REVISTA ABRIL

Seis regalos de pequeno comercio para seis tipos de pais

En A Movida poñemos moito empeño en apoiar o pequeno comercio e utilizamos calquera excusa para sacar peito das librerías, tendas de roupa, ultramarinos e locais gastro da cidade, pois consideramos que son fonte de riqueza económica e cultural para Vigo. O día do pai é unha desas excusas para deixar de lado as compras nos xigantes de internet e pasearnos polos escaparates na procura dun agasallo e esta lista quere demostrar que temos ao alcance da man regalos para todos os gustos.

Para os que queren saber máis, Librouro

Na librería decana da cidade, aberta en 1965, poderemos atopar o libro que se adapte aos gustos do noso pai. E se non somos quen de decidirnos, sempre podemos proguntar ás profesionais que a atenden, seguro que nos guían de marabilla polo seu catálogo de libros galegos e intercionais. Se non queredes deixar nada ao azar, un caderno e un bolígrafo bonito son sempre un regalo moi útil.

Para os que van á última, Flamingos Vintage Kilo

Nesta tenda da Ronda de Don bosco están algúns dos secretos mellor gardados da moda dos 80: camisas hawaianas e leñadoras, Levi’s 501, americanas orixinais, petos vaqueiros… pezas únicas importadas de Estados Unidos, polo que nunca se cruzarán con alguén que a leve igual! Un regalo único para os pais máis atrevidos.

Para os que viven nunha constante comedia, Nikis

Unha camiseta conha mensaxe retranqueira é sempre un regalo orixinal, pero se ademais está dispoñible en talla de adulto e neno pode converterse nun combo inesquecible. Se queres ir máis aló (ou non hai un pequeno na familia co que emparexar ao festexado) podes escoller unha das súas caixas especiais que inclúen camiseta, calcetíns e carta, máis caderno ou tapabocas, segundo a opción que escollas. E quédache un regalo nikelado.

Para os sibaritas, Cibus Navia

Para os pais de gustos gourmet atoparemos moitas opcións en Cibus, onde podemos montar unha caixa ao noso gusto de produtos artesanais e personalizala cunha tarxeta. Licor Mirabel, pastas, Maruxas de nata, queixos, marmelo, chocolates, patés variados, viños de diferentes D.O, cervexa artesá galega… e todo o preciso para agradar os padales máis esixentes e sorprender aos aventureiros.

El Trigal

REVISTA ABRIL

Empezar o día cun zume natural e algúns dos doces da vitrina de El Trigal pode ser ese detalle que buscas para sorprender ao teu pai desde primeira hora! E se o do almorzo non te convence tamén podes encargar algúns dos seus pratos para a comida, caseiros e cheos de sabor. Hai mellor regalo que comer a mesa posta?

Para os estresados, Naïr Natural

Unha masaxe, unha sesión de maderoterapia ou tratamento de beleza pode ser unha experiencia novidosa que aporta benestar físico e calma mental. Nos centros de Naïr natural (tedes catro para elixir) utilizan cosmética bio certificada para ofrecer tratamentos 100% naturais que nos leven lonxe das preocupacións diarias. En parella, só, ou acompañado do seu fillo!

4 768x513
The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.