REVISTA ABRIL

Os mellores colexios públicos de Vigo segundo os seguidores de A Movida

Desde A Movidiña queremos derrubar os vellos mitos de que a centros públicos contan con instalacións máis precarias e peores resultados académicos que as opcións privadas. Para iso, pedimos consello aos seguidores de A Movida en Instagram e Facebook e recompilamos neste artigo os dous centros educativos que máis se repetiron e algúns dos motivos para escolarizar aos nosos nenos en colexios públicos.

Afastándonos da idea de que hai escolas de ricos e escolas de pobres, son centros onde o aforro económico é considerable, posto que non hai asignación económica mensual, o comedor é na maioría dos casos gratuíto ou de moi baixo custe, o transporte é de balde e os materiais educativos son aportados en maior medida pola propia institución. Existen ademais programas que fan que o alumnado teña libros de texto e mesmo dispositivos tecnolóxicos, como portátiles ou tablets para levar á casa durante o curso.

En canto á metodoloxía de ensino, a día de hoxe moitas escolas de titularidade pública son bilingües, ofertan unha educación actualizada e o nivel académico alcanzado é o axeitado para cada idade. O profesorado debe pasar ademáis por un complexo proceso de oposición demostrando que saben desempeñar o seu traballo e que son válidos para ese posto.

Nos centros públicos cobra moita importancia a figura das Anpas, é dicir, a comunidade de pais e nais, canle imprescindible de comunicación e vínculo de unión entre familias e escola. Estas asociacións encárganse entre outras cuestións da mellora educativa ou a conciliación familiar, ampliando o horario escolar con servizo de madrugadores ou actividades extraescolares que sexan de interese para o grupo.

Outro punto positivo para estes centros é que non se fomenta a desigualdade de clases, xa que todos os menores teñen cabida. Inclusión, tolerancia, respecto aos demais son valores que representan o dia a día dunha xornada escolar. Hai múltiples culturas, razas, nacionalidades, creencias… e esta diversidade é a base para medrar como persoas de miras abertas, sen imposición de ideas e enriquecernos tanto persoal como culturalmente.

Durante estes días estivemos recopilando a través das redes sociais as vosas valoracións sobre diferentes colexios públicos de Vigo, coa finalidade de ter opinións reais que poidan servir de axuda a outras familias á hora de escoller escola e ao mesmo tempo, dar oportunidade aos centros públicos que nestas datas de xornadas de portas abertas non dispoñen de tantos medios para facerse visibles. Estes foron os dous centros máis recomendados:

CEIP Emilia Pardo Bazán e CEIP Blaídos, os colexios preferidos dos seguidores de A Movida

CEIP Emilia Pardo Bazán

Tamén coñecido como “O Chouzo” é un  centro que oferta educación infantil e primaria. Conta con servizo de comedor e extraescolares. A pesar de estar no centro dunha cidade ten espazos de ocio amplos e zonas verdes. As familias teñen moi en conta a súa metodoloxía e a liña de traballo que seguen. Destaca o ambiente familiar e a transparencia do colexio cara os proxenitores. Din que o trato aos cativos é fabuloso, sempre respectando os seus tempos e as súas necesidades emocionais. A Anpa é moi forte e activa, contan cun bo servizo de orientación e mesmo fan traballos en colaboración coa comunidade.

Os días 7 e 14 deste mes, abrirán as súas portas a todo aquel que desexe coñecer de preto este centro recomendado polos pais e nais mais veteranos. Haberá dúas quendas en ambos días, ás 16.00 h e ás 18.00 h. Non é necesario pedir cita previa.

REVISTA ABRIL

CEIP Balaídos

O centro comeza a súa xornada as 7.30 con aula matinal. Durante as horas lectivas, ensinan o contido académico mediante clases bilingües, matemáticas manipulativas e numerosos proxectos…Contan con servizo de comedor e unha ampla oferta de actividades extraescoalres. Ademais poñen a disposición das familias unha morea de recursos educativos para traballar cos cativos. Entre os puntos positivos que destacan os seguidores de A Movida están a súa constante renovación e innovación, o traballo de educación emocional e o total apoio do equipo de orientación. As familias que apostaron por este centro destacan a metodoloxía, a importancia aos idiomas, as boas instalación, a dinamización do patio escolar, os programas nos que o centro participa e todos loan a implicación do profesorado co alumnado e coa educación.

A xornada de portas abertas é o martes 28, ás 16.00 h e ás 17.00 h. Non dubides en ir coñecelo.

The following two tabs change content below.
Educadora Infantil e Educadora Certificada en Disciplina Positiva pola Asociación Española e Americana. É ademais nai de dous pequenos que, segundo di, son os que a fan medrar e aprender cada día. Encántalle a natureza e viaxar aínda que a súa maior paixón son os nenos e a infancia como demostra no seu blog Little Scaler, onde aposta pola crianza respectuosa e amosa que criar sen berros e sen castigos e posible.