REVISTA ABRIL

Cal foi o mellor concerto do verán en Vigo?

Tras un par de anos con case todos os grandes concertos paralizados por mor da pandemia, este verán presentábase como, por fin, o da volta á normalidade. A música en directo volveu a Castrelos, ao peirao de transatlánticos, ás Travesas e mesmo a Balaídos, que levaba 21 sen albergar un concerto no seu interior. Imos repasar algúns dos shows máis mediáticos destes meses na nosa cidade. Cal foi o teu favorito?

06/07 FAT FREDDY’S DROP – MAR DE VIGO

Foto: P. Cermeño

Os neozelandeses, malia non ser un nome moi recoñecido polo gran público, ofreceu un concerto cargado de enerxía na terraza do auditorio, que bailou a ritmo de reggae e dub.

10/07 JOAN MANUEL SERRAT – CASTRELOS

Foto: P. Vázquez

O lexendario cantautor catalán inauguraba a volta dos concertos a Castrelos co que sería o seu último concerto na nosa cidade. Un recital sobrio e cargado de emocións por parte dun dos compositores máis importantes da historia da música española.

13/07 SEBASTIÁN YATRA – CASTRELOS

Foto: Concello de Vigo

O colombiano demostrou por que é unha das sensacións do pop latino dos últimos anos cun cheo histórico en Castrelos. Persoas de todas as idades arroparon ao cantante no seu primeiro concerto na cidade olívica.

17/07 STEVE VAI – MAR DE VIGO

Foto: P. Vázquez

O virtuoso guitarrista reuniu a máis de mil persoas no interior do Mar de Vigo para lucir a súa mestría ás seis cordas. Un concerto que non era para todo o mundo pero que seguro os seus seguidores desfrutaron coa boca aberta.

19/07 BRYAN ADAMS – AS TRAVESAS

Tras aprazar o seu concerto a última hora por problemas loxísticos, o cantante e guitarrista recuperou os concertos de Travesas, neste caso no campo de fútbol exterior, nunha velada que xuntou a bastante xente a pesar do elevado prezo das entradas. O canadiense non permitiu á prensa sacar fotos durante o espectáculo.

30/07 TANXUGUEIRAS – CASTRELOS

Foto: P. Cermeño

Malia que houbo quen nos primeiros días de venda de entradas falou de “pinchazo”, o trío de cantareiras superou calquera expectativa cun concerto para a historia. Poucos artistas galegos (e en galego) a día de hoxe son quen de reunir a tanta xente.

06/08 STING – CASTRELOS

Foto: P. Vázquez

Aprazado desde 2020 por mor da pandemia, o de Sting era posiblemente o concerto máis soado deste verán en Vigo. O exlíder de The Police ofreceu hora e media de clásicos, mostrándose en boa forma e coa voz case intacta aos seus 70 anos. Iso si, un pouco raro o de levar ao seu fillo de 45 anos como abreconcertos.

09/08 TEXAS – MAR DE VIGO

Foto: Lalo R. Villar

Outro grupo que gozou de bastante éxito nos anos oitenta foi Texas, que colgou o cartel de “non quedan entradas” na terraza do auditorio. A banda liderada por Sharleen Spiteri repasou o seu extenso cancioneiro ante o gozo dos presentes.

17/08 DANI MARTÍN – CASTRELOS

Foto: P. Vázquez

Mesmo por enriba de Leiva, o de Dani Martín foi o concerto dun artista estatal que máis expectación levantou. Xunto con Yatra e Sting, posiblemente o seu foi o recital que máis xente reuniu no parque de Castrelos. Por moito que leven 12 anos separados e anuncie que No vuelve, as cancións de El Canto del Loco foron as máis coreadas da noite.

REVISTA ABRIL

20/08 IGGY POP – FESTIVAL LATITUDES (PEIRAO DE TRANSATLÁNTICOS)

Foto: P. Vázquez

O Latitudes recollía a testemuña do Vigo Transforma, o último festival de música celebrado no peirao de transatlánticos. O cabeza de cartel indiscutible foi Iggy Pop, pai do punk e lenda da música, quen se mostrou irreverente e incansable malia os seus 75 anos e a súa coxeira, restos visibles da enfermidade poliomielite.

23/08 C. TANGANA – PEIRAO DE TRANSATLÁNTICOS

Foto: P. Cermeño

Tres días despois, coincidindo co 99º aniversario do Celta, o artista máis popular do momento en España invadiu o molle co seu Sin cantar ni afinar tour. Unha proposta audiovisual nunca vista que, con máis de trinta músicos sobre o escenario e coa colaboración sorpresa de Jorge Drexler, sorprendeu a propios e extraños.

08/09 MUSE – ESTADIO DE BALAÍDOS

Foto: P. Cermeño

O último gran concerto do verán foi o da banda británica Muse, que reabriu Balaídos como recinto de concertos 21 anos despois. O seu show é a representación gráfica da palabra “espectacular”: pirotecnia, confeti, instrumentos modificados, roupa con leds, bengalas xigantes, máscaras espelladas e un ente enmascarado de máis de dez metros sobre o escenario. Musicalmente tampouco decepcionaron, cun setlist cargado de temas coñecidos e moi guitarreiros.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.