REVISTA ABRIL

Un percorrido polos 10 edificios máis feos da cidade

Vivimos nunha cidade fermosa, ou iso din. Non dubidamos da beleza de moitos dos espazos da nosa cidade, pero tamén pensamos que moitas das cousas que se fixeron no pasado, e que se están a realizar a día de hoxe, poderían facerse algo mellor. Entre os anos 60 e os 80 do século pasado cometéronse verdadeiros crimes urbanísticos en Vigo, moitos deles xa sen solución. Estes días estamos asistindo ao desmantelamento do último vestixio do Scalextric, posiblemente o cume do feísmo vigués. Aquí vos deixamos un pequeno percorrido por algúns dos edificios máis picassianos da nosa urbe.


  1. TORRE DE TORALLA

Se preguntas á cidadanía pola construcción máis fea de Vigo, seguramente a maioría responderán que Toralla. A Illa de Toralla foi vendida polos herdeiros de Martín de Echegaray en 1965, ano no que se funda Toralla SL coa idea de edificar na illa. Primeiro as zona residenciais e a finais da década a famosa torre. O proxecto escollido foi o de Xosé Bar Boo, reputado arquitecto vigués precursor do movemento modernista na arquitectura local. Non chega a rematar a obra debido a problemas cos promotores, que utilizaban materiais de baixa calidade. A torre remátase de construír en 1975, cunha altura de 70 metros repartidos en 21 andares.

2. HOTEL BAHÍA

Outro caso flagantre do desarrollismo mal entendido. En 1964 é escollido como alcalde Rafael J. Portanet Suárez. Durante o seu mandato, realízanse numerosos atentados contra o patrimonio, entre eles Toralla, o muro de Samil ou a demolición do Mercado de A Laxe para construír unha mole de 60 metros a pé de ría chamada Hotel Bahía. Hai anos falábase dun cambio radical na súa fachada, pero semella que aínda teremos que esperar para que iso aconteza.

3. EDIFICIO DO CONCELLO

Pensa nos edificios consistoriais de cidades como Santiago ou A Coruña. Agora pensa no de Vigo. Xa non se trata de que sexa un edificio obxectivamente feo, senón que para construílo derrubouse parte da muralla do Castelo de San Sebastián, unha fortaleza do século XVII. Inagurouse en 1976 e o proxecto foi asinado en conxunto polo Colexio de Arquitectos de Vigo.

4. LA METALÚRGICA

No 2016 comezaban as obras detrás da fachada de La Metalúrgica, un dos mellores exemplos de arquitectura industrial da cidade. Situada xusto no cruce entre as rúas Rosalía de Castro e García Barbón, esta obra podería ter sido un bo exemplo de restauración patrimonial, pero non o foi. Pintaron de mala maneira un anaco da fachada e detrás construíron un cubo xigante de cristal, onde actualmente se atopa a Tesourería da Seguridade Social. Un terrible exemplo de “fachadismo” que custou máis de 13 millóns de euros.

5. LA CASA DEL LIBRO

En 1905, onde agora está situado o edificio de La Casa del Libro (Rúa Velázquez Moreno 27), levantouse un fermoso edificio coñecido como o Gran Café Colón (non confundir co Café Colón, situado máis abaixo). Obra de Benito Gómez Román, alí podían presenciarse espectáculos, concertos ou mesmo xogar ao billar. Tamén foi sede do Vigo Sporting Club, antecedente do Celta, en 1918. Na década dos 60, como non, foi derrubado para levantar uns grandes almacéns (Almacenes El Pilar) que agora, polo menos, serven para vender libros.

6. COLINA DE CASTRELOS (PIROCOTO)

Este edificio, que como o seu propio nome indica está situado nunha das colinas de Castrelos, é o protagonista dun dos maiores culebróns urbanísticos dos últimos anos. Declarado ilegal desde 1992 por non adaptarse á contorna, os residentes mesmo recibiron o ultimátum de abandoar as súas casas nun prazo de seis meses. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dictou un auto a finais de 2019 no que daba por executada a sentencia que obrigaba á demolición total ou parcial do bloque. O Concello tramitou unhas licencias para repoñer a legalidade da construcción e, finalmente, o TSXG deunas por boas, argumentando que na actualidade a zona de Castrelos está moi edificada (CC Gran Vía, circunvalación…) e xa non supón un impacto paisaxístico.

7. SFERA

Onde agora mesmo podemos atopar a tenda de roupa Sfera (Urzáiz 20), propiedade de El Corte Inglés, hai décadas había un dos edificios máis particulares e fermosos de Vigo. Falamos do Cine Odeón, obra do xenial Michel Pacewicz, inaugurado en 1917. No seu interior contaba con case 800 butacas para gozar do teatro, espectáculos de variedades e cinema. Derrúbase, e a ninguén o colle por sorpresa, a finais da década dos 60, concretamente en 1969.

8. CENTRO COMERCIAL A LAXE

A máis actual das intervencións, é outro dos numerosos exemplos de como Vigo vaise pechando ao mar pouco a pouco (tamén poderiamos mencionar o edificio da Xunta ou os cuantiosos recheos na nosa ría). Ironicamente, foi construído en 2008 baixo o plan urbanístico Abrir Vigo al mar coa idea de ser a primeira parada de todos os turistas que veñen nos cruceiros. Un monolito negro con detalles augamariña que, máis aló da súa dubidosa estética, está nun emprazamento do máis inoportuno.

9. RÚA DA RONDA DE DON BOSCO, 14

REVISTA ABRIL

Alén do arboricidio cometido nesta praza, que non comentaremos ata ver o resultado final, na Ronda de Don Bosco atopamos un dos edificios máis feos e descontextualizados da urbe. Non é famoso, nin ten nome propio, pero iso non quita que esta torre vermella de oito pisos mereza estar neste ranking.

10. CAMIÑO DAS VEIGAS, 17 (PRAIA A SIRENITA)

Por este nome seguro que todos estamos perdidos, pero todos vimos algunha vez este bloque xigantesco de 10 pisos situado entre as praias de Samil e O Vao, case en fronte da coñecida como praia da Sirenita. Unha urbanización en forma de L, con piscina no medio, colocada no alto dunha pequena ladeira. Como diciamos antes, máis aló de cuestións estéticas, o lugar onde foi construída é un auténtico despropósito.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.