CAMELIAS MASCOTAS

Cal foi o voso concerto favorito de Castrelos este verán?

Xa pasaron dúas semanas do último concerto do verán en Castrelos e parece que foi onte cando estabamos alí gozando da música de calquera dos artistas que nos visitaron este ano. Aínda que as comparacións nunca foron boas, imos repasar todos os concertos co fin de que cada un de vós escolla o seu favorito.

Little Steven foi o encargado de abrir a tempada de concertos no Auditorio o 12 de xullo. O guitarrista da E Street Band de Bruce Springsteen demostrou estar en plena forma aos seus 67 anos, acompañado por unha banda de máis de 10 músicos. Steven Van Zandt fixo un repaso a súa carreira de máis de 40 anos, centrándose especialmente no seu último traballo. O seu foi o concerto máis rockeiro desta tempada.

Tras a cancelación a última hora de Serrat, foi a quenda do famoso concerto do “millón de persoas”, o da banda Maná. Coas entradas esgotadas case desde o momento da súa saída, non se vira nunca Castrelos tan cheo. Os mexicanos interpretaron todos os éxitos que puideron meter nas case dúas horas de concerto, o cal fixo vibrar e cantar aos asistentes. Tamén é certo que parte do público que estaba nas gradas queixouse da calidade e do volume do son.

Tras eles chegou o 27 de xullo o primeiro dobre concerto do verán, o de Zoé e Dorian. Os mexicanos chegaron a Vigo como unha das bandas de rock alternativo máis importantes de Latinoamérica. O público estaba moi entregado ao seu son tan personal e especial. Os cataláns deslumbraron aos asitentes cun traballado xogo de luces e confeti, que acompañou ao seu particular indie electrónico.

O seguinte foi o recital da Coral Casablanca, cunha crítica moi positiva por parte dos asistentes. A Coral máis importante da cidade, e unha das máis famosas de Galicia, interpretou numerosas bandas sonoras de filmes míticos, que o público recoñeceu ao instante, conseguindo un dos seus principais obxectivos: achegar a música clásica a todo o mundo.

Outro dos concerto que tivo gran recepción por parte do público foi o de Morat, quenes fixeron cantar e corear todos os seus temas a un abarrotado Auditorio. O novísimo grupo colombiano deu unha demostración de como facer vibrar á xente cun estilo definido, sinxelo e comercial. Morat convenceu aos seus fans e de seguro que fixo moitos máis aquela noite.

Tras eles foi o turno dunha das lendas da música nacional, o eterno Raphael. Coas entradas vendidas desde había semanas, o público quedou marabillado ante a voz e a enerxía do cantante de 75 anos, que se mostrou eternamente xoven. Raphael demostrou porque leva tantos anos nisto e segue levantando paixóns alá por onde vai.

Con menor cantidade de público, pero repleto de fans incondicionais que gozaron ao máximo, chegou Lori Meyers facendo un repaso aos seus 20 anos de carreira. Foi un concerto vibrante no que a banda granadina repasou todos os seus hits e propuxo unha posta en escena do máis atrevida, probablemente a máis atractiva de todos os shows de Castrelos.

O último artista latino en pisar o escenario vigués foi Juanes, quen tamén tivo algúns problemas de son ao inicio do concerto. O colombiano, que cumpriu 46 aquela noite, comezou o show con algúns dos seus grandes éxitos, que mesturou con outros temas menos coñecidos do seu último disco. O concerto terminou por todo o grande, incluíndo un bis de regalo aos seus seguidores.

REVISTA NOVEMBRO

O punto final puxéronno os rapaces e rapazas de OT: Miriam Rodríguez, Roi Méndez, Ana Guerra, Aitana e Luis Cepeda, que lle competiron a Maná o primeiro posto no concerto máis multitudinario do ano en Vigo. Os triunfitos interpretaron tanto as versións que lles deron a fama na Academia como temas propios: Teléfono, Lo Malo, Camino, Hay algo en mi ou Ni la hora. O público, con horas de espera ás súas costas, gozou a máis non poder.

 

Cal foi o voso concerto favorito deste verán?

Dentro do posible, quen vos gustaría que viñese o ano que vén a actuar en Castrelos?