VIALIA
PLAYDOC

Os favoritos d’A Movida neste 2023

Como é habitual ao chegar o final do ano, os medios de comunicación comparten listas dos mellores libros, series, películas, concertos e discos dos últimos doce meses. Nós non imos dicir que sexan os mellores, pero si os que máis gustaron ás persoas que forman A Movida. Tomade nota por se aínda tendes regalos de Nadal por comprar.

LITERATURA: Pedro Feijoo, Silvia Penas, Alana Portero e César Cequeliños

Paula Cermeño – Redacción e foto

Literatura: La mala costumbre, de Alana Portero. Retrato dun barrio obreiro de Madrid desde os ollos dunha nena trans que ainda non sabe como selo. Mestura especialmente ben o cómico co dramático. Tenrura, risas e asperezas con momentos brillantes.

Música: O concerto de Robert Plant, exvocalista de Led Zeppelin, no Auditorio de Ourense foi o máis impactante da tempada.

Audiovisual/escénico: O filme Anatomía de una caída. A francesa Justine Triet constrúe un drama xudicial moi naturalista, pero nada contemplativo. Cheo de bos diálogos e intriga sen caer no efectismo e os xiros drásticos.

Tensi Gesteira – Crítica literaria

Literatura: Retratos de vodas, partos e funerais de Silvia Penas. Un poemario sobre as violencias que padecemos as mulleres, escrito por unha das mellores poetas actuais.

Música: Caamaño&Ameixeiras, pola súa música embriagante que reivindica as nosas tradicións.

Audiovisual/escénico: Duoversos, o espectáculo poético de Marga Tojo e Samuel L. París no que descubrimos que a poesía é un ente vivo.

Xurxo Martínez – Historiador

Literatura: Libre de libro, do vigués O Leo. Un poeta de voz alternativa, disidente no discurso e habilidoso coas palabras-idea.

Música: ‘1923’, dos vigueses Keltoi!. A canción que volveu soar con forza polo centenario do Celta. Música dos barrios obreiros de Vigo, feita en galego para todo o país.

Audiovisual/escénico: Samsara, do vigués Lois Patiño. Unha longametraxe que precisa ser sentida máis ca vista. Un cinema distinto pero emocional, impactante nas imaxes. Un dos rostros do Novo Cinema Galego.

Antía Monteagudo – Redactora

Literatura: Lixeiro de Ismael Ramos. Un dos autores novos galegos máis recoñecidos e premiados da actualidade.

Música: O artista Mondra. O seu disco Ardén foi un dos que máis escoitei este ano e o seu concerto na Sala Rebullón foi dos meus favoritos.

Audiovisual/escénico: O filme Aftersun de Charlotte Wells pareceume unha historia moi íntima e emotiva.

MÚSICA: Robert Plant, Castillo, Caamaño&Ameixeiras e Rodrigo Cuevas

Tamara Novoa – Directora

Literatura: Niguén contará a verdade, de Pedro Feijoo. Un thriller político que atrapa desde a primeira páxina e que valeulle ao escritor vigués o Premio Xerais de Novela 2023, do que eu mesma fun xurado; unha experiencia inesquecible.

Música: O mellor concerto ao que asistín este ano foi sen dúbida o de Rodrigo Cuevas no Teatro García Barbón; un espectáculo maxistral na forma e no contido. Tamén destacaría o himno composto por C. Tangana para o centenario do Celta; superou con creces calquera expectativa que puidese ter e foi quen de convencer a totalidade do público; tarefa pouco doada.

Audiovisual/escénico: Matria, a primeira longametraxe do vigués Álvaro Gago. Conseguiu encher as salas de cinema non só en Galicia e grandes recoñecementos nos festivais de cinema como a Biznaga de Ouro á actriz María Vázquez pola súa sublime interpretación de Ramona. Historias de aquí, contadas desde aquí que conseguen traspasar fronteiras.

Juan Teixeira – Redacción e foto

Literatura: El amanecer de todo, de David Graeber e David Wengrow. Un libro imprescindible que amosa unha nova historia da humanidade, un texto combativo que transforma a nosa comprensión do pasado e abre camiño para imaxinar novas formas de organización social. 

Música: Los Pontiaks, un clásico básico vigués que volveu con forza aos escenarios este 2023. O combo instrumental de rock’n’roll por excelencia, cun directo brutal. 

Audiovisual/escénico: O Corno, un cru alegato sobre o dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo. Jaione Camborda consigue abraiarnos con esta historia de supervivencia na década dos 70 na Illa de Arousa.

Pablo Vázquez – Redacción e foto

REVISTA ABRIL

Literatura: A gran novela galega (Morgante Edicións) de César Cequeliños, que satirza o ámbito literario galego, pareceume un libro moi divertido e con moita mala leche.

Música: O álbum debut do vigués CASTILLO, Let the moon kill the sun, é para min un dos discos do ano, e non só a nivel local ou galego. Un traballo de rock ao que non lle falta nin lle sobra nada.

Audiovisual/escénico: A serie documental How to John Wilson, de HBO. Un estudo sociolóxico divertidísimo da sociedade estadounidense. É como ver un docu de animais de La 2 pero con persoas en Nova York.

AUDIOVISUAL: O Corno, Matria, How to with John Wilson e Samsara