REVISTA ABRIL
Lori Meyers

Lori Meyers, un chute de adrenalina en Castrelos

Lori Meyers fixo vibrar Castrelos dende o minuto un, cun concerto cheo de dinamismo. A posta en escena e a enerxía da banda seduciron ao público, que sen ser o máis numeroso, si que foi dos máis entregados.

O pase de diapositivas require JavaScript.

REVISTA ABRIL

Eran as 23:15 cando a banda granadina Lori Meyers saía ao escenario de Castrelos cunha espectacular posta en escena que sorprendeu ao público vigués. Iniciaron o concerto ao son de Evolución. Un dos temas que integran o seu disco recopilatorio 20 años, 21 canciones e que os está a levar de xira por toda España. Dende o minuto un Noni (Antonio López), voz e guitarra da agrupación, soubo transmitir as ganas de pasalo ben ao público de Castrelos que comezou a botar con el sen parar en todo o que restaría de concerto. Ao público vigués non lle deu tempo a repoñerse. Comezaron a soar os acordes de Luces de Neón, o segundo tema escollido polo grupo para a cita viguesa, e a euforia foi total no auditorio. Os vigueses contaxiábanse da enerxía positiva que transmitía a banda e gozaba do espectáculo de luces e cor que acompañaban as cancións. Sen dúbida a posta en escena de Lori Meyers foi a máis atrevida das actuacións que este ano pasaron por Castrelos. O ánimo festeiro non decaeu ao soar Planilandia, nin tampouco o fixo con Luciérnagas y mariposas a pesar de ser un dos temas máis tranquilos da noite.

O concerto gozou en todo momento de gran dinamismo sen apenas intervención de Noni que si fixo referencia a noite calorosa que nos acompañaba e quixo enviar saúdos a familia Pirata: Fon Román e Iván Ferreiro. A banda totalmente entregada interpretou temas como Océanos, Sus nuevos zapatos, Tokio ya no nos quiere, El tiempo pasará, Zona de Confort, Corazón Elocuente e Explícame. Este último tema interpretado na voz de Alejandro Méndez.

Pasado o ecuador do concerto, Castrelos vibraba de emoción e a temperatura subira aínda uns grados máis cando os granadinos sacaron toda a artillería. Fixeron que o público perdera o control con eles ao son do seu Pierdo el control, Dilema, Brilla el sol e a famosísima Emborracharme que Castrelos coreou con forza. Se ben é certo que o de Lori Meyers non foi o concerto que máis público congregou en Castrelos, tamén o é que os asistentes estaban totalmente entregados e se contaxiaron do bo rollo da banda.
Tras unha pequenísima parada, Lori Meyers volveu a saír en escena para interpretar catro dos temas que máis fama lle teñen dado nestes vinte anos de carreira: Religión, Aha han vuelto?, Mi realidad e Alta Fidelidad. Neste último tema Noni non parou de correr dunha banda a outra do escenario e achegarse ao público tanto como lle foi posible. Animou a todos os seus fans a cantar con el. De maneira que foi Castrelos a viva voz o que puxo o punto final a esta enérxica actuación.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.