De portas abertas: colexios á vista
Todos os anos, decote por estas datas, o aluvión de información que lles chega ás familias para elixir un colexio pode resultar moi atafegante. Para empezar, deberíamos rachar coa idea de buscar o centro coas mellores cifras de resultados e, en troques, decidirnos a dar coa escola máis axeitada para a nosa rapazada.
Unha boa opción para escoller unha institución educativa que encaixe coas necesidades que teñamos como familia é asistir ás xornadas de portas abertas que nos permiten coñecer de primeira man cada colexio. Ningunha visita virtual ou entrevista telefónica se pode comparar a camiñar polas instalacións dun centro e sentir o que transmite ese lugar nunha primeira impresión presencial. As referencias doutros proxenitores ou de antigos alumnos tamén poden ser de gran relevancia para indagar sobre a calidade técnica e humana de cada centro de ensino.
As visitas máis recomendables son as que se fan en horario lectivo, para ver como responde o centro a pleno funcionamento. Inmersos nas instalacións, podémonos fixar na disposición das aulas, nas dimensións, no equipamento, os traballos que penduran das paredes ou mesmo na orde e a limpeza de cada recanto. As áreas de recreo deberían ser amplas e estar dotadas de zonas verdes e luz natural. Ademais de preocuparnos polas aulas ou polas actividades extraescolares, é importante que teñamos en conta os tempos de descanso, que son imprescindibles na infancia.
Alén do proxecto educativo e a metodoloxía a seguir, un indicador clave da verdadeira filosofía do colexio é preguntar como se abordan os problemas de conduta; se se impoñen sancións, saber en que consisten. O máis adecuado é que os principios ideolóxicos do centro educativo coincidan cos da propia familia. Debemos tomar tempo para dar coa escola que se poida ver como unha prolongación dos valores promovidos desde o fogar.
Lourdes Tomé
Redactora
Últimos posts de Lourdes Tomé (ver todos)
- Mobility Kids: a mobilidade como centro da saúde - 10 Xullo, 2023
- Kids&Us, inglés desde o primeiro - 22 Xuño, 2023
- Un verán no xardín - 5 Xuño, 2023
- Nubes Blancas, actividades estivais adaptadas aos máis pequenos - 24 Maio, 2023
- La Fábrica Fotografía: comungando cos recordos - 14 Abril, 2023