David contra Goliat: Alimentación Rivera planta cara ao Concello
Nas últimas semanas estase a falar bastante do novo proxecto urbanístico da Praza da Igrexa, fronte á Colexiata, que pretende derrubar cinco contruccións para levantar unha nova bautizada como Mutante, obra do estudio de arquitectura LIQE. Nun deses edificios atópase desde hai 65 anos o ultramarinos Alimentación Rivera, protagonista da sección Street Photo da nosa revista de verán. Aí afirmamos que baixaban a persiana de vez, pero unha chamada súa alertounos do noso erro.
Entramos na pequena tenda situada no número 10 da Praza da Igrexa, onde nos atende José Mario Rivera. Seu pai, quen abriu o negocio hai 65 anos, está fóra descansando nunha cadeira. A situación é a seguinte: a familia Rivera, ademais do baixo, ten en propiedade o primeiro andar do edificio. O Concello ofrece 20.000€ polo negocio e 38.000€ polo piso, sumando en total algo menos de 60.000€. Quen estea un pouco ao tanto dos prezos que se manexan hoxe en día no mercado inmobiliario (“unha praza de aparcamento na Alameda custa 70.000€”, apunta José Mario) saberá que esta oferta non parece de todo xusta, e máis tendo en conta o fondo de comercio da tenda (clientela, postos de traballo, facturación anual…).
Rivera tamén dubida que o que alí se vai construír sexa de Interese Público, o motivo principal da expropiación, pois a súa finalidade aínda non está totalmente definida. O pasado 26 de xullo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, comunicaba que haberá “grandes espazos para uso social en diversas cousas: exposicións, representacións teatrais, reunións e tamén relacionado co sector turístico“. Segundo Rivera, “non podes arruinar a vida dunha familia para facer conferencias e gaiteiradas unha vez ao ano, para iso xa hai outros espazos como a Igrexa, o Auditorio do Concello ou a Asociación Veciñal do Casco Vello”.
O rexente da tenda bota en falta comunicación por parte do organismo público, pois el está disposto a adaptar o baixo e o primeiro andar para amoldalo á nova obra, cambiando a fachada ou engadindo uns soportais. Ademais, se de estética se trata, Rivera pregúntase se a alguén lle gusta o Hotel Bahía, o Centro Comercial A Laxe ou a torre de Toralla. O problema non son tanto os cartos como que lle quiten ou cambien de ubicación o negocio, pois na súa opinión está nunha localización inmellorable: “Montes o que montes vai funcionar, aquí nunca se vai devaluar un local. Levamos dous anos pasándoo mal pola falta de turismo, pero seguimos aguantando, non é un negocio abandonado nin arruinado”.
José Mario non se sinte moi esperanzado con respecto ao que está por vir: “Eu vou pelexar ata o final, e aínda por riba vaime costar moitos cartos. Non descarto, se non hai diálogo nin acordo, encerrarme na miña casa e facer unha folga de fame“, di convencido. Sobre todo sorprendéronlle as declaracións de Caballero o pasado mes de maio nas que dicía que “con ou sen acordo vaise expropiar”, comentario inaceptable nun demócrata baixo o seu punto de vista.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024