CAMELIAS MASCOTAS

As 10 noticias máis lidas en A Movida neste 2021

O 2021 chega ao seu fin, polo que é un momento idóneo de botar a vista atrás e ver cales foron as novas que máis interese despertaron entre os nosos seguidores. Entre elas atopamos concertos, festivais, comedia, arquitectura, historia, natureza e, sobre todo, moito Vigo. Preme en cada un dos titulares para acceder á noticia.

1. O Pazo dos Escudos ábrese aos vigueses

En agosto publicabamos un artigo onde recolliamos todas as actividades que o Hotel Pazo dos Escudos, un dos máis luxosos da cidade, ofrecía para a cidadanía: sesions afterwork, con piscina, música en directo e a gastronomía de Paparrúa. A nova non pasou desapercibida para os nosos lectores.

2. Un percorrido polos 10 edificios máis feos da cidade

Aínda que nos guste moito a nosa cidade, non podemos obviar a cantidade de construccións de dubidosa estética que conforman a súa paisaxe. Nesta listaxe mostramos 10 dos edificios máis feos da nosa urbe, sendo a torre de Toralla o que máis votos recibiu nunha enquisa que realizamos na nosa conta de Instagram.

3. Concerto de Amaral en Samil

Aínda que o concerto levaba moito tempo anunciado, ata o último momento non se soubo onde tería lugar. Finalmente aconteceu o 25 de setembro no aparcadoiro de Samil, onde o dúo aragonés ofreceu unha longa actuación ante milleiros de fans, que esgotaron as entradas en cuestión de horas.

4. O director vigués Pablo Fontenla denuncia que a TVG lle roubou a idea dun documental

O noso realizador Pablo Fontenla (por certo, escollido pola revista Forbes como un dos 50 españois máis talentosos do Estado neste 2021) denunciaba en febreiro nas súas redes que a Televisión de Galicia lle robara a idea dun documental sobre a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson, quen pasou por Galicia nos anos 20 do século pasado.

5. David contra Goliat: Alimentación Rivera planta cara ao Concello

Na nosa revista de verán publicamos que Alimentación Rivera, histórico ultramarinos situado na Praza da Colexiata, pechaba a persiana despois de décadas aberto. O motivo: un novo proxecto urbanístico que pretende derrubar cinco contruccións da praza para levantar unha nova bautizada como Mutante, obra do estudio de arquitectura LIQE. Equivocámonos, polo que fomos falar con eles para que nos explicasen a súa situación.

6. Mítico Jicho de Vigo: «Propuxéronme presentarme ás eleccións e dábanme máis votos que ao PP»

É un dos personaxes máis coñecidos da cidade nas redes sociais, pero ninguén sabe quen se agocha tras ese nome. O Mítico Jicho de Vigo, primeiro en Facebook e agora en Instagram, é un referente da comedia alternativa viguesa, cuns memes que causan furor polo súa precisión á hora de retratar a nosa sociedade. Falamos con el sobre os grupos e locais máis míticos.

7. Música, danza e observación do firmamento, así será o verán en Villa Solita

A finais de xuño o Concello anunciou unha ambiciosa programación estival para Villa Solita, casa señorial do século XIX rehabilitada hai un par de anos localizada en Alcabre, que incluía concertos, danza e xornadas para observar os astros.

REVISTA NOVEMBRO

8. Taburete e Iván Ferreiro, primeiras confirmacións do Festival TerraCeo

O Festival TerraCeo, creado en 2020 a causa da pandemia, sempre levanta moita expectación, pois se converteu na cita musical de referencia nestes veráns sen Castrelos. Uns 50 concertos, máis as actuacións dos teloneiros locais, conformaron esta nova edición. Iso si, o nigranés Iván Ferreiro non pasou polo escenario da terraza do Mar de Vigo, malia que foi unha das primeiras confirmacións. Tamén aproveitamos para preguntarvos polos grupos e artistas que vos gustaría ver nesa edición. Outro dos artigos máis lidos do ano foi o anuncio de 30 novas actuacións no festival.

9. Senda verde

Na revista de abril publicamos unha ampla reportaxe sobre todas as sendas naturais que rodean Vigo, posto que máis dun 20% da superficie da nosa urbe está ocupada por montes. Neste artigo da web recompilamos cada un destes 13 roteiros, ideais para facer escapadas nas fins de semana e desfrutar da natureza a escasos minutos do centro urbano.

10. Nas entrañas da cidade

Por último, outro dos artigos da revista en papel, neste caso de xaneiro, que gozou de boa acollida foi este sobre os numerosos túneles que se ocultan baixo os nosos pés. Do Castro ao Castelo de San Sebastián ou desde a estación de Urzáiz ata Santiago de Vigo, cinco son os pasadizos que percorren a cidade baixo terra. Os seus usos, lonxitudes, estados de conservación e época de realización son ben distintos.