REVISTA ABRIL

E despois da tormenta chegou Juanes

Juanes parou a chuvia coa súa música a pesar de interpretar un repertorio con claros e nuboeiros. Con actitude humilde e acompañado por 4 músicos, o artistas colombiano, que cumpriu 46 anos sobre o escenario, defendeu con enerxía tanto novas cancións como os seus clásicos máis antigos.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Pasaban dez minutos da hora acordada cando, despois dun vídeo de temática espacial (sería a primeira referencia ao xogo de palabras “amarte” e “a Marte”) Juanes apareceu en escena, totalmente de negro e cun frondoso bigote. Aínda caían algunhas gotas, pero nada que ver cos momentos previos ao concerto, nos que as gradas convertéronse nun mar de paraugas.

A primeira canción sorprendeu a todos, xa que decidiu abrir o concerto co que probablemente sexa o seu maior éxito, A Dios le pido. Tras ela, tocou dúas cancións do novo disco, Mis planes son amarte, as guitarreiras Fuego e Hermosa ingrata. Juanes continuou este inicio do show con tres dos seus maiores hits: Nada valgo sin tu amor, Fotografía e Es por ti. O público gozou co potente inicio do colombiano, quen nas súas primeiras seis cancións tocou catro clásicos.

Unha forma arriscada de distribuír o setlist, xa que a continuación o artista medellinense defendeu como puido 5 cancións seguidas do seu último traballo: Ángel, El ratico, Es tarde, Mis planes son amarte e Bendecido. A maioría dos asistentes, ao non coñecer estes  temas, e por comparación cos anteriores, non conseguiron conectar coa música, e os murmurios fixéronse máis notorios.

Foi tamén nesta parte, cando o público de primeira fila fíxolle chegar a Juanes as súas queixas sobre o son.O equipo de son estaba programado para que se escoitase ben no resto do Auditorio, pero non se escoitaba ben diante. A voz do cantante era apenas audible e o son da banda parecía gravado cun móbil. Juanes, absolutamente sorprendido, pediulle aos seus técnicos que intentaran arranxar este problema, que nunca antes lle tiña pasado.

Tras este inciso, Juanes tocou un dos seus temas antigos máis fermosos, o acústico Para tu amor. Tras este oasis, Juanes retomou os seus novos temas, dun marcado carácter comercial e electrónico, como son Esto no acaba, Pa dentro e Oye mujerque posiblemente gustaran aos máis fieis pero descolocaran ao resto dos asistentes.

REVISTA ABRIL

Como se dun libro de primaria se tratase, o concerto estivo organizado por distintos bloques bastante diferenciados entre eles. A continuación foi a quenda do Juanes máis antigo, con temas máis movidos e con maior presenza de guitarra como La paga, La noche e Mala gente. Un segmento no que quedaría de libro Yerbatero, un dos seus temas máis recoñecidos que non soaron onte.

Juanes reservou dous canonazos para o final: La camisa negra e Me enamora, dous dos éxitos que o ergueron como unha das referencias do pop latino. Tras interpretar estas cancións e despedirse do público, volveu ao escenario disposto a regalar uns temas máis. Foi aí cando tivo lugar un dos momentos cumes do concerto: a versión a piano de Volverte a ver, dunha fermosura maiúscula. Continuou con Querida, a canción que interpreta con Juan Gabriel, e coa animadísima e electrónica La luz, do 2015, máis propia da Orquesta Panorama que do artista colombiano.

Juanes despediuse apaixonadamente do público, as luces dos farois acendéronse e moita xente comezou a marchar. Cal foi a sorpresa cando o cantante volveu aparecer sobre o escenario. Estaba de aniversario (46 primaveras) e tiña ganas de invitarnos a uns cantos temas máis, entre os que destacou un dos seus maiores éxitos, Lágrimas de agua dulce. Agora si, Juanes marchou, deixando unha sensación positiva pero quizais mellorable de ter tocado o repertorio noutra orde.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.