Óscar Villar, director da Coral Casablanca: “Será un concerto de película” – A Movida

Óscar Villar, director da Coral Casablanca: “Será un concerto de película”

A Coral Casablanca é toda unha institución na nosa cidade e o seu concerto de Castrelos cada verán e xa toda unha tradición. Este sábado actuará xunto a orquestra sinfónica e farán un percorrido por grandes clásicos do cinema. Falamos con Óscar Villar director da agrupación.

En que consistirá o concerto deste sábado en Castrelos?

Será un concerto dedicado a bandas sonoras do cine en versión sinfónico vocais e soarán temas como Candilejas, Moon River, La Conquista del Paraíso, Salvar al soldado Ryan ou Mar Adentro. En total interpretaremos 20 temas dos cales 18 son BSO de cinema.

Por que escolliches temas de filmes?

O cine está cheo de músicas estupendas para versionar con coros e orquestra. Para encher Castrelos como vimos facendo nos últimos 15 anos temos que continuar a resultar atractivos para o público. Estes temas son ben coñecidos por todos e teñen un gran poder evocador.

“Sempre quixemos achegar a música coral a todo o mundo”

Cal é o segredo da Coral Casablanca para reunir tanto público?

Hai grupos que fan repertorios moito máis cultos con afán de culturizar á xente. Nós non temos ese obxectivo sempre quixemos achegar a música coral a todo o mundo. Intentamos que os nosos repertorios sexan o máis cercanos á xente posible, coas dificultades que iso implica. Porque moitas veces, hai que facer versión corais de temas como May Way que é unha obra que era interpretada á unha voz por Sinatra ou Polanka. Versionala para as 200 persoas que vai haber sobre o escenario é un traballo engadido.

Cantos anos levas dirixindo a coral?

40, tiña 17 cando comecei e agora teño 57.

Toda unha vida.

Eu comecei na coral Amarosa en San Miguel de Oia no ano 78. Ao cabo de 10 anos chamáronme do Círculo Mercantil e fusionamos ambas corais no que hoxe é a Coral Casablanca.

Que relación tiñas ti coa música coral?

Comecei por casualidade, eu tocaba o piano. Pouco a pouco fun meténdome no mundo coral e para min é como unha droga.

“Gustaríame deixar todo encamiñado cando chegue a hora de deixalo”

Daquela non tes pensado deixalo.

Non (risas) tiven varias oportunidades e nunca me decidín. Agora temos varios grupos: o coro xuvenil, o coro infantil e a última incorporación foi o coro gepeto que é para maiores de 65 anos. Con todas estas persoas implicadas pódese falar xa dun proxecto e gustaríame deixar todo encamiñado cando chegue a hora de deixalo, pero para iso aínda quedan uns anos.

Os coros infantil e xuvenil son unha garantía de que haberá coral Casablanca para rato?

Ese é o obxectivo. Xa hai seis persoas que comezaron no coro de pequenos e que xa cantan na coral.

Que significa para vós actuar en Castrelos?

Castrelos é un sitio máxico, pola súa emprazamento, pola súa estrutura e porque todos recordamos ir dende pequenos a ver os espectáculos de verán. Para nós é sen dúbida o concerto máis especial do ano e ilusiónanos a resposta da xente porque sempre o enchemos. O ano pasado choveu e estaba cheo. A xente sacou o seu paraugas e quedou a vernos, iso demostra verdadeira fidelidade.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.
Compartir
X