público familiar. Outro dos ingredientes do evento é a magnifica contorna na que se celebra, cunha espetacular vista sobre a ría e as Illas Cíes.