Cristina (Sr. Nilsson): ‘O pequeno comercio aporta identidade a unha cidade’
O estado de alarma obrigou a moitos comercios a baixar a persiana. Unha delas foi Cristina Rodríguez, a dona da tenda de moda Sr. Nilsson, que abriu no Casco Vello de Vigo hai case catro anos. Un espazo multimarca no que priman as prendas e accesorios de calidade e feitos en España. Tivemos unha conversa con esta tendeira en pleno desconfinamento, na que nos conta as medidas que está tomando para que a compra sexa segura e fainos reflexionar sobre o valor do pequeno comercio.
Como che afectou a pandemia?
Pois como a moitos outros. Tivemos que pechar, quedámonos sen ingresos e pedimos un ERTE para a persoa empregada. E agora non é moito mellor, traballando en horario reducido e facendo malabares para concilialo co coidado dos meus fillos.
Estamos afeitos a tocar e probarnos as prendas cando entramos nunha tenda como a túa. Que medidas estades tomando?
Unha tenda de roupa implica contacto, pero eu estou convecinda de que se o facemos ben, podemos seguir traballando. Cada prenda que sae do probador deixoa 48h en cuarentena e pásolle o ferro a alta temperatura. Por suposto, todas as clientas entran con mascarilla, desinfectan as mans e deixan os bolsos na entrada. Ofrecemos máis seguridade que as grandes superficies, pois podemos prestar atención ao comportamento de todas as clientas e tomar medidas.
Como responde a clientela á reapertura?
Bastante ben. Moitas das miñas clientas habituais xa pasaron por aquí e estame sorprendendo a cantidade de xente nova que entra co espírito de mercar no comercio local.
Ese é un tema do que falamos bastante durante o confinamento: apoiar ás tendas de barrio. Cres que a crise traerá máis conciencia social neste sentido?
Hai unha chamada social a mercar no comercio local e, como che dicía, eu estoume atopando con exemplos disto. O pequeno comercio aporta identidade a unha cidade. Dalle vida, luz e unha estética propia e coidada. Se no centro das cidades só temos Zara e demais, as cidades vólvense todas iguais e os barrios morren. Dame mágoa pensar que Vigo foi unha cidade punteira en comercios de todo tipo, algúns deles dunha orixinalidade e estética brutal, que lamentablemente foro comidos polas grandes cadeas nos 90.
Que botas en falta á hora de retomar a actividade?
Fáltanos apoio do Concello, que non adoita levar a cabo campañas de publicidade ou accións que nos poñan en valor. A mensaxe calaría moito máis se o goberno local nos presatase máis atención, como están a facer noutros concellos.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024