Patapum, crianza con diversión e respecto
Fundada por Marta López hai case sete anos, esta tenda ofrece unha coidada selección de xoguetes de madeira e materiais sostibles que buscan fomentar o xogo libre, imaxinativo e persoal na cativada.

O que distingue a Patapum doutras tendas é, segundo a súa creadora, «o enfoque en produtos pouco estruturados, sen luces nin sons, que convidan os nenos a desenvolver a súa creatividade e a interactuar de maneira activa cos xoguetes». Esta visión alíñase cos principios de pedagoxías recoñecidas como Montessori, Pikler ou Waldorf, que avogan por potenciar a autonomía dos pequenos, cada un ao seu propio ritmo. A tenda conta cunha ampla variedade de produtos, que van desde artigos para bebés ata xogos de mesa que tamén poden gustar a adultos.




A atención personalizada é un piar fundamental en Patapum. Marta e o seu equipo dedícanse a comprender as necesidades de cada neno e familia para asesoralos e ofrecerlles recomendacións adecuadas. Que che expliquen os usos e indicacións de cada xoguete é algo que só acontece no pequeno comercio. Esta dedicación, aínda que ás veces poida requirir un pouco de paciencia nun mundo acelerado, é moi valorada pola clientela que busca unha orientación experta e un trato próximo. O catálogo de Patapum é diverso e abarca categorías como xoguetes de auga, de construción, de exterior, educativos, material sensorial, xogo simbólico (bonecos, vehículos, ferramentas de xoguete, casas e accesorios), manualidades, minimundos, musicais, primeiros xoguetes e quebracabezas. Tamén dispoñen de xogos de mesa que fomentan conceptos matemáticos, estratexia, desenvolvemento lingüístico, motricidade e razoamento lóxico. Todos eles están elaborados con materiais naturais e respectuosos, como a madeira ou o bioplástico feito de bambú.


A crianza respectuosa non é só un lema en Patapum, senón unha guía para a selección de cada produto e a abordaxe de cada cliente. O seu compromiso coa calidade, a sostibilidade e o xogo libre convérteno nun espazo seguro para familias que buscan alternativas conscientes e enriquecedoras para os seus pequenos.
Rúa de Afonso X o Sabio, 5 | @patapumvigo | 986 11 77 83
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Porto Café, café de especialidade e almorzos artesanais - 10 Abril, 2025
- Froitas Xeitosiña, tradición e frescura - 10 Abril, 2025
- Sete espazos á medida para celebracións memorables - 9 Abril, 2025
- 4 Elementos, lume elemental en Tui - 9 Abril, 2025
- The Wild Cinema convida a participar con filmes sobre natureza e sustentabilidade - 7 Abril, 2025