REVISTA ABRIL

Morat demostra que non é unha banda dun só éxito

A banda colombiana demostrou onte nun abarrotado Castrelos que, a pesar da súa corta carreira, ten material de sobra para facer vibrar ao público durante case dúas horas. Os seus grandes éxitos, que xa son uns cantos, deixaron sen voz a todos os presentes.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Na cultura anglosaxona emprégase a miúdo o termo one-hit wonderque se refire a todos aqueles grupos e artistas que só son famosos por unha canción. Todos coñecemos varios exemplos disto, e moitos quizais o pensaron de Morat, cuxo gran hit soou de forma habitual nas radios españolas fai un par de anos.

Pero a realidade é que Morat, desde o lanzamento do seu primeiro e único disco, Sobre el amor y sus efectos secundarios, non deixou de sacar singles que gozaron dunha enorme acollida entre o público, como se comprobou onte. O cuarteto bogotano está disposto a non vivir de rendas e a seguir aumentando en cantidade e calidade ano tras ano o seu repertorio.

O concerto comezou, máis ou menos puntual, con gran enerxía e un público entregadísimo. Algunhas das cancións que soaron neste arranque foron varios dos seus éxitos máis recoñecidos, como son Mi nuevo vicio, Aprender a quererte ou Cuando nadie ve.  O ritmo non baixou nin moito menos con temas como Besos en guerra (sen a colaboración de Juanes, unha das próximas citas en Castrelos), Amor con hielo, Ya no estás tú ou En un solo día.

Tras esta primeira metade chea de vida e fogosidade, chegou un espazo máis relaxado e íntimo, algo arriscado xa que deu a sensación polos murmurios que parte do publico desconectou, quizais debido ao deficiente son que non chegaba en boas condicións ás gradas do auditorio. Os que si que atenderon puideron gozar e emocionarse con cancións como Di que no te vas, Mil tormentas e Ladrona, cantada polo baixista Simón Vargas, quen previamente realizou un dos varios monólogos sobre amor e desamor que caracterizan ás letras da banda. Falando de Simón, foi un auténtico torbellino no escenario, que non deixou de moverse e probar todo tipo de posturas imposibles mentres tocaba o baixo.

REVISTA ABRIL

Despois deste momento máis persoal, no que Juan Pablo Isaza, voz e guitarra, pasou ao piano, voltou a enerxía característica con hits como Yo contigo, tu conmigo e Cuánto me duele. A modo de inciso, destacar a polivalencia dos rapaces de Morat, quenes trocaron de instrumento e de voz principal nas distintas cancións. Outro dos elementos a destacar da súa música e a perfecta armonía que conseguen ao mesturar as súas voces, algo que ocorre en case todos os seus estribillos.

A banda despediuse do seu público e marchou cara o backstage, aínda que todos sabiamos que voltarían xa que, como é habitual, deixaron o seu gran hit, o que lles catapultou á fama en España, para o final. E así foi, e despois de que o outro Juan Pablo, neste caso Villamil (voz, banjo e guitarra), interaccionase co público cos xa clásicos “uooo” da banda, resoou en todo Castrelos o seu hit Como te atreves.

O que queda claro tras o concerto dos colombianos é que o seu estilo, simple pero eficaz, funciona á perfección. Cumpren con gran parte das “normas” da música mainstream, como poden ser as cancións curtas, de temática amorosa, con estribillos pegadizos e partes moi coreables, pero engadindo elementos moi persoais como o banjo ou algunhas das referencias literarias nos seus textos. Morat non decepcionou aos seus seguidores e de seguro que sorprendeu aos que non os coñecían.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.