REVISTA MARZO

Nas entrañas da cidade

Existen ata cinco enramados, escavados en diferentes épocas e para diferentes usos, que percorren Vigo por debaixo do asfalto. As primeiras grutas das que paga a pena falar son as máis obvias: as canalizacións que percorren a cidade baixo a superficie para o abastecemento de auga. Dúas destas estruturas, aínda que poidan parecer anódinas, teñen especial interese.

A primeira destas construcións subterráneas é, ademais, a máis antiga. Fabricada polos romanos para canalizar auga do monte do Castro ata as últimas casas a pé do mar. Aínda que é complicado precisar onde acaban, si podemos observar o nacemento dalgunhas, rebuscando nos arredores da fonte da Falperra e a ladeira entre o castelo e a panificadora. Moitos asentamentos foron dotados de infraestruturas semellantes, mais o valor histórico da rede viguesa reside na vasta cantidade de canles coas que contaba.

A segunda construción é moito máis moderna. Con data de 1929, recolle o líquido elemento do actual encoro de Zamáns levándoo ata o centro da cidade. Trátase da construción oculta de maiores dimensións, ao percorrer máis de 2.000 metros distancia contando con 1,80 metros de altura e 2 de ancho na maior parte do percorrido. A construción desta canle creou un gran malestar nos habitantes da zona alta, que chegaron a escribirlle unha carta ao político e xornalista Basilio Álvarez para lle pedir mediación no asunto. A misiva está recollida por Marcos Vaqueiro no libro As covas de Vincios (2006).

Levar auga non é o único motivo polo que os nosos devanceiros se meteron nas entrañas de Vigo. Como exemplo traemos as seguintes tres de historias soterradas baixo o decorrer das vías da nosa cidade:

As galerías subterráneas da fortaleza

O monte do Castro é unha parada obrigatoria para calquera que visitante que se achegue a Vigo, especialmente polas vistas á boca da ría e por ser un dos poucos remansos verdes do centro da cidade; mais a fortaleza esconde unha das partes máis importantes, e peor conservadas, da nosa historia.

Cos recentes traballos de iluminación, empezou a correr o ruxerruxe doutro fenómeno, menos iluminado, arredor da fortaleza: a existencia dunha rede de túneles subterráneos que o Concello, segundo anunciou recentemente, vai recuperar para o gozo da cidadanía. O valor deste «novo» achado é algo que o escritor Pedro Feijoo, autor de Camiñar o Vigo vello, leva anos reivindicando, mentres o acceso pola rúa do Pracer forma parte do percorrido habitual dos seus paseos guiados pola historia da cidade. O acondicionamento requirirá da participación de varios profesionais da espeleoloxía, a arquitectura e a tomografía, así como dos permisos das autoridades de cultura e patrimonio, polo que a apertura ao público destas cavidades non será efectiva proximamente.

A rede de pasadizos supoñía unha vía de escape no caso dunha ofensiva por parte dos piratas ingleses ou dos veciños portugueses en plena Guerra de Restauración. Ambas as dúas constituían as principais ameazas para a nosa localidade no último terzo do século XVII, momento en que foi construída a fortaleza, con tal présa e escaseza de recursos que non acadou a contundencia precisa. Os pasadizos servirían para facer desaparecer con discreción persoas importantes en momentos críticos e para mobilizar tropas e correos no caso de enfrontamento.

Ademais da devandita entrada pola rúa do Pracer, a máis evidente, Diego Moreira, membro do Club Montañeiros Celtas e un gran documentalista do Vigo subterráneo a través da súa canle de YouTube, Producciones Montana, cóntanos a existencia dunha porta na rúa da Ferrería: un oco dun metro cadrado que o explorador percorreu cámara en man, relatando como se encontra nun estado de total abandono. Esta é a galería máis significativa e unía o castelo de San Sebastián coa batería de canóns instalados na Laxe.

Feijoo fala tamén dunha entrada na parte oposta do monte, na rúa de Arines, á altura dos restos dun antigo pío, do que se poden observar uns dez metros a través dun enreixado. Ningún deles está acondicionado para ser transitado na actualidade e, dado o descoñecemento do estado da infraestrutura, non é aconsellable introducirse polas devanditas entradas.

O túnel do peixe

A primeiros do século XIX, logo de se inaugurar da estación ferroviaria en 1878, por petición dos comerciantes de peixe por xunto, o Concello decidiu levar liñas férreas ata o molle do Comercio, situado no actual cruzamento das rúas de Colón e de Montero Ríos. Así quedou inaugurado en 1913 o chamado «tren do peixe», que servía para transportar as prebendas acabadas de sacar do mar do noso porto a outras cidades, principalmente Ourense e Madrid.

O túnel comezaba na estación de Urzáiz e seguía ata o antigo barrio do Roupeiro, perante a igrexa de Santiago de Vigo. Diego Moreira ten especial debilidade por este túnel, que descubriu sendo un adolescente grazas a unha lanterna e un golpe de sorte no que se cruzou coa muller que aparcaba o coche na praza de garaxe dun edificio da rúa da República Arxentina, no que morre hoxe en día o antigo corredor das delicias mariñeiras.

O tren do peixe quedou en desuso a principios dos anos 60, cando se abriu a estación de Guixar para aglutinar os asuntos mercantís que debían continuar o transporte por vía terrestre.

Un pasadizo baixo a Porta do Sol

É difícil imaxinar a cidade sen o seu centro neurálxico, mais hai 140 anos a Porta do Sol non era unha praza, senón un lugar ao que a xente da zona ía por auga, pois desde a rúa da Segunda República manaban tres canos moi concorridos.

Nos anos 80 do século XIX comezou a construción da estrada de Madrid —a actual rúa de Policarpo Sanz—. A vía construíuse elevada, salvando o desnivel e o terreo lamacento sobre o que se asentaba e por baixo dela trazouse un pasadizo para a trasfega de peóns que se abría entre o edificio Galoya e o calexo dos Caños, detrás do anuncio de azulexos de Pedro Domecq. Esta saída segue sendo visible hoxe en día.

Banner A Movidiña

O mesmo ocorreu pouco tempo despois cando se construíu a actual rúa do Marqués de Valadares, tamén sobre un terreo pantanoso, semellante a unha marisma, que obrigaba a elevar a estrada e deixar que a auga circulase por baixo. Continuouse entón o túnel da Porta do Sol ata a Praza de Compostela, servindo hoxe en día como soto para algúns edificios das rúas do Marqués de Valadares e de Carral, tendo saída visible na travesía Primeira da Vitoria, na que unha falsa fachada eclesiástica respalda a terraza dunha coñecida taberna con aires de abadía.

Por Paula Cermeño

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de xaneiro 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres apoiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.